0 Gardados para despois

Mounqup: "O rural quere xente. É a xente a que crea a actividade, a que crea a vida"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Camille Hédouin (Nantes, 1986), Mounqup, chegou a Galicia dende Francia no ano 2011 para traballar na rehabilitación da aldea de Saumede, na Bola. 29 casas que se atopaban en ruínas antes da chegada da asociación El Pueblo e nas que este colectivo quere crear un espazo de intercambio cultural, con residencias para artistas. Dende entón reside nesta localidade ourensá, onde fai música electrónica en galego, inglés e francés. 

En 2017 publicou o seu primeiro disco, Proba de Son e comezou a recoller premios e recoñecementos ao seu traballo. Ese ano foi galardoada co premio Narf organizado pola Deputación da Coruña e hai uns meses recibiu o Premio Martín Códax na categoría de electrónica. Pouco antes do verán publicou o seu segundo álbum, Monte Verdi e dende entón non deixou de ofrecer concertos. En xullo pasou por Compostela, Oleiros, Pontevedra, Aveiro ou polo Festival Sinsal. E en agosto ten un total de nove datas programadas, entre as que destaca o Festival Ribeira Sacra ou o Festival Noroeste da Coruña, onde actuará este mércores (Fundación Seoane, 20 horas).

Da primeira pregunta se cadra estás xa cansa, pero supoño que moita xente se pode sorprender de que unha rapaza francesa se instalase en Galicia e, sobre todo, no rural galego. Como chegaches aquí en 2011?

Está xustificada a pregunta. Pois resultou que tiña un proxecto cuns amigos que buscaba rehabilitar a aldea de Saumede, na Bola, entre Celanova e Allariz. O obxectivo é recuperar a localidade e rehabilitar as casas con construción ecolóxica sempre que se poida para convertelo nun espazo de intercambio cultural. Pero leva moito tempo, comezamos os traballos hai sete anos pero non están rematados. Facemos todos os veráns un pequeno festival, Ao compaz, con poucos medios e autoxestionado. Cando estea rematado, queremos organizar alí residencias artísticas e obradoiros durante todo o ano.

Que fai falta para rematalo?

Faltan mans, voluntarios. En realidade non faltan tantas obras e calculamos que se estivesen cinco persoas traballando durante un mes, poderíase rematar. Ao comezo tivemos algunha subvención, pero rematáronse, e agora imos mercando material pouquiño a pouco.

"Quería aprender a tocar a batería, pero eran moi caras e a miña familia non ma podía mercar. Iso é o bo da voz, que é un instrumento que xa temos, non custa cartos"

Como chegas á música? Sempre te interesou?

Sempre estiven interesada pola música. Non veño dunha familia de músicos; ao meu pai si que lle gustaba moito, pero case non o coñecín. Si que o meu irmán acabou sendo técnico de son, así que aí podemos ter algo nos xenes. Dende nena miraba sempre os videoclips na MTV e despois descubrín aos Cranberries ou a Mariah Carey e quería cantar coma elas. E así aprendín a cantar. Tamén quería aprender a tocar a batería, pero eran moi caras e a miña familia non ma podía mercar. Iso é o bo da voz, que é un instrumento que xa temos, non custa cartos.

E cando empezaches a experimentar coas máquinas, cos loops?

Pois iso foi xa en Galicia. En 2012 merquei a miña primeira pedaleira de loops. Nese momento non atopaba outra xente que estivese interesada na música que a min me gustaba. E o bo dos loops é que só coa voz podía facer unha canción, acompañándoa de ruídos gravados.

O teu primeiro disco, Proba de Son (2017), non chegou ata o ano pasado. Foi difícil publicalo?

Foi difícil, porque ao comezo non sabía ben facer as mesturas, non tiña os medios necesarios e sempre pensaba que se podía mellorar. Sigo pensando que podía facerse mellor. Ademais, faltábame a confianza, seguramente. Iago, do Café Cultural El Pueblo, axudoume moito a difundilo.

En que se diferencia este segundo disco, Castro Verdi (2018), do primeiro? Só na técnica ou tamén no estilo?

