"No simulacro de estado do benestar clientelar do Fraguismo non se avanzou na vertebración do ecosistema cultural galego"

Imaxe da Cidade da Cultura © Xunta

Camilo Franco apuntou nun artigo publicado o pasado ano "a fin da cultura autonómica", á vista do progresivo recorte de varias das institucións -e sistemas- que configuraran dende a década dos oitenta a cultura galega. Tres décadas de autogoberno configuraron un sistema cultural galego extremadamente dependente da administración e do poder e escasamente vertebrado que destacou ademais -sobre todo durante o Fraguismo- polo gusto polos grandes eventos e polas grandes infraestruturas e pola concepción da cultura como un instrumento máis nas redes de poder. Jorge Linheira vén de publicar La cultura como reserva india. 36 años de políticas culturales en Galicia (Libros.com), unha extensa análise das decisións coas que se configuraron dende administración as dinámicas de produción e consumo de cultura no país.

Linheira introduce o concepto de cultura do botafumeiro, destinada a "perfumar o pacto de elites", un consenso cultural establecido dende a Transición en forma de acordo entre os gobernos autonómicos e o galeguismo cultural, a través do que se dotou de lexitimidade a esa Xunta nacida sen apoios e a uns dirixentes procedentes do Franquismo, mentres se creaban unha serie de estruturas e redes culturais de país, como tan ben subliñou Óscar Iglesias hai un tempo. Un concepto que Linheira tamén denomina Cultura da Transición de Galicia (CTdGa), recollendo o termo CT apuntado por Guillem Martínez para o conxunto do Estado.

A análise inclúe unha crítica profunda da Cidade da Cultura como paradigma das políticas aplicadas neste campo. E tamén da Burla Negra e da expresión cultural de Nunca Máis, que Linheira identifica como o punto no que racha esa CTdGa, a xeito de rebelión desa reserva india. O libro chega ata o presente e as políticas culturais aplicadas por Núñez Feijoo, un período no que o autor sinala un novo cambio de paradigma, pois aínda que se manteñan certas prácticas (como o gusto polos grandes eventos), "Feijoo non necesita da cultura galega para lexitimarse e pouco a pouco vai rematando con institucións creadas en tempos de Fraga ou Albor", sinala.

Houbo política cultural en Galicia nestes 36 anos? Lembro agora unha entrevista a Marcos Lorenzo, na que se amosaba moi categórico nesta cuestión...

A resposta ten que ser non. En Galicia non houbo política cultural, o que se fixo foi política coa cultura, pero non existiu política cultural digna de tal nome, unha política que parta dun diagnóstico realista, cuns obxectivos explícitos e factibles, cunha dotación orzamentaria estable, con medidas ben articuladas e coherentes entre si e que respondan a un interese racional e non a unha suma de ocorrencias ou dos intereses que ocupan certas canoxias de poder. O que sufrimos foi unha cultura decidida por uns aparatos que na maior parte das ocasións estiveron ao servizo de intereses particulares ou partidistas. Ademais, trala penetración do capitalismo postindustrial, viuse atravesada de cheo pola pulsión do consumismo exacerbado, cun expoñente claro no Xacobeo 93 e seguintes. E todo moi encamiñado á creación do denominado place-branding, a marca Galicia, acompañando o coñecido concepto de marca España. Polo tanto, non, non existiu política cultura. Como moito, como di Camilo Franco no libro, houbo dez minutos de política cultural durante o Bipartito.

"Non houbo política cultural, o que se fixo foi política coa cultura. O que sufrimos foi unha cultura decidida por uns aparatos que na maior parte das ocasións estiveron ao servizo de intereses particulares ou partidistas"

Introduces no libro o concepto da Cultura da Transición de Galicia (CTdGa), recollendo o xa exposto por Guillem Martínez para o Estado Español e Cataluña. E sinalas que, aquí tamén, tomou unha forma de consenso que deixou fóra moitas ideas, persoas e colectivos. Como se desenvolveu este proceso?

