O amor, a linguaxe, o desamor e o binomio tempo-destrución -en relación co amor, tamén-. Son os eixos temáticos de A tarde. O desacougo, o poemario co que Amauta Castro vén de gañar o Premio de Poesía Pérez Parallé. Unha aposta, segundo conta o autor nesta entrevista, por un "modelo de escrita moi concreto", baseado "nunha poesía espida que tenta manter unha condensación moi próxima á expresión mínima, ao aforismo, ou ao mundo do haiku". Amauta (seudónimo de Rafael Muñoz Castro) respondeu as nosas preguntas por correo electrónico desde Girona, onde vive.
Antes de nada, como foi recibir a noticia do premio e que significa para ti?
Sei que sempre se di, pero non agardaba o premio. De feito pensaba que xa se fallara o sábado e que evidentemente eu non fora o galardoado. Cando o domingo á noite recibín a chamada da organización do Pérez Parallé quedei moi sorprendido.
Non vexo o premio como unha ferramenta comercial ou editorial senón como un recoñecemento ou un estímulo para alguén que sinxelamente procura o verso cada día. Os premios teñen unha natureza complexa, mesmo inxusta. É por iso que hai que coller folgos e continuar: “ Y sobre todo, mirar con inocencia. Como si no pasara nada, lo cual es cierto”. A. Pizarnik.
O poemario está dividido en catro partes: a primeira ten que ver co amor; a segunda coa escrita e a terceira e cuarta co amor outra vez, mais camiñando cada vez máis cara á escuridade (o desamor). Por que esa estrutura en catro partes? Algunha razón especial para que a estrutura de cada unha delas sexa como de pequenos poemas separados entre si por números romanos?
Trátase de catro plaquettes que poden ser perfectamente autónomas e lidas dun xeito individualizado. En troques, o que si que hai é unha liña estética común. Deféndese un modelo de escrita moi concreto, baseado nunha poesía espida que tenta manter unha condensación moi próxima á expresión mínima, ao aforismo, ou ao mundo do haiku.
"Deféndese un modelo de escrita moi concreto, baseado nunha poesía espida que tenta manter unha condensación moi próxima á expresión mínima, ao aforismo, ou ao mundo do haiku"
Os eixos temáticos son, por esta orde: o amor, a linguaxe, o desamor e o binomio tempo-destrución (en relación co amor, tamén). A unidade vén dada, xa digo, por un tipo de poesía que eu defendo desde os últimos anos e que fun atopando a base de ensaiar as palabras día a día. O poemas son efectivamente curtos e responden a cadansúa unidade temática, e na súa orde interna seguen un fío non discursivo e están simplemente numerados.
Por que se chama A tarde. O desacougo? (É máis fácil de relacionar coas dúas últimas partes. O desacougo da perda, quizais).
O título ten que ver coa primeira serie de poemas que se chama “A Tarde” e coa última, “Toda desolación sen acougo”. Principio e fin do libro, porén A tarde. O desacougo.
Encabezan algunhas destas partes citas de Giusseppe Ungaretti, Rosario Castellanos ou Raúl Zurita. Que outras referencias axudaron a compor este poemario?
Todo o mundo, incluído eu propio, pretendemos atopar os nomes. Os nomes que levaron a alguén a escribir isto ou aquilo. A lista sería case que infinda e as referencias moitas máis das que aparecen citadas no propio poemario.
"Moitas veces tento saír do estritamente poético e ir cara espazos menos dogmáticos. O cinema, a pintura, a fotografía, a música, etc"
Moitas veces tento saír do estritamente poético e ir cara espazos menos dogmáticos. O cinema, a pintura, a fotografía, a música, etc. Aparecen dun xeito non explícito pero pertencen á paisaxe que acompañou ao tempo de escritura destas catro series de poemas.
"Debo dicir, iso si, que pasei por varias fases de inmersión literaria nestes últimos anos"
Debo dicir, iso si, que pasei por varias fases de inmersión literaria nestes últimos anos. Unha foi en México, coas súas vangardas artísticas, os Contemporáneos, a poesía en linguas indíxenas, etc. Outra na cultura tradicional xaponesa, e outras anteriores foron na poesía da área do Caribe e das Antillas. Tamén o mundo anglosaxón.
"A nosa vida avanza"/ "Gardando as primeiras cousas"/ "Envellecer debe ser achegarse". Hai temas secundarios -directamente relacionados co amor e o desamor como proceso- como o paso do tempo. Que importancia ten no poemario?
Efectivamente o paso do tempo subxace nas catro partes de A Tarde. O Desacougo. Afrontar esa deriva ante o tempo, as perdas que son consecuencia lóxica do propio transcorrer da vida, a fatiga, o medo. Alertando tamén da incerteza das horas que virán, da necesidade do coidado mutuo, do efémero do noso paso pola vida, da vellice que chega e destrúe o noso corpo.
