0 Gardados para despois

O underground galego sobe o volume ante a crise

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Mano de Obra, Franc3s, Carrero Bianco, Novedades Carminha, Noise Project, Disco Las Palmeras, Mequetrefe, Metralletas Lecheras, Sr. Anido..., propostas moi diferentes entres si, pero con gusto polo ruído, o bizarrismo, a distorsión ou a fuxida de convencionalismos sonoros, estéticos e narrativos. Falamos con todos eles sobre o momento actual da música galega, as perspectivas para o 2012 e as dificultades económicas de festivais e salas.

Preguntámoslles tamén sobre estes elementos que os unen, e con eles a varias ducias máis de bandas no país, esa etiqueta ás veces un chisco forzada de Galicia Bizarre. Xa o pasado ano se publicou o primeiro compilatorio, que sumaba a bandas como Metralletas Lecheras, Indómitos, Los Santos, Lee van Cleef ou srasrsra, e que prepara a segunda edición, con quince novas bandas (Tora Tora Tora!, Tetra & Freak, Sr. Anido, Fluzo, Terbutalina ou Alarido Mongólico). Como salientan os coruñeses Mano de Obra: "Facemos unha cancela cun somier, cocemos o polbo nun bidón, destilamos licores no galpón, montamos un furancho con catro ferros para compartilos..., se cadra pasa o mesmo coa música. Se tes un teclado "dos da cabra" e unha guitarra ou unha zanfona e unha distorsión ou un bote de colacao e unha melódica... o caso é tirar para adiante".

Telephones Rouges: Helio

Videoclip de 'Helio', realizado por Javi Camino

© Javi Camino

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Como definiríades o momento que atravesa a música en Galicia?

Disco Las Palmeras (DP): O momento é algo raro, creativamente vívese un momento moi doce, con moitas bandas interesantes, probablemente un dos mellores que se viviran nunca, pero hai puntos escuros, principalmente esa escena que ten tan boa prensa fora de Galicia, non recibe a atención necesaria dentro dos medios galegos, con algunhas excepcións, por suposto. Por outro lado ó público segue enchendo os concertos dos mesmos grupos que fai dez anos, e que en moitos casos están nun deserto creativo moi grave que non se reflicte no número de entradas que se venden nas súas visitas a Galicia, mentres que grandes grupos galegos que están nun momento grandioso ven os seus concertos baleiros. Pode que sexa culpa da escasa atención mediática, ou pode que esa atención non chegue porque a xente non reacciona e os medios non se fan eco, pero algo ten que cambiar. En todo caso son optimista

Mano de Obra (MO): Non podemos comparar a situación coa doutras épocas porque só levamos dous anos co grupo pero non temos problemas para atopar bandas máis ou menos afíns coas que tocar por Galiza. Ademais moitas delas xa gravaron algún disco, así que non debe estar moi mal a cousa.

Novedades Carminha (NC): Estamos no mellor escenario de todos os posíbeis. Non hai carto para manter aos "funcionarios do rock" que proliferaban noutras épocas e os músicos, actualmente, teñen que traballar noutras cousas para vivir. Pode parecer paradoxal, pero é nestas épocas nas que aparecen as propostas máis interesantes, sinceras e orixinais.

Noise Project (NP): “É difícil dicilo así en quente, isto sempre se apreciará mellor coa perspectiva dos anos, pero nós creemos que está nun dos seus mellores momento, senón o mellor. Só hai que ver a cantidade de grupos e propostas que emerxen cada mes”

Franc3s (FR): Pois nós creemos que é o mellor da súa historia. Saen grupos seguido e poderiamos citar bastantes que nos molan, máis ca nunca. Non somos nada nostálxicas.

Carrero Bianco (CB): A escena galega goza de moi boa saúde e vai a mais, dende a movida non tivemos algo semellante, sendo agora un mellor momento, xa que a diversidade de grupos e propostas é inesgotábel tanto en creatividade coma en calidade. Os selos tamén se atopan nun bo momento, son poucos pero produtivos e moi activos.

Señor Anido (SA): Moi bo, a min a estrutura de distribución nunca me afectou, eu só me preocupaba por crear. O que si me afectaba era non atopar xente na miña onda durante anos. Agora estou rodeado de xente co mesma idea que eu de facer as cousas.

Metralletas Lecheras (ML): Hai demasiados grupos. É unha cousa de tolos. Internet extende todo por todas partes, así ao chou. A xente compra guitarras e baterias en Ebay e logo os de Halcourier as entregan inda que sexa en Vilalba ou en Quins.