Si, parto do concepto de CT de Guillem Martínez, que tamén fala nalgún momento da CT catalá e neste análise comecei a traballar primeiro de forma conxunta con Germán Labrador, aínda que despois eu o desenvolvín máis. Obviamente o concepto bebe moito da hexemonía cultural descrita por Antonio Gramsci. A CTdGa viría ser unha operación política dirixida a lexitimar un réxime autonómico que naceu con poucos apoios e que ademais contribuía manter un combate contra o nacionalismo e contra os relatos da contracultura e a cambio creaba unha serie de estruturas culturais de aspecto galeguista. Esta CT avanzaba tamén na metanarrativa da reconciliación entre as vítimas e os verdugos de 1936 para outorgar unha natureza democrática e galeguista a uns xestores da autonomía con claras conexións co Franquismo. Eu atopo certas similitudes entre a Operación Tarradellas de 1977 e o traslado dos restos de Castelao en 1984 ao Panteón dos Galegos Ilustres. Para nós iso representa o fito fundacional desa CTdGa -aínda que o proceso xa comezara antes- e a entrega das medallas Castelao cada 28 de xuño dálle continuidade á estratexia.

"A CTdGa viría ser unha operación política dirixida a lexitimar un réxime autonómico que naceu con poucos apoios e que ademais contribuía manter un combate contra o nacionalismo e contra os relatos da contracultura"

Esa CTdGa é o conxunto de estruturas e procesos que levan a cabo o que chamo 'Cultura do Botafumeiro', que está destinada a perfumar o mal olor do pacto entre as elites políticas e culturais, dende o Consello da Cultura Galega, ás fundacións culturais ata os grandes eventos, cos Xacobeos como paradigma. As políticas sobre a cultura non cumpriron coa súa obriga de servizo público: non miraron polas necesidades do ecosistema cultural, non traballaron pola democratización dos seus recursos e pola contra a política cultural foi un instrumento de gobernanza, especializado na creación de consensos sociais e na pacificación das potencias críticas que atravesan e organizan as diversas zonas autónomas das culturas populares e das contraculturas galegas.

Se non acatabas ese consenso ficabas excluído desas estruturas?

Si, esa CTdGa puxo os límites do que se pode e non se pode dicir no espazo público. Foi o que sempre se chamou “paz cultural”, como a denominou Óscar Iglesias nunha reportaxe en El País, unha serie de estruturas culturais de Estado, pero un Estado colonial, intervido, con gran capacidade de penetración social grazas ao control dos medios de comunicación subvencionados pola Xunta e con grandes doses de populismo. A xente do mundo da cultura aprendeu que na súa relación co poder podía criticar certas cousas e outras non e que se quería sobrevivir nun sistema no que a administración pública é o actor predominante, o que ten os recursos, non podía realizar un ataque frontal. E ao final a xente ten que comer tres veces ao día e pagar facturas.

"A xente do mundo da cultura aprendeu que na súa relación co poder podía criticar certas cousas e outras non e que se quería sobrevivir nun sistema no que a administración pública é o actor predominante"

Neses anos había cartos, pero o problema é que non se avanzou na vertebración da cultura galega?

Un dos problemas do simulacro de estado do benestar clientelar do Fraguismo, construído a base de fondos europeos e de fondos estatais, é que en todos eses anos non se avanzou en absoluto na vertebración do ecosistema cultural galego, o que conduce á precariedade laboral, cunha gran dose de temporalidade, autoemprego e economía sumerxida. E esta precariedade está levando a que se queimen xeracións enteiras de traballadores culturais que son quen realmente están subvencionando a cultura a través da súa explotación. Porque esa precariedade supérase co voluntarismo e co entusiasmo, como tan ben explica Remedios Zafra no seu libro. A falta de política cultural dende o inicio levou a esta falta de vertebración, porque fixo que a cultura funcionase a través de solucións particulares en despachos, a través de clientelismo, o que fai moi difícil que ese sistema cultural poida ser algún día independente das axudas públicas. E non foi algo casual, foi algo buscado dende o poder.

