0 Gardados para despois

Uxía Casal: "Supoño que nos modernizamos e aceptamos, por fin, que a literatura non ten por que ser plúmbea"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Na actualidade, a literatura galega "de xénero": terror, ciencia-ficción, policial... é aceptada pola crítica e mesmo forma parte das prioridades das editoras do país -incluso algunhas especialízanse nela-. Mais non sempre foi así. Cando Uxía Casal publicou Saturno tamén é deus, as percepcións dominantes sobre o que "debía ser" a literatura eran outras. Mais non só pola cuestión dos subxéneros literarios. Senón por outros motivos como o tratamento das relacións de xénero na literatura.

Uxía podía ser un desafío a esa produción literaria que desde hai algún tempo se deu en chamar "cipotuda". Contraviña os mandatos patriarcais. Tanto nas súas personaxes femininas como nas masculinas. E non aturaba o "machirulismo" dalgúns compañeiros da escrita. Urco reeditou Saturno nos seu selo Alcaián. Analizalo hoxe este libro, 20 anos despois, permite comprendelo desde outra perspectiva, ademais de ter unha visión un pouco máis completa do panorama literario de hai 20 e 30 anos, cando aínda non se empezara a falar dunha suposta "eclosión" de narradoras en galego. 

Antes de nada, como foi volver ver publicado o libro Saturno tamén é deus 20 anos despois? Que che está a parecer a acollida que está a ter?

Unha alegría, pois esta edición está moi coidada e as fotos de Paula Gómez del Valle Gómez, tanto a da capa coma a miña, encántanme; creo que suxiren o que hai no interior dun xeito moi logrado. Xa expliquei que volvelo publicar foi unha casualidade, non buscado por min. David Cortizo amosouse moi receptivo e amable, amais de verlle calidades que eu  comparto. Non sei se a acollida é tan boa como parece, pero, polo momento, non me podo queixar. Creo que o meu pobre Saturno merecía unha nova oportunidade e quizais sexa esta.

Dixeches noutras entrevistas que, cando o teu libro foi publicado por primeira vez, levábase máis a literatura “realista”. Nese mesmo tempo, e xa desde finais dos 80 nalgúns casos, había autores que apostaban pola novela negra ou a ciencia-ficción, por exemplo, que foron acusados de facer literatura frívola por escoller estes xéneros… Que cambiou agora para que literatura de terror (ou negra, ou de ciencia-ficción), sexa moito máis aceptada pola crítica e mesmo se convirta nunha aposta clara -ás veces, a aposta principal- por boa parte das editoras do país?

Supoño que nos modernizamos e aceptamos, por fin, que a literatura non ten por que ser sisuda e plúmbea, que con todo o dereito do mundo tamén se pode escribir en galego literatura de calidade que non persiga ser a “gran obra galega” que descubra a pedra filosofal, que a literatura admite todo o que sexa de interese para determinados lectores e que non se debería pretender –segundo uns criterios exquisitos que nunca compartín- que só o difícil de entender é bo.

"Con todo o dereito do mundo tamén se pode escribir en galego literatura de calidade que non persiga ser a gran obra galega”

Fíxate nas palabras que empregaches: “foron acusados”. A min quen me dicía o que se “levaba” na literatura daquela eran os comerciais das editoras, que se referían á literatura para adolescentes (eu aínda estaba en activo no instituto), libros que tratasen temas actuais e realistas, non de fantasía. De feito, cando puxemos O hobbit como lectura para cuarto de ESO, só lle gustara a un rapaz, cousa que non deixa de ser irónica porque non tardou moito en desatarse a loucura por Tolkien. Pero así é a vida.

"A boa literatura non ten por que ser aburrida"

Moitos lectores queren entreterse, pasalo ben mentres se mergullan nunha obra, e tanto o xénero negro, como o de terror e de ciencia-ficción buscan iso, amais de contar ben unha historia sen necesidade de presentar dilemas ou elucubracións  desde un punto de vista intelectual, que non lles interesan. A boa literatura non ten por que ser aburrida. Está, ademais, o que vende máis e as editoras non foron alleas a esa evolución. Á fin e ao cabo, unha editorial é un negocio.

Ao mesmo tempo, había xa, claro, unha tradición de relato de medo na nosa literatura, (penso en Ánxel Fole, por exemplo), e por suposto unha tradición oral do mesmo. De que maneira poden estar os teus relatos conectados con esa tradición oral? (Que non é só galega, claro, senón de todo o mundo). Algúns dos teus relatos son moi axeitados para ler en voz alta…

Ás veces sinto non responder ao estereotipo de escritora “galega” que bebeu desde o principio da literatura do país, pero non é o meu caso. Nacín en 1957 nunha casa na que había moitos libros e, daquela, poucos estaban escritos en galego; formeime como lectora cunha mestura curiosa: Enid Blyton, Malcom Saville, Tagore, Jules Verne, Hermann Hesse... En fin, ao principio os autores e autoras que, a medida que ía medrando, coidaban axeitados para min na casa.