Mequetrefe (ME): A música en Galicia está como estivo sempre, o que pasa é que con internet parece que hai máis grupos que antes i eso é falso, grupos sempre houbo pero antes non se coñecian sencillamente porque non existía a rede. No aspecto da repercusion dos grupos, a industria musical, medios de comunicación, etc, o panorama é penoso: non hai público nos concertos e o pouco público que hai casi sempre é xente doutros grupos , os medios de comunicación pasan do tema e a maneira de ter certa repercusión nos medios e no mundillo musical segue sendo sobre todo o amiguismo

Chama a atención a proliferación de bandas que apostan pola distorsión, o ruidismo, o bizarrismo... Ten que ver isto co clima?

MO:  Se cadra é unha paranoia, pero podería ter algo que ver coa dispersión, as diferenzas dun sitio a outro e aproveitar o que tes a man. Facemos unha cancela cun somier, cocemos o polbo nun bidón, destilamos licores no galpón, montamos un furancho con catro ferros para compartilos..., se cadra pasa o mesmo coa música. Se tés un teclado "dos da cabra" e unha guitarra ou unha zanfona e unha distorsión ou un bote de colacao e unha melódica... o caso é tirar para adiante. Uns cantan en galego, outros en inglés, outros en español, outros nunha lingua inventada e outros nin se sabe. Nós tocamos sen guitarras, outros sen baixo, outros sen batería e outros non cantan. Tanto ten, o caso e conectar entre nós, con outras bandas e cunha parte do público que pode andar por aí máis aló do barrio ou a aldea de cada un.

DP: Hai características comúns entre un bo número de bandas que apostamos polo ruído, cada un nas súas propias coordenadas, e iso é o realmente interesante. Algunhas apostan mais pola vertente electrónica e outras polas guitarras mais cruas, pero en xeral hai unha escena con puntos comúns que os unen e certas diverxencias que os fan únicos. Non sei se ter que ver co clima, en Asturias hai un clima similar, pero non teñen unha escena como a galega. Creo que ten que ver mais cun certo isolacionismo, non só físico senón tamén mental, a relación con puntos como Ponferrada é case nula a pesares de estar moi preto, sen embargo entre as cidades galegas hai moitos mais puntos en común. En calquera caso, pode ser algo totalmente casual, vivimos a "aldea global", en realidade se falas con calquera grupo, é moi raro que cite influencias galegas.

NC: A maior parte de conxuntos de música moderna en Galicia están apostando decididamente polo fondo conceptual do asunto musical. A aberración e o ruidismo son consecuencia do descontento conxénito do galego: somos felices sendo tristes, como di un tal Hevi. 

NP: Podería ser, en Galicia sempre houbo unha gran afección pola música dese tipo, aquí sempre se consumiu moito a Rockdelux e se ía moito ao Primavera Sound.... O clima seguro que inflúe tamén, a música máis escura e "chunga" sempre se fai en sitios "chungos" como Galicia, ou en grandes cidades.

FR: Nós preferimos non etiquetar nin definir nada. E no noso caso, vivir en Carballo e Vilalba, que non teñen precisamente un clima mediterráneo, pois seguro que influíu en que prefiramos estar tocando nun local pechado a estar practicando deportes o aire libre, e pode que ata na nosa visión algo pesimista, pero non saberíamos dicir canto.

CB: Temos un pouco de todos os estilos, ben é certo que o ruidismo e o bizarrismo destacaron un pouco máis, pero eu creo que pola diferenza das propostas, cada cal mais orixinal. É a forma de saír adiante: propostas diferentes e contundentes que caracterizan a cada grupo.

SA: Non sei se co clima,pero si coa forma de ser,esto nunca pasaría por poñer un exemplo en Extremadura ou Barcelona.Agora o que pasa e que a xente escoita grupos cundentes (Gories, Sonic Youth, Jesus and Mary Chain, Monks, Suicide, Black Lips.....), e non se dedica a "facer unha copia de", senón que a partir de esa base fai as súas propias cancións.

ML: Non vexo etiqueta común máis alá da procedencia xeográfica. Por sorte temos bandas en case que tódolos estilos. Temos yeyé (Los Chavales), surf Tex-Mex (Pedrito Diablo y los Cadáveras), sunhinepop (Quant), technopop (Diademin), punk doloroso (Jiménez Losantos), garage (The Right Nows), artpunk (Telephone Rouges), ata hai rapeiros en Ordes. Con este panorama tan rico e diverso é imposible unha etiqueta común.