"Un dos problemas do simulacro de estado do benestar clientelar do Fraguismo, construído a base de fondos europeos e de fondos estatais, é que en todos eses anos non se avanzou en absoluto na vertebración do ecosistema cultural galego"

Outro gran problema foi a non creación de públicos? A xente moitas veces nin sequera ten o hábito de pagar pola cultura...

Ao non haber política cultural, dende logo non houbo unha política pedagóxica no sentido de darlle valor á creación cultural e, ao mesmo tempo, de facela accesible para a poboación. Porque unha cousa é facela accesible e outra cousa é o todo gratis. Debe ser accesible, realizando unha política de prezos baseada nunha estratexia de dirección de públicos, pero sen caer na dinámica do todo gratis. É moi complicado manter unha pequena sala cando tes que competir todo o ano cunha administración que organiza concertos de balde continuamente.

"A cultura de base era moi potente neses anos finais do Franquismo e no comezo da Transición e a CTdGa tiña claro que había que deixala fóra"

No libro destacas a riqueza da cultura de base na Galicia de finais dos 70, que foi laminada pola cultura institucional nas décadas seguintes...

A cultura de base era moi potente neses anos finais do Franquismo e no comezo da Transición e a CTdGa tiña claro que había que deixala fóra. A CTdGa tivo éxito, porque unha cultura oficial sae vitoriosa cando consegue eliminar outras culturas reais de xeito que non lle poidan facer sombra. A cultura de base vai existir sempre e o que necesita son apoios. Entre as cousas boas que fixo o Bipartito foi apoiar estas formas de cultura.

"Burla Negra foi unha revolución cultural que non produciu evolución cultural, pero foi unha expresión cultural problematizadora"

Estableces no ano 2002, en Nunca Máis e en Burla Negra o remate da CTdeGa. Que implicaron estes movementos?

Marcamos no Prestige, en Nunca Máis e na Burla Negra a fin da CTdGa. Creo que é a primeira vez que atopamos un verdadeiro oasis cultural alternativo, poñendo sobre a mesa a posibilidade dunha cultura galega de signo emancipatorio. Sempre digo que Burla Negra foi unha revolución cultural que non produciu evolución cultural, pero foi unha expresión cultural problematizadora. Tivo moita visibilidade, bastante horizontal cando menos no seu inicio, unha cultura de abaixo a arriba. A cultura popular e a cultura letrada puxéronse do mesmo lado e tiveron un papel fundamental nas mobilizacións do 1 de decembro, na manifestación das maletas, no velorio do mar ou no 23F en Madrid. Todo o mundo aprendeu a dicir Nunca Máis. Creo que foi un momento clave para rachar coa pax fraguiana que fixo que mesmo algúns elementos clave do sistema non soubesen moi ben como actuar.

Como valoras as políticas culturais do Bipartito? Que tiveron de positivo e de negativo?

No Bipartito foi o único momento no que se intentou facer política cultural, pero cando no 2009 perde o poder resultaba moi difícil explicar que se fixo ben e que se fixo mal. As dúas principais críticas que lle hai que facer ao Bipartito son por suposto a non paralización das obras da Cidade da Cultura e que non corrixise a institucionalización da cultura galega, non se atreveron a meter man aí. Pero si houbo unha planificación cultural, puxéronse cimentos, como foi a creación de Agadic, houbo apoios para moitos colectivos e asociacións. Seguramente unha lexislatura é pouco tempo para ver o resultado de determinadas políticas.

"No Bipartito foi o único momento no que se intentou facer política cultural. Houbo unha planificación cultural, puxéronse cimentos"

A Cidade da Cultura, á que lle dedicas bastante espazo e ocupa a portada do libro, pode ser entendida como un símbolo de varios dos males da cultura galega?  

