0 Gardados para despois

“Estamos chegando ao final dunha etapa de 30 anos de teatro”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


“Entre a débeda de Agadic, os recortes e a falta de perspectivas de traballo, o que nos queda é marchar para a casa. É totalmente imposible manter o circuíto de consumo teatral actual. Estamos chegando ao final dunha etapa de 30 anos de teatro”. Así de contundente se amosa, na súa análise da situación actual das artes escénicas en Galicia, o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, (AAAG), Antonio Durán ‘Morris’.

O retraso nos pagamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), unido ao dos concellos, desequilibrou as contas das compañías desde o inicio da lexislatura. En xuño do 2009 a AAAG reclamoulle ao daquela recén estreado conselleiro de Cultura Roberto Varela que fixese fronte a unha débeda xa daquela cifrada nun millón de euros. As facturas comezaron a ser aboadas tras aquelas primeiras mobilizacións do sector. Pero a débeda seguiuse acumulando máis adiante, e na actualidade atópase no mesmo punto: un millón de euros, segundo os cálculos de Agadic -600.000 euros de funcións realizadas na Rede Galega de Teatros e Auditorios no segundo semestre de 2011, e 400.000 euros de anticipos de subvencións-.

Mais a cifra pode ser máis elevada, dependendo de que conceptos se inclúan. “Non só non cobramos o anticipo das axudas á produción que nos tiñan que pagar no 2011. Eses 400.000 euros supoñen o 40 por cento da factura, pero tamén se nos debe o outro 60 por cento. Ademais duns 180.000 euros de distribución. Desde a protesta que fixemos en novembro na Cidade da Cultura non cambiou nada. Só nos din que pagarán para marzo”, asegura o presidente de Escena Galega, Salvador del Río.

O discurso do director de Agadic, Juan Carlos Fasero, apuntou sempre á mellora da distribución. Aumentando o número de funcións e rebaixando o custo de cada unha. A media de espectadores foise incrementando nos últimos anos, segundo os datos do Observatorio da Cultura Galega, até acadar uns 200 por representación -lonxe dos 370 do País Vasco no 2009, por exemplo-.  O gasto medio por espectador por función situouse nese mesmo ano nos 5‘8 euros. En canto aos orzamentos para as industrias culturais, a rebaixa xeral do 2010 ao 2011 foi do 35 por cento, -de 2.190.000 euros a 1.370.000-

“É certo que hai que incidir na distribución. Pero a cuestión fundamental é que a administración non ten un plan para o teatro”, asegura Salvador del Río. “Todo o que fan é froito das presións. A Rede Galega de Teatros ten moitas deficiencias, e nós propoñemos medidas para ter máis funcións por obra, pero non nos fan caso. O orzamento que se dedica ao teatro é unha cantidade ridícula, unha miseria. E téntase confundir á xente con datos sesgados. Non hai cartos para o teatro pero si para inventar o Festival das Rías Baixas, ou para traer a Björk”, denuncia.

Para o investigador teatral e director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, (ESAD), Manuel Vieites, o problema é que “non hai unha política teatral. Non se está a aplicar ningún dos modelos recoñecidos. Falta un plan estratéxico para as artes escénicas: definir que cultura queremos e cal debe ser o rol da cultura no país. E nin en Galicia, nin en España, houbo unha política teatral que mereza tal nome. Non hai nisto unha converxencia con Europa. Mesmo en Estados Unidos están mellor”.

Vieites propón imitar “non o modelo catalán das industrias culturais” -filosofía que arrancou co bipartito e se mantén na actualidade-, senón o implementado noutros países, como Alemaña. Trátase dun sistema de residencias no que as compañías xestionan espazos públicos, ofrecendo un servizo concibido para a comunidade local no seu conxunto. En Portugal existe un modelo semellante: teatros públicos serven de espazo de produción e exhibición ás compañías residentes, que ademais organizan unha programación cultural coas súas obras e as doutros grupos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A dificultade de asentar as relacións coa administración

O sistema europeo non é o mesmo que a a experiencia das residencias que en Galicia comezaron co bipartito. “O obxectivo era, si, asentar a relación coa administración. Pero a nosa experiencia, a de Teatro de Ningures en Cangas, foi social e culturalmente moi froitífera, pero ruinosa desde o punto de vista económico”, sinala Salvador del Río. Os resultados foron mellores para Sarabela, compañía residente en Ourense. “Non sería posible sen o apoio de Agadic, o concello e a Deputación, nin sen os 32 anos que levamos traballando. A idea foi sempre normalizar o teatro na cidade, e por iso artellamos distintos xeitos de intervención. Temos as mostras MOTI, MITEU e FITO, pero tamén moitas actividades, desde animación á lectura ata un proxecto de integración social”, resume a directora, Ánxeles Cuña.

Chévere foi tamén compañía residente na sala Nasa. Mais non logrou, nos seus 25 anos de traxectoria no teatro alternativo, o apoio que precisaba para manterse en Santiago. Entón decidiu trasladarse a Teo, onde unha achega do concello de 30.000 euros, unida á cesión do auditorio municipal e aos 65.000 euros de Agadic, abren unha nova etapa para a compañía. Co anterior goberno local compostelán Chévere iniciara tamén experiencias de uso de espazos públicos como os centros socioculturais, que acolleron o Obradoiro do Espectador.

Neste momento un grupo de profesionais do teatro están a formar un novo colectivo de representación do sector que incide na idea de mudar as relacións coa administración. Desde esta asociación deféndese “a necesidade de soster un diálogo aberto con todas as partes implicadas para reorganizar o sector escénico e lograr activalo frente á crise, procúrase a autoxestión e a potenciación da iniciativa privada e ponse o acento en negociar coas institucións modelos de produción e distribución non tan dependentes das subvencións e máis centrados na apertura e utilización directa de espazos e recursos técnicos baixo control público por parte dos axentes culturais”.

