Non houbo sorpresa. Entre maior expectación da agardada pola demora de máis de media hora na divulgación da decisión, a Real Academia Galega anunciou este sábado que o etnógrafo Antón Fraguas é a figura elixida como homenaxeada no Día das Letras Galegas do 2019. Elixiuno en detrimento de Ricardo Carvalho Calero, cuxa candidatura foi novamente desbotada
Fraguas, que sentou na cadeira da RAG que antes ocuparan Castelao ou Leiras Pulpeiro, foi membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. O seu amor pola historia e a etnografía foi clave no impulso do Museo do Pobo Galego.
Dende ben mozo amosou a súa preocupación polo idioma, o que o levou a colaborar na fundación da Sociedade da Lingua nos anos 20 do século pasado e a integrarse nas Irmandades e no SEG, onde inaugurou con Otero Pedrayo os estudos de xeografía histórica con traballos sobre tradicións como o Entroido.
Fraguas foi membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos; foi represaliado polos franquistas e o seu amor pola historia e a etnografía foi clave no impulso do Museo do Pobo Galego
Artigos en publicacións emblemáticas como Nós ou A Nosa Terra foron os primeiros traballos divulgativos de Fraguas, que tamén traballou as biografías ou a arqueoloxía. Os franquistas afastárono do ensino público, ao que se incorporara en 1933 na Estrada, e non puido regresar a el ata 1950, primeiro en Lugo e despois en Santiago. Antes, tras o golpe de Estado, fora detido pola súa militancia galeguista e obrigado a borrar con sosa cáustica pintadas nas rúas de Santiago a prol do Estatuto galego, plebiscitado no propio 1936, tal e como acreditaron investigacións en materia de memoria histórica como as desenvolvidas dende o proxecto Nomes e Voces.
A súa actividade docente foi sempre parella á investigadora no Instituto Padre Sarmiento e na propia RAG. A finais dos anos 70 Fraguas impulsou o Museo do Pobo, que dirixiu, e no comezo da autonomía coordinou a sección de antropoloxía cultural do Consello da Cultura. Durante a súa vida, especialmente no último treito, recibiu numerosas distincións, caso do Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba ou a Medalla ao Mérito Cidadán e Cultural de Santiago. Tras o seu falecemento en 1999 foi remudado por Antonio Eiras Roel como cronista oficial de Galicia, posto vacante dende o seu pasamento en 2017.
"Contribuíu a defender o galego como lingua de expresión para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria", subliña a RAG
Tras a súa elección a Academia destaca que Fraguas foi un profesor "depurado polo franquismo e querido polo alumnado", un "narrador excepcional cunha popularidade pouco común" que "dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galego dende distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía". Neste sentido, a RAG subliña que "cos seus traballos e conferencias contribuíu a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria".
Fraguas (arriba, segundo pola dereita), nas ruínas de San Domingos de Pontevedra con outros membros do Seminario de Estudos Galegos en 1928 / Dominio público