Este venres 16 de novembro celébrase o Día do Patrimonio Mundial. Institucións e colectivos galegos organizan ducias de actividades, dende conferencias, andainas, concertos, exposicións, visitas a numerosos bens culturais do país e xornadas de divulgación e portas abertas. A Rede polo Patrimonio Cultural compilou nesta web as 40 accións impulsadas polas 30 entidades que a compoñen. Tamén o fixo o Consello da Cultura Galega, que presenta nesta páxina as iniciativas organizadas por bibliotecas, museos, arquivos, fundacions e outras entidades.
Paseo guiado polo Ferrol Modernista e o barrio de Canido | Apatrigal
Entre as actividades previstas destacan os roteiros organizados por Apatrigal, Petón do Lobo, Asociación Cova Crea, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Sociedade histórica e cultural Columna Sanfins, Plataforma pola defensa do Monte Neme, Asociación Patrimonio dos Ancares, Asociación de amigos Museo do Castro de Viladonga, Asociación Monte Pindo Parque Natural, Asociación Amigos do Arqueolóxico de A Coruña, Batitales e visitas nocturas polo Colectivo A Rula.
Tamén destacan as xornadas de antropoloxía, medio ambiente e protección do patrimonio a cargo de Monte Pituco e da Asociación de Montes de Baroña, de Nordés Faladora, da Sociedade Antropolóxica Galega, de Custodia do Bosque atlantico Betula, Buxa ou da Asociación Galega do patrimonio Inndustrial. Ademais haberá concursos de fichas patrimoniais realizado pola Escola de conservación e restauración de Bens Culturais ou de fotografía pola Asociación cultural e pedagóxica Ponte Nas Ondas, e exposicións de útiles neolíticos por Mariña Patrimonio, Asociación Cultural Fervenza de Sargadelos e Amigos do Museo de Vilalba e outras exposicións organizadas por Lazoiro co apoio da Asociación Palcos da Música.
Obradoiro organizado por O Suído
Autógrafos da primeira metade do século XX
A Real Academia Galega amosa unha pequena alfaia que conserva no seu arquivo: o álbum de autógrafos de Juana Fernández Pinto. A peza recolle 137 sinaturas de persoeiros das primeiras décadas do século XX, recompiladas entre 1920 e 1930, entre eles os se Charles Chaplin, Richard Strauss, Sofía Casanova e Sigmund Freud. Ela mesma doouna á RAG xunto a outros documentos propios e do seu home, o escritor e xornalista Xavier Bóveda.
O Museo do Pobo Galego realizará unha presentación e explicación do proceso de restauración do Pantocrátor románico de Santa Baia de Camba. Participarán Luis Martul Tobío, membro da familia doadora; David Conde Lourido, responsable de exposicións do MPG, que comentará o contexto artístico da peza e o seu significado iconográfico; e Alexa García Pose, responsable de colección, que contará cal era o estado inicial do Pantocrátor e como foi o seu proceso de recuperación e saneamento.
A RAG expón a colección de autógrafos de Juana Fernández Pinto
A Biblioteca Pública de Lugo busca dar visibilidade ao patrimonio bibliográfico de Lugo cunha exposición sobre os xornais, revistas e boletíns do comezo da Democracia (1975-1984). De igual xeito, o Arquivo do Reino de Galicia amosa nunha exposición o patrimonio documental que garda en relación coa ciencia e coa técnica. Así mesmo, a Biblioteca do Concello de Verín rende tributo á figura de Xesús Taboada Chivite, nas datas na que se conmemora o aniversario do seu pasamento.
Ademais, o Museo de Belas Artes da Coruña celebra unha xornada de portas abertas e expón pezas da colección da Real Casa da Moeda da Coruña. Finalmente, o Museo da Terra de Melide organiza un roteiro polo Casco Vello de Melide no que se contan episodios históricos reais e acontecementos insólitos que tiveron lugar nas rúas da vila, todo elo documentado e que forma parte da historia real, e tamén se contan as lendas asociadas ó Casco Vello e sucesos que tiveron lugar nas súas rúas.
Exposición de xornais, revistas e boletíns no comezo da Democracia (1975-1984) | Biblioteca Pública de Lugo