"Como sempre me gustou ler en voz alta, cando me puxen a escribir busquei sempre a cadencia e o ritmo, que soase ben e harmónico, que tivese música"

Peteirei de aquí e acolá, case todo o que tiña ao alcance da man e o que fun escollendo eu co paso do tempo. Lin, iso si, moitísimos contos, desde os marabillosos ou de fadas ata os de autoría individual, e como, por riba, sempre me gustou ler en voz alta, cando me puxen a escribir busquei sempre a cadencia e o ritmo, que soase ben e harmónico, que tivese música. A literatura galega de medo coñecina bastante máis tarde. Algo influíu en min, claro, pero a semente xa estaba botada.

Hai, nos 14 relatos deste libro, medo, terror ás veces, angustia, desacougo… María Reimóndez comentou nunha crítica doutro libro teu, Vidas exemplares, que é na “normalidade do cotián” onde “o terror e a violencia amosan a súa cara máis sinistra”, exercida por persoas “normais”. Por que sitúas o terror, a violencia, precisamente no cotián, na “normalidade”? (Aínda que en Saturno si hai algún elemento de fantasía).

Houbo unha época na que accedín a relatos que se baseaban nese terror que partía do cotián, nese medo que xurdía do que en aparencia era seguro, pero que agachaba sorpresas inquietantes; quizais non haxa nada máis inquietante que iso que coidamos familiar se transforme en pavoroso dun momento para outro. Gustoume xogar con iso, se cadra porque é o que máis nos pode trastornar: perder a seguridade no familiar e cotián.

"Quizais non haxa nada máis inquietante que iso que coidamos familiar se transforme en pavoroso dun momento para outro"

Tamén influíu, claro, a miña imaxinación ardente que me levou a experimentar episodios de auténtico pavor, cando era aínda unha adolescente, ao ocorrérseme ideas que lle daban a volta á realidade. Saturno contribuíu moito, moito, a que eu perdese os meus medos “irracionais”.

Os relatos tecen, en Saturno, relacións entre si. É evidente no caso do primeiro e o último, nos que hai continuidade no personaxe. Mais logo pode haber nexos, por exemplo, entre o segundo -un home solitario e machista ao que acaba saíndolle unha muller de dentro-, e o 12º, no que unha muller maltratada loita, como pode, contra o seu maltratador. Es consciente destes nexos? Tiñas, na época, intención de denunciar a violencia machista e, en xeral, o machirulismo, ou é unha lectura que podemos facer máis ben desde a perspectiva de hoxe? 

A relación entre o primeiro relato e o último está buscada, é evidente. Entre o segundo e o duodécimo, non. O segundo naceu dunha teima que tiña eu daquela: para min estaba claro que o feminino e o masculino eran as dúas caras dunha mesma moeda; supoño que escollín un home como protagonista porque me parecía que eran máis remisos a aceptar os aspectos femininos da súa propia psique.

"Escollín un home como protagonista porque me parecía que eran máis remisos a aceptar os aspectos femininos da súa propia psique"

Pareceume unha especie de vinganza poética que fose xusto a el –un home gris e convencional- ao que lle ocorre unha transformación que o leva, non só a aceptar os aspectos femininos dentro de si, senón tamén a desexalos para sentirse un ser humano completo. O duodécimo foi máis un desexo de querer xogar coa ambigüidade, de despistar o lector para facelo dubidar entre a realidade e a imaxinación. Creo que ese xogo non o conseguín moi ben, se cadra porque me deixei levar polo meu aborrecemento cara aos maltratadores.

"Hai trinta anos –cando eu comecei a escribir estes relatos- o mundo era, creo, máis machista ca agora, aínda que non se falase tanto do tema"

Sobre a segunda parte da pregunta, hai trinta anos –cando eu comecei a escribir estes relatos- o mundo era, creo, máis machista ca agora, aínda que non se falase tanto do tema. Recoñezo que este é un tema do que non me gusta demasiado comentar, quizais porque teño moi presentes os machirulos cos que me topei –sen ser xa unha nena- e que teñen nomes coñecidos, ás veces valorados (mesmo idolatrados) por unha crítica da que chegas a pensar “pero, como?, como pode este ou aquel verlle valor a este libro escrito por A ou por B e que a min me parece mediocre?”, “como pode considerarse este autor marabilloso se non é máis ca un foguete de feira?”. Claro que é a miña visión e, polo tanto, única e intransferible.

