Unha das figuras que compoñen a fachada da Praza de Praterías Catedral de Santiago amenceu na mañá deste luns pintada de azul, cuns bigotes de gato emulando as coñecidas maquillaxes de Kiss, unha referencia que confirmaba o propio nome da banda, escrito tamén na estatua. As reaccións ao acto vandálico foron inmediatas, cualificándoo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, como "unha barbaridade" e un "atentado cultural". O alcalde de Compostela, Martiño Noriega, afirmou que Santiago "é unha cidade patrimonio da humanidade, aberta e moi tolerante, pero diante deste tipo de actuacións somos intolerantes". "Se nos tocan o patrimonio tócannos a todos e a todas", engadiu.
Pola súa banda, o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, informou de que afortunadamente a restauración do elemento afectado será relativamente doada e que a figura, do século XII, non sufrirá danos. Os traballos levaranse a cabo ao longo da tarde deste luns, empregando a técnica láser coa que se traballou no Pórtico da Gloria. O director da Fundación Catedral incidiu na importancia de "concienciar a todo o mundo da preservación do patrimonio".
"Se nos tocan o patrimonio tócannos a todos e a todas", dixo Martiño Noriega
Aínda que o dano sexa reparable, o autor ou autora deste atentado contra o patrimonio, podería recibir unha sanción económica de grande importancia. O propio Román Rodríguez adiantou que a pintada podería ser cualificada como "infracción grave", unha categoría para a que a Lei de Patrimonio Cultural de 2016 prevé multas de entre 6.000 e 150.000 euros.
A Policía está a revisar os rexistros das cámaras de vixilancia que existen na Praza de Praterías para dar cos ou coas responsables do sucedido. Martiño Noriega destacou que aínda que durante o verán existe unha maior presenza policial no casco histórico, con incremento de efectivos, "é imposible asegurar un control absoluto", polo que "é importante mandar unha mensaxe de civismo".