Manzaneda achega pistas sobre a conquista de Gallaecia polo exército romano

Localización do campamento romano en Penedo dos Lobos (Manzaneda) © romanarmy.eu

Aínda é pouco o que sabemos sobre o proceso de conquista do noroeste peninsular por parte de Roma. Máis aló dalgunhas referencias históricas escritas, por xerais, os primeiros avances das tropas romanas, aloxadas en campamentos efémeros, non deixaron pegadas moi visibles nos terreo. De feito, os dous campamentos militares mellor estudados, o de Aquae Querquennae en Bande, e A Cidadella en Sobrado dos Monxes pertencen a un período bastante posterior ao da chegada das primeiras tropas ao territorio. Nos últimos anos (en parte grazas aos avances tecnolóxicos) distintas achegas foron afondando neste tema, deitando luz sobre o proceso de penetración do exército romano, os enfrontamentos que mantiveron cos habitantes nativos do territorio e as relacións que estableceron con eles. Se en 1990 unicamente se coñecían 11 xacementos militares romanos de época altoimperial nas rexións norteñas da Península Ibérica, agora podemos falar de ao redor dun cento.

O colectivo Romanarmy.eu, no que participan investigadores das universidades de Santiago, Oviedo, Complutense de Madrid e do CSIC, leva anos traballando neste campo. Desde 2011, cando se deu a coñecer a existencia de A Recacha (Navia de Suarna), ata 17 novos asentamentos militares foron documentados –total ou parcialmente- en Galicia. Agora, un equipo de investigación prepara para a semana do 20 ao 26 de agosto unha exploración dun novo campamento romano na montaña de Manzaneda, na coñecida como Penedo dos Lobos, no que pode ser un dos recintos militares de campaña mellor conservados do noroeste peninsular. O obxectivo é estudar en detalle a morfoloxía do xacemento e o seu encaixe no proceso de conquista e control do noroeste peninsular por parte do Imperio Romano.

O recinto de Penedo dos Lobos está ubicado a 1466 metros de altura, sendo un dos campamentos romanos ubicados a maior altitude no actual territorio galego. Conta cunha superficie de 2.34 hectáreas, o cal permite estimar que foi construído para unha unidade militar de entre 800 e 1000 soldados. Considérase un campamento de marcha, é dicir, un recinto militar construído durante o avance da columna militar, non estable e ocupado durante moi pouco tempo. A hipótese de partida é que é un recinto militar de época altoimperial (ss I a.C.-III d.C.).

O que converte a Penedo dos Lobos nun espazo arqueolóxico privilexiado é o feito de que conserva as portas orixinais de acceso ao recinto. O outro elemento excepcional é que se trata dun dos poucos campamentos romanos de marcha vinculados á conquista do norte de Hispania que está construído en pedra. Os soldados botaron man do abundante material granítico da zona para construír as defensas. Isto, xunto co illamento da zona e o seu uso unicamente gandeiro, permitiu que o campamento se atope nun estado de conservación único, e que todo o sistema defensivo sexa facilmente apreciable mesmo para público non experto, aspecto que é difícil en xacementos peor preservados. Cómpre ter en conta que estamos falando de recintos habitados unicamente durante uns días hai máis de dous mil anos.

O campamento fora descuberto por un veciño da comarca, Rubén F. Lorenzo Pérez, quen comunicou o colectivo romanarmy.eu a existencia dun recinto de alta montaña de peculiares características. João Fonte, director do equipo de investigación que traballará sobre o terreo, explica para Praza que os traballos que levarán a cabo do 20 ao 26 de agosto "van ser maioritariamente non invasivos". "Trátase dunha primeira exploración e se os primeiros indicios son positivos, ampliaríamos a actuación no futuro. Pero o primeiro que queremos facer é validar arqueoloxicamente que se trata dun asentamento militar romano. Estamos bastante seguros, pero queremos confirmalo con traballo arqueolóxico", conta.

