Yolanda Castaño mesturara xa, en distintos momentos da súa traxectoria creadora, a poesía coa plástica, a arquitectura, a música, a danza, a fotografía, o audiovisual e ata a cociña. Chegaba aos 25 anos de traballo poético e decidiu celebralo non coa clásica antoloxía, senón probando algo novo, non só na súa carreira literaria senón na literatura galega: o comic poetry. O resultado é o libro O puño e a letra (Xerais), no que 40 ilustradores e ilustradoras interpretan outros tantos dos seus poemas.
O libro preséntase como o primeiro Comic Poetry en galego. Como xorde a idea?
A fortuna de poder saír polo mundo da man do meu traballo literario ofréceme o privilexio de poder entrar en contacto, de primeira man, coas máis diversas prácticas poéticas contemporáneas. Algunhas delas son novas para min, todas enriquecedoras e estimulantes.
"Fascinoume ese diálogo interdisciplinar que trasladaba versos a viñetas"
Un deses casos veu a través do italiano Lello Voce –poeta, performer, gran dinamizador literario e un dos personaxes clave da contracultura italiana dende os 80– quen me descubriu un xénero híbrido con bastante máis rendemento no país da bota. Fascinoume ese diálogo interdisciplinar que trasladaba versos a viñetas. Cando me puxen a investigar un pouco, descubrín que as mostras de cómic poético na Península Ibérica se reducían basicamente a unha única autora, Laura Pérez-Vernetti, sen que houbese ningunha obra en galego. Abríase un espazo creativo moi xugoso no que traballar.
O primeiro que me preguntei ao lelo foi polo traballo de produción que debeu supor: escoller 40 textos, contactar e coordinar 40 ilustradores... Como foi o proceso e canto tempo, máis ou menos, levou?
Pois o proceso completo levou perto de ano e medio pero foi tremendamente estimulante. Supoño que proxectos anteriores coordinando dende eventos colectivos como o Festival PontePoética ata outros volumes corais como Cociñando ao pé da letra puideran terme dado parte da experiencia que o fixo todo tan fluído. O traballo nunca me asusta e menos se trae tan ilusionantes procesos e resultados.
"O traballo nunca me asusta e menos se trae tan ilusionantes procesos e resultados"
Ademais, contei co asesoramento dun dos maiores expertos na Historia do cómic galego, Xulio Carballo Dopico, e os seus consellos foron bo apoio. Claro que ten algo de laborioso coordinar tantas e tan distintas sensibilidades, as súas consultas e a mediación coa editorial, pero ir recibindo as deslumbrantes creacións das e dos artistas e ir vendo medrar o proxecto dábame toda a forza. Foi emocionante.
O libro é, ao mesmo tempo, un repaso polos teus 25 anos de traballo literario. Polo que se converte nunha alternativa á clásica antoloxía poética. Foi pensado tamén así? Como escolliches os poemas? (Vese, claro, a evolución da túa poesía).
Ideei o proxecto cando cumpría corenta anos e, despois de máis de media vida mantendo un compromiso tan forte e estreito coa poesía, apeteceume celebralo dun xeito fermoso e divertido. Ademais, notei que os meus libros tiveran unha distribución e difusión desigual. Como ben dis, facer a clásica antoloxía persoal creo que non tería representado nin o meu espíritu nin o afán interdisciplinar co que levo experimentado dende tan cedo (mesturei xa poesía e plástica, arquitectura, música, danza, fotografía, audiovisual e ata cociña).
"Facer a clásica antoloxía persoal creo que non tería representado nin o meu espíritu nin o afán interdisciplinar co que levo experimentado dende tan cedo"
Inaugurar ao mesmo tempo un novo xénero para a tradición galega e ofrecer o que, dalgún xeito, tamén pode funcionar coma un catálogo do noso cómic contemporáneo foron os ingredientes que terminaron de decidirme. Fun escollendo textos dos meus até agora seis libros de poesía, tratando de tirar polos –en principio– menos 'abstractos', máis plásticos ou cunha imaxinería que pensaba que podía dar máis pé; pero sen esquecer algúns dos textos máis significativos para min.
Yolanda Castaño co libro 'O puño e a letra'. Foto: Alberto Pombo
Algo que salienta o propio libro, no seu limiar, é que os ilustradores e as ilustradoras tiveron liberdade para traballar como quixesen, interpretando os poemas ao seu xeito. Por iso fan análises personais: ás veces clarificadoras dos textos, ás veces amplificadoras, matizadoras, acompañadoras... E outras escuredoras, escapistas ou mesmo contraditorias. Como foi para ti atoparte coa interpretación dos teus poemas que fai cada un deles?
A escaseza de modelos previos facía que esta proposta fose todo un desafío creativo para os ilustradores e ilustradoras. O convite a explorar eses novos camiños no seu labor artístico era tan aberto que permitía moi distintos xeitos de abordalo: ilustrando algúns dos versos, glosando, enriquecendo, trasladando a debuxos, establecendo un diálogo... Tamén como lectores levamos o texto ao noso terreo, e tanto as traducións coma as intervencións interxenéricas non deixan de ser tipos de 'lecturas' moi especiais, cualificadas.
