O estudio de Camilo Díaz Baliño en Santiago era un fervedoiro cultural e político. Por alí pasaron algúns dos intelectuais máis relevantes da época e, durante a II República, colaborou activamente coa causa do galeguismo, do nacionalismo progresista. Foi pintor, ilustrador, escenógrafo e pioneiro do deseño e puxo a súa arte ao servizo de causas como a aprobación do primeiro Estatuto galego, en cuxa campaña tamén colaborou o seu fillo, un mozo Isaac Díaz Pardo. Tras o golpe de 1936 os franquistas perseguiron a Díaz Baliño, detivérono e asasinárono, e Isaac tivo que agocharse durante meses dos sublevados.
A Compostela que compartiron pai e fillo é agora o centro argumental dunha exposición impulsada dende o Ateneo de Santiago e mais a universidade compostelá. Baixo o título Con Galiza sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela, ambas institucións percorren co apoio do Concello e mais da deputación da Coruña os dezaseis anos que ambos viviron na capital galega, a súa vida e a súa arte. "A casa da Tumbona, escenografía, deseño gráfico e editorial, eventos artísticos do Concello" ou carteis da campaña do Estatuto son algúns dos elementos da mostra, comisariada por Xosé Ramón Fandiño e Gloria López.
O Ateneo de Santiago e a USC percorren unha exposición o labor político e cultural de Camilo Díaz Baliño e o xeito en que Isaac Díaz Pardo traballou para "recuperar a memoria histórica de Galicia interrompida en 1936"
Os retratos que o propio Camilo Díaz trazou dos seus compañeiros de prisións nas celas da Falcona -nos baixos do Pazo de Raxoi- son a mostra da "barbarie" franquista nunha exposición que tamén se centra "na actividade artística, industrial e cultural" de Díaz Pardo. Hai así espazo, daquela, para o significado cultural que tivo a creación do Laboratorio de Formas, "ente teórico e vieiro de ideas" que dende os anos 60 do século pasado Isaac e Luís Seoane "concibiron para recuperar a memoria histórica de Galicia interrompida en 1936", subliñan dende o Ateneo. Do Laboratorio xurdirían proxectos como Ediciós do Castro, o Museo de Arte Galega Contemporánea Carlos Maside ou a Fábrica e Seminario de Sargadelos.
Na mostra, que estará aberta no Pazo de Fonseca ata o 30 de novembro, hai tamén espazo para un "itinerario visual" sobre o Santiago ao que regresou Isaac Díaz Pardo en 1978. Desa volta xurdiu a Galería Sargadelos na rúa Nova e tamén os anos de Díaz Pardo no Instituto Galego de Información, "oficina estable e o seu domicilio habitual", o seu espazo máis persoal ata o seu falecemento en xaneiro de 2012.