Cústame moito definir o meu estilo, ou o estilo dos discos. Simplemente fago o que me dá a gana. Aínda estou aprendendo, así que non creo que poida encaixar un disco nun determinado concepto ou etiqueta. Sigo facendo unha “proba de son”.

"Entendo a utilidade das etiquetas, porque a xente necesita ordenar o que escoita, pero eu non son capaz de etiquetar a miña propia música"

Dis que non che gustan as etiquetas, pero sobre ti xa se escribiu que facías “electrónica rural”, “worldtrónica”, mil cousas...

Entendo a utilidade destas etiquetas, porque a xente necesita ordenar o que escoita, pero eu non son capaz de etiquetar a miña propia música. O da electrónica rural díxoo unha amiga miña e gústame, pero a min cústame moito definirme.

A clave na túa música é a suma deses dous elementos: a electrónica e a túa voz? Xogar coa túa voz, experimentar con ela, explorar as súas posibilidades?

Si, é iso, porque son sobre todo cantante. E utilizo a electrónica porque non me gusta cantar a capella e porque é o acompañamento máis accesible que teño, non podo ter unha orquestra ao meu carón.

Tamén se repetiu moito sobre ti que es “a Björk galega”. Escoitas isto como un afago ou é incómodo?

Esta etiqueta si me aburre máis, porque Björk é unha persoa coa que se me compara, non é un estilo no que collen moitas persoas, o que si poder ter máis sentido. Pero non pasa nada, prefiro que me comparen con Björk que con Susan Boyle.

"Non escoito moita música tradicional, pero si as pandereteiras e metéuseme no cerebro a forma de cantar destas mulleres. Pero non podo delimitar o efecto exacto que isto produciu"

Cres que o feito de vivir en Galicia ten efectos na túa música? Sentes que a música galega, tradicional ou non, inflúe no que ti cantas?

Seguramente si, aínda que non sei exactamente de que xeito. O certo é que non escoito moita música tradicional, pero si as pandereteiras e metéuseme no cerebro a forma de cantar destas mulleres. Pero non podo delimitar o efecto exacto que isto produciu e non sei que estaría facendo se aínda vivise en Francia ou se vivise na cidade. Pero a vida aquí si que me inflúe, seguro, nas letras: falo da horta, da soidade, de cambiar de estilo de vida...

"Seguramente son máis pobre que antes, ingreso menos cartos, pero cando traballo na horta, traballo en algo que ten sentido"

Que importancia ten para ti vivir no rural? Que che achega vivir na Bola?

Seguramente son máis pobre que antes, ingreso menos cartos, pero cando traballo na horta, traballo en algo que ten sentido. Se vou sachar sei por que vou sachar, se vou cortar leña sei que esa leña vai servir para quentarme eu e á miña familia. Todo ten máis sentido. Ademais, agora que sei o que é ter espazo, non me vexo vivindo nun piso pequeno na cidade. Nun piso, igualmente, non podería ensaiar como o fago aquí, aos veciños seguro que non lles gustaría (ri). Hai que diversificar a vida e as formas de consumir. Vivir no rural é, ademais, máis barato e ecoloxicamente e eticamente vaime mellor.

O rural galego atravesa unha crise moi grave: despoboamento, envellecemento, perda de servizos públicos... Na túa opinión, que habería que facer para revitalizalo?

A administración debería poñer todo da súa parte para facilitar que a xente nova se instalase no rural. Nós tivemos moita sorte de atopar unha casa barata, pero non sempre é doado. Danse casos de vivendas que están abandonadas, pero a xente non vende. E canto máis agardemos, máis difícil será reconstruír. Fai falta xente. O rural quere xente. É a xente a que crea a actividade, a que crea a vida.

"A administración debería poñer todo da súa parte para facilitar que a xente nova se instalase no rural"

Acabas de sacar o teu segundo disco, pero que proxectos tes en mente?

Teño moitas ideas, pero aínda non sei como poñelas nos tempos. Como estou a tope con concertos, non me puiden sentar a traballar nelas, pero en inverno gustaríame dedicarme a compoñer. Está madurando pouquiño a pouquiño.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.