'Invisibles': a cara máis “útil do teatro” fronte ao maltrato e o silencio

Actrices de 'Invisibles', no cartel da obra Dominio Público Redrum Teatro

A arte, como brazo armado da realidade, sempre atopará artillería pesada na fauna e no seu reino. Entre as bestas, adormecen as metáforas perfectas para explicármonos cunha exactitude máis propia da biofísica que da literatura. Por iso, non hai mellor coiraza contra os agravios que a pel do rinoceronte. Nin mellor imaxe có cardume que, guiado polas correntes, nos cerca a conduta como colectivo social. E mesmo hai quen asegura que “se metes unha ra na auga moi quente, porá todas as súas enerxías en pegar un chimpo para salvar a vida; pero se a metes en auga fría e logo vaslla quentando, morre na auga fervendo sen decatarse do perigo”.

Os mecanismos do maltrato que a xornalista Montse Fajardo relata o seu libro gañan formas e volumes na escena

Así funcionan os mecanismos do maltrato e dese xeito explícao unha das protagonistas de Invisibles, libro no que a xornalista Montse Fajardo recompilou sete historias reais de vítimas da violencia de xénero. Eses relatos, editados en 2017 por Edicións Matriarcas e o Concello de Pontevedra, gañarán formas e volumes na escena grazas a Redrum Teatro que, en coprodución coa Concellería de Igualdade de Pontevedra e o Centro Dramático Galego, estrea a súa adaptación escénica. Baixo a dirección de Marián Bañobre e coa interpretación de Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez, Invisibles estréase no Teatro Principal de Pontevedra o vindeiro xoves 15 de novembro, tras celebrar a preestrea o martes 13 no Auditorio Municipal de Catoira.       

“Descubrín o libro a través de Llerena Perozo, quen o recomendaba nas redes sociais. Dicía que debería ser de lectura obrigada nos institutos. Achegueime así ao Invisibles de Montse Fajardo e vin clara a posibilidade de levala a escena. Aí había historias para o teatro”, sinala Sheyla Fariña, a actriz que impulsou un proxecto escénico que, xa na recta final dos seus ensaios no Auditorio de Catoira, define como “unha montaxe que amosa á realidade concreta da violencia de xénero sufrida por sete mulleres, pero que cuestiona ao mesmo tempo a invisibilidade. Pregúntase que é o verdadeiramente invisible nesta lacra social”.

Shelyla Fariña: "Amosa a realidade concreta da violencia de xénero sufrida por sete mulleres e cuestiona ao mesmo tempo a invisibilidade"

Así, a invisibilidade maniféstase nunha sociedade que tende a autoprotexerse ao agochar, en palabras de Fariña, “o maltrato de base e o machismo imperante”. Unha sociedade, ademais, que durante moito tempo tentou evitar e segue a evitar tratar en público determinadas cuestións, o cal empurra as vítimas “ao sentimento de vergoña, á culpabilidade, á incomprensión e ao silencio”, elementos que se reflicten na obra de Fajardo e que se trasladan á súa adaptación teatral do mesmo xeito que se recolle unha idea fundamental: non hai ninguén que dea o perfil para o maltrato. Non hai un estamento social definido, nin unha profesión, nin un ámbito concreto nin unha franxa de idade propensa. “Por ese motivo, para levala a escena, facía falla contar con tres actrices diferentes que representasen tres xeracións distintas para reflectir esa falta de perfil, que quede clara a idea de que lle acontece a calquera”, destaca Fariña. É dicir, calquera pode ser ra sen decatarse de como a temperatura da auga vai en aumento. Ao cabo, nesa súa transparencia agóchase a invisibilidade.

A utilidade do teatro

Presentación da obra no Concello de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Para a dirección, Fariña recorreu a Marián Bañobre neste proxecto escénico que, dende o seu punto de vista, significa un auténtico reto profesional. “E tamén unha gran responsabilidade por como contar a historia destas sete mulleres, ás que hai que respectar moitísimo, como tamén hai que respectar o traballo de Montse Fajardo e o seu libro, un libro que eu defino como valente”, sinala Bañobre, antes de engadir o último grao da responsabilidade. “Son moitas as responsabilidades que se senten nesta obra, comezando pola historia destas mulleres e rematando pola resposta do propio público: como vas chegar aos espectadores? De que xeitos? É unha obra que precisa que o público empatice e que se identifique, sen sensacionalismos”, reflexiona Marián Bañobre, quen recoñece un punto de inspiración na concepción creativa de Yolanda Domínguez, que comprende as expresións artísticas como efectos de acción social. “Para que se non? É dicir, Invisibles debe chegarlle ao público, ter un efecto nel, espertar unha reflexión para mudar a orde das cousas, comezando por cambiar a normalización do que é anormal. Esa é a parte útil do teatro”, destaca Marián Bañobre.

Marián Bañobre: "Invisibles debe chegarlle ao público, ter un efecto nel, espertar unha reflexión para mudar a orde das cousas, comezando por cambiar a normalización do que é anormal. Esa é a parte útil do teatro"

Con eses obxectivos en mente, Marián Bañobre encargouse da dramaturxia de Invisibles partindo da base de que cumpría captar na montaxe a “alma do libro”. “Traballouse moito no arco de toda a obra coa intención de meter as sete historias, respectando o relatado no libro de Fajardo, pero incluíndo algunhas partes ficcionadas. Mais sempre partindo como mínimo de anécdotas relatadas polas protagonistas do libro”, recoñece Bañobre. Dese xeito, podemos coñecer as historias visibles de Eva, Mariluz, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña. As anécdotas que se desprenden dos seus relatos, sérvenlle á dramaturxia para incluír outro protagonista, talvez, invisible e que cómpre ter presente na escena: o “espectador social”. Con este termo, a directora refírese a todo o que envolve as vítimas: as reacción sociais e colectivas, a contorna e a súa resposta cando se rompe o silencio. Unhas respostas recoñecibles que van dende a incomprensión á acusación. “Estou acusada de denunciar, acusada de deixarme chamar puta, de ser parva, de non dar o perfil”, relata en escena o personaxe de Ana tras denunciar os malos tratos ante unhas autoridades que acaban non só por interrogala, senón tamén por cuestionala.

O 'Invisibles' escénico aposta por incluír no seu libreto a historia dunha adolescente e ten unha "clara vocación" de achegarse ao público máis mozo

Dentro das licenzas teatrais, o Invisibles escénico aposta por incluír no seu libreto a historia dunha adolescente, unha fase vital que non está recollida en estrito senso nas historias relatadas do libro. “Parécenos interesante incluír a adolescencia, porque é nesa fase cando se comezan a definir as relacións sociais e as de parella, cando comeza a se formar unha idea do mundo e do encaixe na contorna social. E resulta preocupante os datos que se desprenden dos adolescentes, de como comprenden as relacións e aceptan como normais certas cuestións ben perigosas como os celos, como o control ou outras visións nocivas do amor romántico”, explica Sheyla Fariña, que tamén recoñece nesta montaxe teatral (que malia destinarse a todos os públicos) ten “unha clara vocación” de aproximarse ao público adolescente a partir de 2019, achegándose a institutos e colexios. Precisamente para tratar de atallar certas cuestións e, en definitiva, para exercer “a parte útil do teatro” alí onde é máis necesario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.