"O verso admite todo o que nos devasta", di a segunda parte. "Que o meu verso sexa un corpo percorrido pero tamén linguaxe", di outro verso, un pouco antes. Cal é a relación entre corpo e poema nesta segunda parte do poemario?
Desde logo hai algo absolutamente material/corpóreo no que escribo en “Invocación da Linguaxe” (que é a segunda serie de poemas que ti mencionas). Nunca pretendín achegarme á linguaxe ou ensaiar ese achegamento desde unha posición que puidese caer no etéreo ou nunha farsa desligada das coordenadas reais do corpo.
De feito remato este bloque cos seguintes versos: “Deixade este corpo ante a soa sede / do vexetal que percura a fonte / e non a sabe nomear”. Engado que un poemario anterior meu -que fora merecedor do XXXI Certame Rosalía de Castro de Cornellà- leva o titulo de Da pel sae o escuro [inédito, 2017]. Creo que con iso digo todo.
"Abonda xa do brancor turbio dos minutos sen obxecto,/do erro da ilusión que adoita acabar en nada,/ do andazo das palabras ailladas e medúseas./ Importa agora/ o rigor da verdade/ onde todo o usual envorca". Nada máis comezar a terceira parte anúnciase o que pode ser o deterioro da relación. Mais é como se ese anuncio estivese presente desde a primeira parte. Nese sentido, a idea que a min me transmite o poemario é a aceptación da ruptura, da separación, da perda, (no amor non só de parella, senón na amizade e en xeral en todos os afectos)...
“Nada deste ridículo” que é a terceira parte do libro trata a desesperación humana ante o desamor. O absurdo que acompaña unha situación decisiva (etimoloxicamente do latín “decidere”: cortar separando).
"O abismo da destrución da relación de parella (da amizade, ou dos afectos en xeral, como ti ben dis) que se entrega nunha catarse final a esparexer os anacos do seu propio naufraxio"
Moitas de nós temos experimentado situacións desta índole no persoal e coñecemos as súas longas consecuencias. O abismo da destrución da relación de parella (da amizade, ou dos afectos en xeral, como ti ben dis) que se entrega nunha catarse final a esparexer os anacos do seu propio naufraxio. Acéptase a ruptura porque importa “o rigor da verdade” inda que todo envorque.
"Porque tentar amar devolve sempre a un reino derrubado / onde se enuncian/ todos os nosos imposibles". Dado que o libro comeza falando de se as persoas que poden amarnos poderán aceptarnos como somos, dáme a impresión de que este libro se sitúa, tamén, aí: o amor como algo que nos pon a proba a nós mesmos na nosa relación cos demais. O que está xogo, quizais, son as nosas propias carencias... E a nosa propia identidade, supoño. Pensabas nalgo nese sentido ao escribir?
Textualmente un dos poemas da primeira parte di: “debes aceptar en min o incompleto”. É dicir, que o amor pode conter misterios semellantes ao poema: carencias, indefinicións, inconcrecións, irrealizacións, imposibilidades... Pero que ao mesmo tempo réxense por un entendemento poderoso e sinxelo, que creba convencionalismos.
A cuarta parte é xa a escuridade, a noite. A desolación. Máis que o desacougo do título. É a sensación coa que queres que quedemos? (O abismo da perda...)
O cuarto bloque de poemas pertence a un momento persoal no que a evidencia das perdas era definitoria. O deterioro das relacións, o abismo do autoritarismo nese ámbito, as imposicións, as negativas e os temores.
"Na poesía a interpretación do poema está na persoa que le e decide en que xeito eses versos se incorporan (ou non) á súa experiencia vital"
Malia todo, reitero que “eu decido a contorna do meu verso / co pulso de quen contempla”. Por sorte, na poesía a interpretación do poema está na persoa que le e decide en que xeito eses versos se incorporan (ou non) á súa experiencia vital.
O estilo evita os excesivos ornamentos. Son versos curtos, o propio libro non é moi longo... É algo buscado?
Sendo sincero, nunca pretendín escribir deste xeito. Máis ben todo o contrario. Nun primeiro momento sentín unha atracción incontible cara o barroquismo máis retórico: Lezama Lima, de Rokha, Olga Orozco, etc. Pero non foi posible. O poema levoume cara esta fórmula literaria tan austera e desprovista de ornamentos. E deste xeito avancei cara este comprimido poético que puideches ler.
