O debuxante José Domingo comeza a publicar neste mes as versións anglosaxonas do seu premiado álbum Aventuras de un oficinista japonés. O selo Nobrow é o encargado da edición do Reino Unido, que se lanzou este outubro. Ademais, a mesma editorial tamén levará o libro ás librarías estadounidenses a partir do próximo ano. “É unha editorial de referencia, un selo indie e que traballa moi ben a estilografía. Publicar nunha editorial coa súa reputación resulta un gran apoio”, recoñece José Domingo, quen vive na Coruña e traballa, xunto a compañeiros como Alberto Guitián ou Roque Romero, no estudo de ilustración La Pelu.
"Esta é unha oportunidade de ouro, xa que é abrir unha porta cara a un mercado moi importante e fundamental no mundo do cómic”
A publicación deste libro en inglés podería supoñer o inicio dun maior espallamento, xa que o ilustrador recoñece que, “aínda que polo momento non hai nada pechado”, está a manter conversas con diversos selos para a posible publicación noutros mercados como o alemán, o italiano ou mesmo o xaponés. Haberá que agardar as outras traducións, mais a versión inglesa xa é unha realidade para un libro que foi galardoado como o Mellor Cómic Español no Salón do Cómic de Barcelona, unha cita de referencia no sector da banda deseñada. Para o seu autor, a tradución do libro significa un paso adiante na súa carreira e na proxección da banda deseñada feita dende Galicia. “Agora hai que esperar como o libro chega ao público nuns mercados que son moi diferentes e complexos. Esta é unha oportunidade de ouro, xa que é abrir unha porta cara a un mercado moi importante e fundamental no mundo do cómic”, explica a Praza o propio José Domingo.
O humor do absurdo
Relata as histriónicas peripecias que un traballador xaponés ten que vivir para regresar a casa despois dunha xornada de traballo que, seguramente, foi tan absurda como as súas propias aventuras
O libro de José Domingo, cuxa versión castelá publicou a editorial Bang, relata as histriónicas peripecias que un traballador xaponés ten que vivir para regresar a casa despois dunha xornada de traballo que, seguramente, foi tan absurda como as súas propias aventuras. O pobre oficinista, sumido nunha rutina de vertixe, enfróntase aos máis peculiares transos para regresar o seu domicilio. Cans voadores, pantasmas nipoas, revoltas populares e monstros mutantes protagonizan algúns dos episodios de bizarrismo que o protagonista ten que atravesar nun libro que, para José Domingo, ten a súa razón de ser no humor. “É unha obra fundamentalmente de humor, cómico, no que prima a diversión, pero que tamén pretende manter un compoñente gráfico moi importante e un aspecto visual atractivo”, resume o ilustrador, quen xa está a traballar en “dúas novas ideas” dende o seu estudio compartido da Coruña, mais polo momento non quere adiantar moito.
José Domingo naceu en Zaragoza en 1982, mais a súa actividade profesional e artística está vencellada a Galicia. Pasou polas facultades de Belas Artes de Pontevedra e Salamanca, cursou un máster de creación e produción dixital da Universidade da Coruña e acabou traballando en Dygra Films. Colaborou con historias curtas en revistas e fanzines como Barsovia, Fiz e Retranca e, xunto a Kike Benlloch, publicou a novela gráfica Cuimhne: El fuego distante. En Dygra coñeceu, entre outros a David Rubín, e xunto a el e Bernal Prieto, deciden montar un estudio de traballo na Coruña. Ese lugar coñécese hoxe por La Pelu, porque conserva a decoración do anterior negocio: un salón de beleza para señoras. Nese local, Rubín creou a primeira parte de El Héroe e José Domingo, pola súa banda, ideou Aventuras de un oficinista Japonés, que agora chega na súa tradución ao inglés.