"Teño moi presentes os machirulos cos que me topei –sen ser xa unha nena- e que teñen nomes coñecidos, ás veces valorados (mesmo idolatrados) pola crítica"

En relación co anterior, e tamén coa crítica de María Reimóndez, algo que aparece neste libro son personaxes femininas que se comportan de xeito violento, sen que iso o xustifique un trauma, un transtorno mental... Hai mesmo un certo punto absurdo ás veces. Dalgunha maneira quixeches falar, a través destes personaxes, de violencia absurda e incomprensible?

Si, e tamén que a maldade non entende de sexos nin de xéneros. Daquela coidaba tan tolo e absurdo o machismo que me rebelaba contra el como se xa non existise. Unha inxenuidade das miñas. Como era funcionaria, cobraba o mesmo cós meus compañeiros homes, desenvolvía unha actividade idéntica, tiña unha relación de parella igualitaria ao cen por cen, cheguei a pensar que iso era igual en todas as partes.

Eramos seres humanos, que importancia tiñan uns ou outros trazos sexuais? Claro que estaba na trintena, aínda me quedaba –e queda, supoño- moito por ver. Á parte diso, sigo pensando que a maldade é universal; vexo mulleres que... producen arrepíos. Iso non é exclusivo dos homes, senón común ao xénero humano.

Outro elemento que aparece bastante en Saturno é, penso, no fondo, moitas veces, o medo á soidade e a arela de liberdade. Hai persoas incomprendidas, tomadas por tolas, que non o están, e que están tremendamente soas. (Como o protagonista do primeiro e do último relato). Que papel xoga iso, a soidade, nos teus relatos? Como se relaciona coa angustia e por que?

Sabes que é sentirse un ET no mundo do que formas parte e que te rodea?, é dicir, sabes o que é sentirse unha inadaptada? Por un lado atraes, por outro notas rexeitamento e, aínda que non esteas soa no teu ámbito, si o estás na sociedade. Sabes, porque cho fan notar,  que es “rara”, que non respondes a ningún estereotipo de xénero, que te comportas como un ser humano “libre”, que vive ao seu xeito, e iso...

"Sabes que é sentirse un ET no mundo do que formas parte e que te rodea?, é dicir, sabes o que é sentirse unha inadaptada?"

Nunca me gustou que me quixesen meter nun compartimento estanco, porque os seus límites non eran os meus. Supoño que reflectín nalgúns deses relatos ese desexo de liberdade de sentirse unha mesma e as consecuencias e dúbidas que pode ocasionar. Daquela tamén me asustaba a soidade, porque era un resultado máis da incomprensión. Mira ti! Resulta paradoxal que hoxe en día ame tanto a miña soidade e tanto me teña que me comprendan ou non. Con que me acepten como son abóndame.

Canto a técnica narrativa, algo que teñen en común os contos é que tenden a dar un xiro inesperado contra o final. Tamén están conectados polo estilo: traballado, depurado, pero sinxelo, no sentido de fácil de ler. Es consciente dese xeito de escribir? 

Escolles un determinado estilo porque queres que te entendan, non para amosar o que sabes, que é o problema dos pedantes. Son consciente da miña escolla, lóxico, e sigo afondando nela. Desexo contar e que se entenda o que conto; se non fose así, onde quedaría esa comunicación co lector que todo escritor debería pretender? O xiro final, amais de “descolocar” o lector do seu cómodo asento, persegue sorprender e pedir un esforzo por parte de quen le; é, digámolo así, a súa parte no xogo proposto.

"Escolles un determinado estilo porque queres que te entendan, non para amosar o que sabes, que é o problema dos pedantes"

O faro de Arealonga é o libro que publicaras despois da primeira edición de Saturno. É unha novela de ficción científica protagonizada por unha xornalista tan baixiña como forte e botada para adiante. Como xorde este personaxe e que significou, para ti, esta novela no seu momento?

Desde moitos anos antes pensaba en escribir unha historia cuxo protagonista fose un anano; finalmente escollín unha anana para aumentarlle as dificultades. Os ananos téñeno moi difícil nun mundo pensado desde un estándar para grandes. Póñoche un exemplo cotián que pode semellar algo parvo, pero colócate na súa pel: imaxinas ter que levar sempre un pauciño contigo porque non lle chegas aos botóns dun ascensor ou ao timbre dunha casa?

