Así é María Victoria Moreno nos ollos dos nenos e nenas dos colexios galegos

Nesta nova edición participaron máis de 80 centros de toda Galicia © RAG

A Real Academia Galega organizou por segundo ano o concurso Contádenos o voso Día das Letras, no que premia os traballos realizados polo alumnado dos distintos centros de ensino galegos sobre o autor ou autora homenaxeada no Día das Letras. Nesta nova edición participaron máis de 80 centros de toda Galicia, un 15 % máis que na anterior, e a RAG decidiu recoñecer as iniciativas realizadas sobre a figura de María Victoria Moreno polo CPI Virxe da Cela (Monfero), o CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña) e a EEI do Milladoiro (Ames). Os galardóns entregaranse en outubro na sede da RAG.

O concurso desenvólvese ao abeiro do proxecto Primavera das Letras, a través do cal a RAG forncese á comunidade escolar de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura protagonista do 17 maio desde unha perspectiva interdisciplinaria. A Academia creou o portal no que se enmarca este concurso en 2016, cando o homenaxeado foi Manuel María. Tanto os recursos dedicados ao poeta chairego como os centrados en Carlos Casares, protagonista das Letras Galegas de 2017, seguen estando accesibles na web de Primavera das Letras.

O CPI Virxe da Cela (Monfero) participou no concurso realizando un programa de radio que aproveitou varios dos elementos típicos da comunicación radiofónica e no que debullou a obra e a figura da autora homenaxeada dunha maneira amena e didáctica. Así, o alumnado de primeiro e segundo de Primaria gravou un conto inspirado en personaxes das obras de María Victoria Moreno. E o de cuarto realizou un programa dedicado á autora con entrevistas a Eli Ríos, Monste Pena, Francisco Castro, Fran Alonso e Andrea Jamardo.

Mentres, o CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña) presentou un amplo conxunto de traballos e iniciativas, realizados polo alumnado dos distintos cursos, que serviu para achegar os rapaces e rapazas deste centro coruñés á vida e á obra de María Victoria Moreno desde a literatura, a música ou o teatro. Entre os proxectos desenvolvidas polo nenos e nenas deste colexio atopamos un concurso de preguntas e respostas sobre a autora ("Quen sabe máis de Mª Victoria Moreno?").

Tamén gravaron unha adaptación musical dun poema de Elexías de luz que se acompaña da súa versión en lingua de signos.

Igualmente, levaron a cabo unha versión dun dos populares xogos de cuarto de escape que incluía preguntas sobre María Victoria Moreno

Así mesmo, achegáronse ata o centro de día de Eirís para ler fragmentos de obras da escritora para os anciáns e anciás que alí se atopaban. Finalmente, realizaron unha representación teatral sobre o Día das Letras e María Victoria Moreno que incluía unha entrevista ficticia á autora homenaxeada.

Por último, na procura dun vínculo emocional entre os nenos e nenas de infantil, a EEI do Milladoiro realizou unha exposición sobre os “cachorros” de María Victoria Moreno, que buscaba reflectir o amor da autora polos canciños e mais polos seus alumnos e alumnas, aos que se refería con agarimo con este mesmo apelativo. A mostra valeuse de retratos, datos biográficos, fotografías e retrincos da vida da escritora; fragmentos e ilustracións das súas obras nas que aparecen canciños e textos e citas nas que lembra o seu labor como docente e o seu xeito de entender o ensino e de se relacionar cos mozos e mozas.

O CEIP Plurilingüe Anxo da Garda leu fragmentos de obras da escritora no centro de día de Eirís (A Coruña) © Praza Pública
O CPI Virxe da Cela realizou un programa de radio sobre a escritora © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.