"No poema debe atoparse a máxima elocuencia posible nesa lonxitude mínima e depurada até o extremo"
Escribo en curto e o libro é tamén curto. Véxome incapaz de escribir 800 versos seguidos sobre unha única liña temática e rexeito calquera tentativa que se achegue ao discursivo ou narrrativo no poema. No poema debe atoparse a máxima elocuencia posible nesa lonxitude mínima e depurada até o extremo.
"Eu escribo defendendo a especificidade das miñas palabras (por idioma, convicción e resistencia) desde unha fórmula literaria que se comprime e que practico na distancia", di o teu blog. Por que?
Que se comprime creo que queda claro no que expoño na pregunta anterior. Na escrita movémonos (ou móvome) entre dous lugares adoito contraditorios: a tentativa de ser e a desaparición/fuxida.
"Na escrita movémonos (ou móvome) entre dous lugares adoito contraditorios: a tentativa de ser e a desaparición/fuxida"
Defender a poesía desde a convicción de que o poema pode achegarnos modestamente (só modestamente) ás respostas ou mesmo a novas interrogantes. E iso feito desde a resistencia de quen practica o uso do idioma (agora diría da linguaxe, pero o texto que citas é de 2006, así que manterei o termo) até os seus propios límites pero tamén desde unha posición un tanto contraditoria como é a distancia xeográfica, que no meu caso ten algo de fuxida.
Vives en Catalunya desde hai varios anos, pero supoño que nunca perderas de todo o contacto coa literatura galega (tiñas publicado poemas en revistas). Aínda saíches hai pouco en Ligeia, a nova revista de literatura. É este premio tamén unha maneira de manter ese nexo, malia a distancia?
A lingua galega non é a miña lingua materna. Non nacín en Galiza. Boa parte da miña familia non é galega e non fala galego. Adoptei o galego tarde e logo tiven que abandonar o país por motivos laborais. Pero, por difícil de entender que pareza, nunca concibín escribir outra cousa que non fose poesía en lingua galega.
"Non é unha cuestión de identidade nin de orixe, creo que queda demostrado. É a convicción e a vocación absoluta de pertencer dun xeito consciente a este sistema literario"
Alén dos premios, hai en min un nexo moi forte cara a poesía no noso idioma. Non é unha cuestión de identidade nin de orixe, creo que queda demostrado. É a convicción e a vocación absoluta de pertencer dun xeito consciente a este sistema literario. Máis nada.
"Atopo que hai unha insuficiencia / inoperancia dos modelos rotinarios da escrita - o hábito é un aceno repetido / e como consecuencia as enrugas - Debemos encetar logo unha poesía da motivación / contra todo principio de arte pola arte / contra toda indiferencia - de costas á sociedade das louvanzas - que adquira o recoñecemento a través da lectura". Podes explicar isto tamén?
Este texto que citas é un “automanifesto” meu. En A Tarde. O desacougo volvo incidir niso. Un verso: “que só a palabra transforme o campo” (literario, enténdase).Só a palabra, reitero. E exclúo porén todo o accesorio ou adxacente á palabra escrita.
Supoño que vivindo en Catalunya será doado establecer comparacións entre o chamado "sistema literario" alí e aquí. Fóra de discursos, no fondo, acomplexados -porque o mercado deles é moito máis grande ca o noso-, que podemos aprender uns dos outros, polo menos de actitude cara á cultura?
Creo que ambas as dúas realidades precisan potenciar as súas bases. A cultura de base e sen concesións debe ser recoñecida, valorada. Rexeitar elitismos, falsas vangardas, profanar a propia tradición e ir máis alá da cultura de consumo interno. Do sistema literario catalán debo destacar a capacidade que ten para dotarse de referentes en case todos os xéneros. E do galego, o lugar central que ten a poesía e que nos dota dun grande interese aos ollos dos lectores de poesía doutras latitudes.
"A cultura de base e sen concesións debe ser recoñecida, valorada"
Aproveito tamén para destacar que temos desde hai décadas un grupo de persoas que mantén esa “outra galeguidade” en Catalunya. Xente do mundo académico, dos movementos sociais, tamén da palabra escrita que están a dar a cara pola cultura galega no exterior. Construíndo pontes entre as dúas beiras da península. Importando tamén elementos de interese ao noso sistema literario e exportando por suposto, as nosas virtudes ao sistema catalán.
Algo máis que queiras salientar? Algún outro libro en marcha?
Pois si, un libro máis en marcha. Un poemario que aparecerá en bilingüe galego-catalán en 2019 baixo o titulo de Un inesperado río de chuvia / Un inesperat riu de pluja. Trátase dun proxecto no que levaba traballando xa uns cantos anos e que condensa boa parte da miña produción poética entre 2009 e 2016, e que probablemente se materialice nos próximos meses.