ME: En Galicia hai grupos de todo tipo: poperos, heavys, raperos, folkis..., e non se pode falar de ningunha característica que defina a música galega, nin moito menos. Con respecto ó ruidismo, bizarrismo e todo eso, pois decir que o ruido é un elemento máis da música e estáselle dando demasiada importancia, facer ruido está moi sobrevalorado, unha canción non mellora porque teña ruido, coa disculpa de meter distorsión estase a facer música realmente mala neste momento, o que pasa e que o ruido sempre estivo asociado á música underground, a ser indie ou alternativo, pero agora mesmo si hai algo que non é nin underground nin creativo é o ruido, fai 30 anos si, pero hoxe en dia non. O que está pasando en Galicia é que hai un revival continuo da No Wave newyorkina, imitadores de Ian Curtis, de Jesus and Mary Chain e de Siniestro Total, en definitiva, fórmulas i estilos totalmene explotados e a verdade  que se bota moito de menos grupos que arrisquen, que sexan creativos e que intenten aportar algo novo e innovar. Con respecto ó clima non atopamos ningunha conexion, pero si sin embargo ca forma de ser, Galicia  é un pais de xente conservadora entón é normal que a música feita en Galicia sexa conservadora

Como inflúe a crise económica na música? Nótase nos festivais e salas? Compénsase isto coas maiores facilidades para a edición e distribución?

MO: O mesmo que antes, non podemos comparar con anos anteriores. Tampouco temos experiencia en concertos para concellos non en grandes festivais. Se cadra é o momento para que aparezan outros camiños como as asociacións culturais ou os centros sociais okupados. Tocamos nas asociacións culturais Amalgama (Vigo) e Liceo Mutante (Pontevedra), no Festival Sereas e Piratas (da Asociación Cultural Rebeldía de Carballo) e na Casa Okupada das Atochas (A Coruña) e todas nos pareceron iniciativas exemplares.

DP: A crise nótase e moito. Hai constantes atrasos en pagos, os grupos vistos dende o punto de vista mercantil non deixan de ser empresas. Temos gastos cada vez que tocamos, e se hai atrasos nos pagos temos perdidas, as veces moi gordas... Tamén o están pasando mal os festivais, teñen que reducir cartel, hai menos presuposto para outras cousas. Este ano creo que vai ser moi difícil para moitos é unha autentica mágoa. Por outro lado tampouco se notan tanto as facilidades das que falas, hoxe é moi difícil que un selo poda pagar a gravación, a edición, videoclips, promoción..., senón tes a ninguén, é moi fácil xogar a ter un disco pagado por ti e ir por aí baleirando salas, pero a realidade é que moitos grupos sacan un disco van de xira e se separan con perdas de diñeiro e unha gran frustración. Hoxe un disco non é mais que unha maqueta se non sabes moverte moi, moi ben, ou tes o apoio dun selo (e estes cos míseros ingresos que teñen hoxe case non fichan novos grupos, ou fichan cunhas condicións moi malas) ou fas ti todo. Pode que sexas un crack ca guitarra, pero como é normal, non todo o mundo sabe como moverse en estes aspectos non creativos. O que está claro é que se a xente non sabe de ti, non podes gustarlle, aínda que o teña moi sinxelo porque pode encontrarte nun momentiño en internet, pero se non sabe da túa existencia non vai buscar, e para saber da túa existencia non chega con que escoite ou lea o teu nome unha vez, ten que oílo moitas veces para que sinta curiosidade e busque o teu.

NC: Onde fixo mella a crise foi nos grupos que recibían as subvencións. Coa situación actual, na que os poucos cartos que hai se gastan en traer a Björk á Cidade da Cultura, a maioría desas bandas desapareceron e quedamos os que nunca tivemos acceso ao carto público, que seguimos producindo e actuando incluso mais que antes da crise. Crise? Que crise? O reto está en darnos conta de que é responsabilidade de todos manter o sector, e o público debe ser consciente.

NP: Nótase, e máis se vai notar, no aspecto institucional/público, pero a nivel subterráneo sempre seguirá aí, en constante mutación. As crises son da maquinaria que hai ao redor da música, non da música en si.

FR: O negocio da música non ten nada que ver coa música. A historia demostra que nas épocas de crise sempre aumentou a creatividade, e esta vez non é ningunha excepción. Despois se a industria non sabe ou non quere aprender nada pois esta será outra oportunidade perdida.

CB: Claro que se nota, o parón de concertos foi bestial, e se a iso lle sumamos que as salas non arriscan e que as institucións recortan orzamentos e incluso os suprimen, iso fai que desaparezan festivais e teñamos que tocar en locais mais pequenos e movernos máis, xa que non se venden discos.

SA: A solución a todos os males foi internet, agora xa non é necesario edicións en formato físico para que a xente escoite a tua música. Por outro lado a falta de subvencións e este tipo de cousas pode ser positiva xa que era algo irreal. Cando tiñamos Iribarnes estivemos nunha cousa destas, cobrar 400 euros para un concerto ao que ían 10 persoas. As mellores escenas musicales adoitan nacer da precariedade. E agora temos propostas como o Liceo Mutante de Pontevedra, que é o que realmente se necesita.