"Si que me chocou algunha interpretación dalgún dos textos, pero iría contra os meus principios de sempre opoñerme á deslumbrante polisemia do signo poético"
Hai que se dar enfrontado á distancia que medra entre ti e o teu poema unha vez que sae de ti e pasa a ser de outros/as. O vínculo que cada debuxante estableceu co seu poema tamén se explicitou no que crearon: hai quen pasou por enriba, hai quen se mergullou a fondo e hai ata quen deu un rodeo. Os froitos de cada unha destas posturas non teñen por que crear unha realidade máis interesante canto máis coincida cunha intención inicial que foi miña, e só miña. É dicir: si que me chocou algunha interpretación dalgún dos textos, pero iría contra os meus principios de sempre opoñerme á deslumbrante polisemia do signo poético.
A idea era tamén "soltar o lastre dos prexuízos críticos (sobre o xénero literario, sobre os propios contidos escritos, sobre a autora". Algo diso pensei en canto á escolla dos poemas. Non dar unha imaxe tópica, ou superficial, da túa poesía. Supoño que tamén para sacudirte, precisamente, de enriba, algúns tópicos que afectaron á recepción da túa obra...
Quen observe a liña de progresión deste libro, e tendo tamén en conta a desigual recepción que –por uns motivos ou outros– tiveron os meus títulos, constatará como, con moita frecuencia, os nosos comezos tenden a eclipsar evolucións posteriores. Sobre todo se aqueles comezos deron que falar, como foi o caso. Público e crítica precisan encadrar o máis axiña posible, para ter controlado o produto cultural e saber doadamente como manexalo.
"O feito de que non tratase moito a temática erótica dende o século pasado non fixo demasiado por que moitos me seguisen asociando a esa etiqueta, por moitos libros que escribise sobre a identidade ou a linguaxe"
O feito de que non tratase moito a temática erótica dende o século pasado (hai vinte anos) non fixo demasiado por que moitos me seguisen asociando indivisiblemente a esa etiqueta por moitos libros que escribise sobre a identidade ou a linguaxe. Aínda que levasen tempo publicados, os poemas dos noventa e os máis actuais están á par neste libro, un libro que me gustaría que permitise unha imaxe máis completa do que humildemente fago.
Hai, tamén, continuidade, no sentido de buscar "novas vidas" para a poesía, como o foi a música, o audiovisual, a performance... En que sentido é este libro un chanzo máis nese proceso?
Como ben adiviñas, fai parte desa inquedanza miña, máis experimental, de hibridar os textos para concederlles vidas novas. Despois do libro Poética da casa, do grupo Tender a man, de todos os videopoemas ou das múltiples colaboracións con escultores, fotógrafas, coreógrafas, músicos ou performers, son consciente de que unha das maiores innovacións na hora poética actual é a que hibrida os formatos e renova as canles.
Sácanos, ademais, da soedade do oficio da escrita, das endogamias do sector, e sempre nos enriquece, abre a ollada e fai aprender ao poñernos en contacto con outro gremio e disciplina. Eu non quero unha poesía isolada e volta cara si senón unha poesía contaminada de vida, de mundo e doutros códigos, e este proxecto é consecuente con iso.
"Fai parte desa inquedanza miña, máis experimental, de hibridar os textos para concederlles vidas novas"
Dicías nas redes sociais que, xa que inauguraches o Simposio da Asociación de Editoras, "o compromiso de todos estes anos obrígame a non facer reverencias ao poder nin dicir que todo está estupendo". Que é o que non está tan estupendo?
Pois a falta de recoñecemento dunha realidade que é a produción literaria. Descoñecer de onde sae un texto literario ou ser insensible ao traballo dos escritores e escritoras fai que non se trate con dignidade o seu labor tan privado, tan desprovisto de apoios públicos (ou das empresas, vaia). Nesa mesma liña, non existen circuítos ben aparellados para promover a proxección exterior, xa que –por parte das administracións– carecemos dunha política cultural e unha economía que camiñen xuntas cara ese obxectivo. Non cren nin apostan por un patrimonio literario que está a ser a admiración do noso contorno, mais só no estritamente creativo.
"Non cren nin apostan por un patrimonio literario que está a ser a admiración do noso contorno, mais só no estritamente creativo"
O mercado, o sistema editorial, as institucións culturais, as fundacións, ata as asociacións gremiais resultan deficitarias e non pechan filas para reforzar os pasos cara unha maior profesionalización dos escritores/as, que non deixan de ser un termómetro da normalidade dunha cultura. Os contados premios literarios son apenas palmadiñas nas costas logo de que o groso do esforzo estea feito pola nosa conta e risco. Practicamente todas as axudas públicas arredor do libro van dirixidas a empresas editoriais, distribuidoras, programadores, dinamizadores ou bibliotecas, pero non ao orixinal creador/a do propio libro. Cumpriría un cambio de paradigma que recoñecese e dignificase un oficio que supón moita entrega, escasa gratificación e que en cambio non redunda senón na comunidade.