O 'Outono Fotográfico' de Ourense desaparece despois de 35 anos polos "incumprimentos" do Concello

Imaxe dunha sala baleira coa que o equipo do OF anuncia a rolda de prensa que este luns confirmará a desaparición do certame © Outono Fotográfico

O Outono Fotográfico de Ourense vén celebrándose dende o ano 1983. Ao igual que tantas outras iniciativas culturais da cidade das Burgas, o certame naceu co impulso de Benito Losada, director da Casa da Xuventude de Ourense. A mostra creceu ano a ano e converteuse nun referente en toda Galicia, traspasando as fronteiras da cidade, con exposicións en 30 urbes e vilas de todo o país, e tamén en Barcelona, Chaves ou Porto. A de 2010 foi a derradeira edición dirixida por Benito Losada, tomando o relevo nos anos seguintes Xosé Lois Vázquez ou Vítor Nieves. Nos últimos anos as dificultades para o Outono Fotográfico foron cada vez maiores, sobre todo pola falta de apoio do Concello de Ourense. E este ano, despois de 35 edicións, o certame non se celebrará dicindo adeus entre críticas aos "incumprimentos" do actual Goberno municipal.

A confirmación chegará este luns, nunha rolda de prensa no Liceo de Ourense na que se achegarán "algúns datos do proceso de calculada desatención do acordado" por parte do Concello. Así mesmo, valorarase o significado da desaparición do Outono Fotográfico "no marco da política cultural local no que se dá", destacando a actual organización do certame que "lamentabelmente a historia do Outono Fotográfico rematou de forma non desexada e abrupta". A fin do OF chega un mes despois de que se confirmase que este ano, despois de dúas décadas, a cidade tampouco celebrará o seu Festival Internacional de Cine (OUFF).

Hai unhas semanas a organización do Outono Fotográfico denunciaba que o Concello aínda non liberara a subveción comprometida, uns 9.000 euros (máis dun terzo dos 24.000 que constitúen o orzamento total do certame), o que provocou, por exemplo, que aínda non puidese ser publicado o habitual catálogo da edición 2017. Tamén se criticaba que dende o Goberno local non se respondera ás súas reiteradas peticións para manter unha xuntanza que permitise avanzar na procura dunha solución. "Nom sabedes a tristeza que é fazer a crónica de uma morte anunciada", escribía este venres Vitor Nieves nas redes sociais, que se inmediato se encheron de mensaxes de ánimo ao equipo organizador, subliñando a importancia da iniciativa cultural a piques de desaparecer.

Curiosamente, hai apenas unhas semanas o Outono Fotográfico convocou a sexta edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo.

 

Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez © OF
Unha das mostras do Outono Fotográfico © OF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.