"Rosalía Pardal permitiume facer ver o inxusto  que resulta que te xulguen polas aparencias e, por riba, desde o machismo"

Iso no plano real e visible; no invisible están certas miradiñas, certos sorrisiños malintencionados, moita condescendencia e un prexuízo minusvalorador moi maliño de levar. Se es muller, a cousa multiplícase por mil. Rosalía Pardal significou para min expresar eses sentimentos, facelos visibles e facer ver o inxusto  que resulta que te xulguen polas aparencias e, por riba, desde o machismo. Rosalía Pardal rima con Uxía Casal.

Sede en Ourense, publicada despois de O faro, é unha mestura de xéneros. Algún motivo especial para esa heteroxeneidade? Era, tamén, dalgún xeito, unha maneira de reivindicar os xéneros considerados aínda moitas veces “menores”? (Os marcados como “xéneros”, fronte á literatura “normal”, non de “xénero”, que sería a central, a seria…)

Atinaches! Quería xogar, unha vez máis, coas posibilidades que ofrece a literatura: aventuras, intriga, culebrón, cómic, prosa poética, tensión, comedia, drama, humor, etc. Foi esta unha novela un pouco desgraciada, no sentido de que tivo pouca sorte. Escribina uns catro ou cinco anos antes que O faro e xa ves cando a publicaron.

"Pasaran anos e cambiara a mentalidade ou visión do que era ou non era conveniente publicar"

Tiven acceso ao primeiro informe que o lector da editora escribiu para desaconsellar a súa publicación e, amais de rir moito coa súa lectura, comprendín que ese lector e os que admitían os seus consellos estaban moi lonxe do que eu coido literatura. Anos despois de publicarse O faro cambiara a dirección desa editorial e o novo encargado pediume un orixinal inédito; envieille Sede e apresurouse a publicala. Pasaran anos e cambiara a mentalidade ou visión do que era ou non era conveniente publicar.

As ás de Xenoveva, publicada antes de Saturno, é a historia dunha galiña cansa da granxa na que vive, que quere ver mundo e que é quen de facer cousas que moitos non imaxinarían… Como xorde este personaxe?

Xorde por unha conversa cun amigo cuxos sogros levaban unha granxa de polos. El dicía que as galiñas eran todas parvas e eu empeñeime en inventar unha afouta, valente e con moitos desexos de aprender do mundo. Para iso ten que ser libre e marchar da granxa, que son as súas cadeas; a granxa e a ignorancia. Así prepárase para marchar e conségueo, con todo o que iso supón para a súa aprendizaxe. Xenoveva era o alcume con que me chamaba miña irmá.

Durante case 12 anos mantiveches o blog Gradicela, no que falabas de libros, de anecdotas cotiás… Como ves desde agora a experiencia do blog? Que che achegou?

Foi moi bonito mentres durou, pero supoño que cansei. Aprendín moitas cousas, desde perderlles o medo á tecnoloxía e ao ordenador, coñecer persoas moi interesantes e boas –tamén malas, madía leva, das que cumpría fuxir-, deixar o pudor fóra, contar en primeira persoa sen máscaras, etc. Digamos que me axudou a abrirme ao mundo. Acababan de xubilarme, tiña 45 anos, vivía nun lugar paradisíaco, pero bastante illado... En fin, foi un medio para comunicarme con outras persoas.

Na súa crítica de Saturno, Emma Pedreira lembra o volume Narradoras, no que estaba o teu O pequeno Mario. Que significara para ti este libro no seu momento? 

En principio fun remisa a publicar nun volume só de narradoras. Daquela, como xa che comentei, pensaba que non cumpría especificar quen escribía; se eramos seres humanos, para que diferenciar por sexo? Xa ves. Hoxe decátome de que, en certo modo, si cumpría, que non foi unha mala idea.

Algo máis que queiras comentar? Algún novo proxecto literario?

Ando con relatos do mesmo tipo, ou semellante, dos de Saturno e Vidas, moi amodo, devagar, máis consciente, se cadra, do que pretendo facer. Seguirei adiante mentres me entreteña o xogo. O meu é xogar.

"Seguirei adiante mentres me entreteña o xogo. O meu é xogar"

E por certo, Eu tamén teño un acúfeno. De que maneira a incomodidade -e o sufrimento- que che producía a enfermidade puido condicionar as historias de Saturno?

Os meus acúfenos datan de 1999, despois de escribir Saturno, así que non puideron influír. Mais si é verdade que a escrita coincidiu cunha época terrible na miña vida. Pero todo o que vives fai que aprendas e faite crecer. E aquí seguimos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.