Trátase dun dos poucos campamentos romanos de marcha vinculados á conquista do norte de Hispania que está construído en pedra

A campaña está promovida polo CSIC, o concello de Manzaneda, e o Grupo de Investigación Síncrisis da USC. De feito, o Concello de Manzaneda vai levar a cabo en primeiro lugar a limpeza integral do lugar. "Despois faremos un levantamento fotogramétrico cun dron para obter un modelo tridimensional co que poderemos apreciar as súas características morfolóxicas. Estas características xa se intúen neste momento, pero trala limpeza van quedar moito máis claras", debulla João Fonte. "A continuación faremos algunha prospección superficial para poder identificar algún material arqueolóxico que nos permita obter indicios máis concretos a nivel cronolóxico sobre a ocupación do sitio. Empregaremos tamén un magnetómetro para facer unha prospección xeofísica, un mapeado das anomalías magnéticas que pode presentar o lugar, indicios de eventuais estruturas arqueolóxicas", engade.

 

"Vainos permitir reescribir as narrativas históricas sobre este período"

Levamos anos aplicando metodoloxías específicas para identificar estes sitios: o uso da fotografía aérea, as imaxes por satélite e, sobre todo, do LIDAR aéreo permitíronnos identificar un número moito maior de espazos

Ata agora descoñecíase como fora o proceso de penetración do exército romano en Gallaecia durante a conquista. Nos últimos anos foron identificados novos campamentos nas portas da vía de acceso natural a Galicia (como Vilafranca do Bierzo). Tamén na Cha de Santa Marta, entre Sarria e Láncara, unha planicie á saída das montañas orientais galegas e que os investigadores identifican como unha posible base loxística romana na que se agruparían e prepararían as tropas antes de entrar no territorio. Outro campamento atópase ao carón dun paso natural do Miño, no Monte dos Trollos (O Páramo). Atopáronse outros dous campamentos, situados na zona occidental de Galicia e que polo tanto tería servido para o asentamento e extensión das tropas romanas polo territorio, de norte a sur, empregando a Depresión Meridiana galega. Trátase do recinto de Campos, en Vilanova da Cerveira (Portugal), e o de Cornado (Negreira). A súa datación pode ir desde momentos tardorrepublicanos ata o Imperio, pero revelan unha presenza moi temperá do Exército romano na costa occidental galega.

"Estamos ante un fenómeno histórico do que sabiamos moi pouco. Os campamentos militares eran espazos de uso temporal que materialmente deixaban moi pouca información", sinala Fonte. "Dende romanarmy.eu levamos uns anos aplicando metodoloxías específicas para identificar estes sitios: o uso da fotografía aérea, as imaxes por satélite e, sobre todo, do LIDAR aéreo permitíronnos identificar un número moito maior de espazos empregados pola ocupación militar romana, unha cifra que cada vez se vai incrementar máis", di.

"Vainos permitir reescribir as narrativas históricas sobre este período, sobre os primeiros contactos entre Roma e as comunidades indíxenas do noroeste da Península"

O investigador salienta que "a nivel cuantitativo coñecemos cada vez máis sitios, pero tamén a nivel cualitativo, o que nos vai permitir reescribir as narrativas históricas sobre este período, sobre os primeiros contactos entre Roma e as comunidades indíxenas do noroeste da Península". "Non abonda con identificar estes lugares, hai que levar a cabo un estudo integral que nos permita obter cronoloxías o máis precisas posibles e así poderemos contextualizar estes sitios no seu período histórico", subliña, aínda que aclara que "hai que ser conscientes, iso si, de que é difícil fixar con exactitude a súa datación, pois a diferenza dos campamentos máis permanentes, coma os de Bande ou Sobrado, estes son sitios moi temporais". "Temos que tentar comprender mellor estes sitios e a súa inserción no territorio", conclúe.

 

Localización do campamento romano en Penedo dos Lobos (Manzaneda) © romanarmy.eu
Mapa coa distribución dos campamentos investigados CC-BY-SA Consiliencia Galicia
Campamento Aquae Querquennae, en Bande © Fundación Aquae Querquennae Via Nova
Campamento da Ciadella (Sobrado dos Monxes) © http://www.viatorimperi.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.