A Cidade da Cultura é o paradigma da política cultural utilizada como cortina de fume para o malgasto, a especulación e a corrupción. Como tamén o foron outras infraestruturas culturais, dende casas da cultura a auditorios. Hai que ter claro que as infraestruturas culturais son infraestruturas en primeiro lugar e que é habitual que teñan sobrecustos. E que un dos elementos clave na configuración da CTdGa foron tamén as construtoras: durante anos houbo unha burbulla da arte contemporánea da que se beneficiaron unha serie de empresas afíns que ademais daban diñeiro aos partidos políticos. Mira por exemplo a Gürtel. Eu son moi crítico coa Cidade da Cultura; paréceme evidente que é un malgasto de diñeiro, propio dese cosmopaletismo típico de finais da década dos 90. E creo que non se debería destinar un só euro máis da cultura aí, porque funciona como unha forma de chantaxe ao sector.

"As dúas principais críticas que lle hai que facer ao Bipartito son por suposto a non paralización das obras da Cidade da Cultura e que non corrixise a institucionalización da cultura galega, non se atreveron a meter man aí"

Hai diferenzas entre a política cultural de Fraga e a de Núñez Feijoo?

A chegada de Núñez Feijoo implicou un recorte nos orzamentos, que coincidiu no tempo cos efectos da crise-estafa. Se no 2009 os orzamentos de Cultura representaban o 1,17% do total do Orzamento, no 2015 chegouse ao 0,59%, cunha mínima suba en 2016. Está claro que Núñez Feijoo non lle ten cariño ningún á cultura nin á cultura galega: cada vez hai menos orzamento, esa reserva india vaise facendo cada vez máis pequena.

Isto lévanos de novo á CTdGa. Fraga necesitou do galeguismo político para gañar unha imaxe de demócrata de non era, de galeguista que non era e de centro que tampouco era. E aproveitando uns anos nos que había diñeiro, creouse unha leira cultural cunha serie de institucións imitando as que podía haber en Cataluña ou Euskadi, sempre que nelas non se empregase o termo nacional. Pero Feijoo xa chegou ao poder dunha maneira distinta: aproveitando as guerras culturais contra o galego creadas por Galicia Bilingüe. Feijoo non necesita da cultura galega para lexitimarse e pouco a pouco vai rematando con institucións creadas en tempos de Fraga ou Albor. É un tempo distinto e creo que para a cultura mesmo máis negativo que o Fraguismo.

"Feijoo non necesita da cultura galega para lexitimarse e pouco a pouco vai rematando con institucións creadas en tempos de Fraga ou Albor. É un tempo distinto e creo que para a cultura mesmo máis negativo que o Fraguismo"

O libro é analítico e non tanto propositivo, pero que cambios cres que serían importantes?

Sempre digo que a democracia reside onde residen os actos democráticos e no libro defendo esa democracia cultural radical, que se podería definir como unha cultura entendida como ferramenta de transformación social, que é algo que se perdeu dende o comezo da autonomía. A cultura deixou de ser unha defensa contra as inxustizas, cando ten unha gran capacidade de mobilización social, como demostrou por exemplo a Burla Negra. Habería que rematar tamén coa endogamia que existe na cultura galega. Habería que loitar contra o que no libro chamo chapapote cultural, eses artefactos alleos á nosa realidade. Habería que axudar á cultura de base, que normalmente vai por diante das institucións e hai que apoiar esas prácticas culturais autónomas para que crezan e poidan construír contrahexemonías.

"Deberíamos ter, en definitiva, unha política cultural, que ata agora non existiu, unha política que contase cunha planificación e fose máis aló das relacións directas ou da improvisación"

Deberíamos ter, en definitiva, unha política cultural, que ata agora non existiu, unha política que contase cunha planificación e fose máis aló das relacións directas ou da improvisación. E habería que entender que política cultural non é programar: as administracións deberían pasar de ser produtoras ou programadoras a ser facilitadoras, dando ferramentas ao ecosistema cultural para que a cultura como servizo público sexa sostible.

 

Jorge Linheira Dominio Público Praza Pública
Portada do libro © Libros.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.