“A única política teatral foi a de recortar”

Alén do debate sobre o modelo, o director e dramaturgo de Teatro do Noroeste Eduardo Alonso ten claro que “hai un problema de incapacidade na xestión de Agadic. O teatro non é unha prioridade. A única política foi a de recortar”, sinala. Aínda que as raíces do problema atópaas máis atrás. “Agadic herdou a estrutura burocratizante do Igaem”. Respecto ás residencias, opina que “deberían saír a concurso público”. Subliña, por outra banda, que se manteñen múltiples espazos, públicos e privados, desaproveitados. O CDG, matiza, “ten como función principal ser un centro de produción para o teatro galego, un teatro de repertorio nacional. Outras funcións, como as coproducións, deben ser secundarias”. Por outra banda, e ante o discurso de Fasero de dar oportunidades ás compañías novas, asegura que “hai que darlles cancha aos novos. Pero o primeiro é consolidar as que xa existen”.

Teatro do Noroeste ten en cartel neste momento a súa obra 'Último Cowboy’, situada na liña de retrato da sociedade actual doutras montaxes como 'Extrarradios’. Os actores Miguel Pernas -cuns monólogos moi convincentes- e Luma Gómez -cun traballo de imitación do acento albanés que marca toda a súa actuación- desenvolven ante o espectador unha historia de amistade entre un banqueiro xubilado e descrido e a empregada de fogar que o seu fillo teima en enviarlle: unha enfermeira albanesa. O único lazo que el mantén cun mundo do que renega, -así como rexeita a súa familia-, é a creación de novelas de vaqueiros para un lector único e ausente.

“O obxectivo é mostrar como a sociedade occidental está enferma. E fágoo a través da que se considera a súa célula: a familia. Unha sociedade pervertida polos intereses económicos. De fondo está tamén a falsa construción de Europa, con Albania como símbolo. E o capitalismo financieiro, causante deste desnorte total no que vivimos. Europa non se pode entender, ademais, sen a influencia americana. Os valores individualistas do heroe: o honor, o valor, a amistade; a soidade do protagonista da súa novela, reflicten o que lle ocorre ao personaxe de Miguel: o vello escritor”, explicou.

“Compañías veteranas estamos pensando se continuar ou non”

Desde Teatro do Atlántico, Xúlio Lago corrobora a advertencia de Eduardo Alonso: compañías con 20 ou 30 anos de traxectoria atópanse en risco de peche. “A situación é complicadísima. Non cobramos aínda o do 2011, pero temos que pagar aos actores, os técnicos... e os impostos. Ademais os concellos contratan menos funcións porque cos recortes teñen menos actividades. Por iso compañías que levamos tantos anos nos estamos formulándonos se continuar ou non, é certo", subliña.

Teatro do Atlántico levou a Compostela hai uns días a súa nova montaxe, 'E.R. Algún día traballaremos xuntas’, de Josep M. Benet i Jornet. Manuela Varela interpreta a unha estudante de arte dramático que, na súa procura de información sobre Encarna Ribera, acode a tres actrices que foron alumnas dela: Gloria (María Barcala), Asumpta (Luísa Merelas) e María (Susana Dans). As tres ofrécenlle unha versión moi distinta sobre E.R. o que lles pasou con ela. “O prezo das escollas que realizamos na vida é, para min, o tema principal”, sinala Lago.

A relación, non exenta de ciumes e rancores, entre Gloria, a diva do teatro europeo, e Asumpta, a famosa e televisiva actriz cómica, é o miolo da historia. “Asumpta escolleu a televisión, pero o que realmente quere é facer teatro. Gloria está soa, malia presumir de amantes. E María non se atreveu a loitar polo que quería, se cadra porque, como di ela, non era o bastante filla de puta. No fondo, tanto Asumpta como Gloria habitan un mundo de soidades. Hai unha identificación entre ambas: son unha”, comentou. O texto da outra obra que Teatro do Atlántico ten en cartel, ‘Memoria de Helena e María’, de Roberto Salgueiro, acaba de ser nominado para os Premios Max.

“Os recortes son inxustos, por desproporcionados"

Ánxeles Cuña define como “unha asfixia” a situación á que a débeda de Agadic está a levar as compañías. “Non temos liquidez, pero hai que adiantar cartos. E nós traballamos segundo o convenio... É un momento moi delicado e duro. Temos que tirar de crédito para ir tirando. E os recortes, ademais, son inxustos por desproporcionados”, asegurou.

Sarabela ten neste momento en cartel ‘Konrad’, unha historia sobre a importancia da educación afectiva; ‘O incerto señor don Hamlet’ de Cunqueiro e ‘Tango’ de Slawomir Mrózek. A terceira, a última estreada pola compañía ourensá, é “unha sátira contra a estupidez, contra os totalitarismos”, enfocada a través dos conflitos xeracionais no seo dunha familia de artistas. “Unha avoa moi moderna, Lilith, e a tía Xena representan a xeración máis vella. O pai e a nai son da xeración do 68, da loita pola liberdade. E o fillo, que ten algo de Hamlet, quere ordenar o caos que segundo el existe ao seu redor”, explica a directora.

Cuña salientou o traballo de Pedro Fresneda na iluminación e espazo escénico desta obra. “A perda de Suso foi un golpe tremendo”, -lembra, en referencia ao falecemento de Suso Díaz-. “Foi un ano moi duro, pero hai que buscar o modo de saír adiante. E se nós cumprimos coa nosa parte, como facemos, as institucións tamén deben facelo”, reclamou.