Morre Fito Domínguez, a voz de A Roda

Fito Domínguez © Cabrera Imagen

O autor de Pousa, pousa, O andar miudiño, Foliada do Celta, Falemos galegoOs bistéqueles ou O gato faleceu este domingo en Vigo aos 66 anos de idade, despois de 36 anos á fronte da formación. O velorio terá lugar a partir das catro da tarde na sala 3 do Vigo Memorial.

A Roda naceu dun grupo de amigos que se xuntaban a cantar arredor dunha mesa redonda na taberna, de aí o nome. Era 1976 e era Teis. Fito Domínguez, soldador, traballaba nos estaleiros, e como unha simple afección decidiu formar o grupo. Como se salienta na súa páxina, "era este un banquete festivo ao carón do viño, nunha época e nun país onde convivía esta tradición tabernaria cos efectos da normalización, que comezaban a dar resultados tamén no eido musical, eido que precisaba ter representación tamén no ámbito da cantiga de taberna".

Ao ano seguinte A Roda publican un disco homónimo, que contiña temas como Pousa, pousa, O andar miudiñoO gato, todo un éxito de vendas e que acadou o Premio da Crítica Galega, polo seu labor a prol da normalización da lingua. Naquela primeira formación estaba tamén Luis Vaamonde, irmán de Suso Vaamonde. O grupo explica que "a imperiosa necesidade de elaborar un repertorio discográfico de tipo tradicional que reflectise a realidade socio-musical na súa dimensión tabernaria, conseguiron atraer a atención dunha multinacional discográfica" e o grupo "tivo que artellar todo un repertorio para esta gravación en poucos días, así como artellar unha definitiva e posterior formación en relación ao directo".

Era 1976 e era Teis. Fito Domínguez, soldador, traballaba nos estaleiros, e como unha simple afección decidiu formar o grupo

O éxito convence os integrantes do grupo para seguir adiante; en 1979 publican Falemos galego, coas coñecidas Foliada do CeltaFalemos galego. En total A Roda publicou 15 discos en 36 anos, cun éxito absoluto en Galicia, pero tamén entre os residentes no exterior, pois a formación realizou varias xiras polos Centros Galegos no exterior. Pasaron toda a década dos oitenta sen publicar temas novos, até que en 1990 presentaron Os mariñeiros, (na que aparece Os bistéqueles). A partir dese momento comezan a compor temas propios (A gaivota) e a musicar textos literarios, como Eu teño un compadre, de Fermín Bouza Brey.

A Roda tamén se convertera nun símbolo do celtismo, dende a súa Foliada do Celta e tamén o álbum R.C.Celta - A Roda, publicado en 1999, de xeito que era habitual escoitar os seus temas en Balaídos.

Fito Domínguez © Cabrera Imagen
Primeiras actuacións do grupo © A Roda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.