ML: No nivel amateur non hai crise. Onde nunca houbo cartos a crise é inexistente. A crise notarana Iván Ferreiro ou Xoel López. Os organizadores de festivais van ao carto e no caso galego hai que engadir que non miran un carallo pola canteira de grupos. Pode sair algun grupo en Caldas de Reis ou en Vilagarcía por amiguismos e porque levan non sei que marca de roupa ridícula que os patrocina pero son casos aislados, ademáis son grupos que fusilan o hype do momento e "ciao pescao".

ME: É verdade que agora a distribución da música é mais doada gracias a internet, pero á hora da verdade todo sigue sendo igual: se queres ter repercusión, tocar en festivais, estar nos medios, etc, tes que estar nunha discográfica ou nunha promotora, poñer pasta e caerlle ben e facerlle un pouco a pelota a periodistas e ós gafapastas intelectuais da túa cidade, pobo, vila ou barrio. O noso grupo non está notando a crise para nada nese aspecto, antes non nos chamaban para tocar en ningún festival e agora tampouco, asi que se non hai cartos para pagar a grupos e se deixan de facer festivais a nón non nos afecta para nada

Dicide un grupo galego que vos guste ou co que vos sintades identificados

MO: En canto a afinidades nin idea, fáltanos perspectiva. Algúns grupos galegos que nos gustan de estilos diferentes: Malandrómeda, Hongo, Unicornibot...

DP: Non podo dicirche un ao que lle teñamos especial cariño, pero podo dicirche aos que mais odiamos, que son Colectivo Oruga: o noso pasatempo favorito é insultalos.

NC: Agora mesmo estamos ligados a Javi Álvarez (Fluzo, Néboa, Dúo Cobra...), co que estamos colaborando para embarullar e meter ben de ruído nunha canción. Todos os seus proxectos son caralludos. 

NP: Nós dende sempre sentímonos próximos, tanto musical como persoalmente, a grupos coma Mequetrefe, Telephones Rouges ou Colectivo Oruga, e a outros que lembramos agora.

FR: Triángulo de Amor Bizarro é o grupo que máis nos gusta, e ademais son os nosos mellores amigos no mundo da música. Sempre nos axudaron moito, e ademais pasámolo moi ben xuntos.

CB: Somos súper fans dos Alarido Mongolico, un duo dr electropunkpopguarrete, por dicilo dalgún xeito, unha proposta moi fresca e irónica. Dende os seus comezos estivemos moi ligados, xa que son de Ferrol e Coruña e incluso ensaiaban no noso local. Están a piques de editar o seu primeiro traballo.

SA: Do último o que máis me gusta e Fantasmage, estamos na mesma onda, pero a parte diso a calidade que teñen é moi grande.

ML: Lobishome e Le Cûl. Son moi bos colegas, teñen dous grupazos e tocamos en moitas ocasións xuntos.

ME: Temos relación cos Noise Project, cos que temos tocado algunha vez, e despois hai un grupo que está moi por encima da media que é Fluzo, que son un dos mellores grupos de Hip Hop pero xa a nivel mundial

Proxectos para 2012

MO: Participaremos no segundo Galician Bizarre, estamos argallando a terceira maqueta e resolveremos a crise antes do outono para afrontar máis tranquilos a fin do mundo.

DP: En breve sairán dous novos videoclips, sacaremos unha edición de "Nihil obstat" en vinilo e po suposto seguir tocando, aínda nos quedan 16 concertos antes do verán e algún mais que caerá... No verán intercalaremos concertos coa preparación do segundo disco. Non nos imos a aburrir...

NC: Polo de pronto temos unha primavera e un verán a rebordar de concertos por Galicia e España. En outono gravaremos o que será o terceiro elepé e escaparemos a Miami. Tamén temos colaboracións a piques de saír e outros proxectos en mente que aínda hai que plasmar. Sempre en forma!

NP: Seguimos ensaiando e probando cousas novas, a idea sería publicar algún EP, formato moi actual hoxe en día e que dá gran liberdade. Ademais temos bastantes temas novos posteriores a "Asuntos que se resolven co tempo" (A Regueifa, 2010).

FR: Quitar o noso segundo disco e tocar o máximo posible

CB: Presentación do novo EP, e facer o máximo de bolos posibles, sen esquecer os novos temas nos que xa andamos a argallar, de feito estes dias comezamos a gravar a nosa achega ao segundo volume de Galician Bizarre. Poñendo as miras no terceiro traballo que esperemos poida estar ao largo do ano.

SA: Gravar a maqueta 17 e participar no Galician Bizarre 2.

ML: Sacar cancións en recopilatorios e ep´s compartidos, que están pendentes de sair. Gravar contra o verán o segundo disco e facer algún videoclip.

ME: No 2012 imos sacar o segundo disco, que levamos semanas mezclando e producindo, e que posiblemente será un disco cuádruple no que cantaremos tamén en galego.