Furar na trastenda social: a novela negra como metáfora da desintegración

Miguel Anxo Fernández e Diego Ameixeiras Dominio Público Editorial Galaxia

A violencia e, de fondo, un desacougante realismo, alicerzan Sarou/Louzós, o volume no que Xerais reuniu os mellores relatos de xénero negro de Ramón Caride. O libro recolle historias xa contadas en Sarou (Premio Café Dublín, 1997) ou Negros espellos (2001), con raíces en Os ollos da noite e Crónica de sucesos, as primeiras incursións do autor no terreo da narrativa, no alborexar dos anos 90. Non era aínda o tempo dos best sellers máis recentes como Ollos de auga de Domingo Villar, e boa parte da crítica ollaba entón con desconfianza as fórmulas escollidas para importar a Galicia a novela policial, un modelo literario considerado foráneo e, moitas veces, de categoría menor.

“Coa novela negra pasou como coa de ciencia-ficción. Ao principio, había quen che dicía que o que tiñas que facer era escribir a gran novela sobre a guerra civil ou a emigración... Pero o tempo foinos quitando todo iso de enriba. Os lectores teñen menos prexuízos que os críticos”

“Coa novela negra pasou como coa de ciencia-ficción. Ao principio, había quen che dicía que o que tiñas que facer era escribir a gran novela sobre a guerra civil ou a emigración... Pero o tempo foinos quitando todo iso de enriba. Os lectores teñen menos prexuízos que os críticos”, lembra Caride. Recordos semellantes garda Manuel Forcadela. “Tiñamos un proxecto consciente de facer novelas para todos os públicos, cun obxectivo normalizador. Pero o que non funcionou foi o sistema cultural deste país. Voceiros da UPG dicíannos que escribiamos cousas frívolas en lugar de falar do proletariado... Eu publiquei
primeiro Sangue sobre a neve, que foi ben recibida. Pero despois Barato, Barato e Fóra de xogo tiveron moi malas críticas. Logo chegou Domingo Villar, que escribe o mesmo pero moito máis politicamente correcto, -pois os nosos investigadores torturaban e facían cousas así-, e entón fálase de auxe da literatura policial”, asegura.

Tampouco O crime da rúa da Moeda Vella de Román Raña, premiada co Blanco Amor no 1989, foi moi ben acollida pola crítica naquela altura. Xesús González Gómez mostrouse en A Nosa Terra especialmente duro co resultado destes primeiros intentos de adaptar a serie negra á realidade galega, nos que percibía un excesivo manierismo -moito máis benévolo foi, pola contra, coas achegas ao xénero de Ramiro Fonte-. E aínda nun libro que publicou no 2002 sostiña que “a novela policial galega naceu mal, non só pola pouca calidade do texto inaugural, senón porque os seus cultores non entenderon o que fora no seu día a novela negra americana, porque non sabían que a novela negra era a literatura moral do noso tempo, e, tampouco sabían da segunda revolución que se producira na novela policial a comezos dos 70, en Francia, e que se espallara por toda Europa”.

Xesús González Gómez mostrouse en A Nosa Terra especialmente duro co resultado destes primeiros intentos de adaptar a serie negra á realidade galega, nos que percibía un excesivo manierismo

Manuel Forcadela compartiu con Ramiro Fonte ou Darío Álvarez Gándara, entre outros, a colección Cómplice, iniciada por Edicións do Cumio en 1989 para dar acubillo a un xénero que tamén Xerais acolleu en Negra, inaugurada con Crime en Compostela de Carlos Reigosa, a recoñecida como a primeira novela negra galega. “Non é a miña mellor novela, pero Crime en Compostela chegou no momento oportuno. Había, entón, unha certa hipervalorización das obras sesudas. Neste contexto, uns botáronse enriba de min dicindo que Crime en Compostela era demasiado lixeira, e outros louvárona como exemplo de novela popular. Eu creo que todos tiñan algo de razón”, comenta Reigosa, autor tamén de O misterio do barco perdido, ou de A guerra do tabaco e Narcos, primeira e segunda entrega dunha triloxía sobre o contrabando aínda inacabada.

 

A evolución: o afastamento dos tópicos

No seo da colección Negra saíron tamén outros títulos como Seis cordas e un corazón de Xelís de Toro, Ambulancia de Suso de Toro, Blues para un asasino de Joaquim Fariña, A tres bandas de Xosé Miranda, Comendo espaguetis diante da televisión de Santiago Jaureguízar, Á de mosca de Aníbal Malvar ou Polas inmensas e alleas fortunas de Laura Caveiro. Esta última representa, se cadra, o mesmo que, segundo salienta Dolores Vilavedra no seu ensaio A narrativa galega de fin de século. Unha ollada crítica dende 2010, achegou Ramiro Fonte á serie negra galega: un distanciamento respecto dos estereotipos do xénero.

A propia evolución da serie negra galega favoreceu que o xuízo da crítica se fose tornando máis amable. Para Reigosa, foi fundamental, neste sentido, a mudanza no xeito de construír os personaxes

“É certo que hai, en Polas inmensas e alleas fortunas, parodia, pero feita dende dentro da estética da novela negra, desde o seu código estilístico, que non trato de destruír, senón que tomo como referente. O que fixen foi poñer en evidencia os estereotipos, e por iso aparece hiperbolizado, por exemplo, o machismo do detective. Toda a podremia social, a corrupción, está reflectida na inmensa violencia do libro”, explica Laura Caveiro.

Así, a propia evolución da serie negra galega favoreceu que o xuízo da crítica se fose tornando máis amable. Para Reigosa, foi fundamental, neste sentido, a mudanza no xeito de construír os personaxes. “Primeiro eran só arquetipos, e o centro das historias era a intriga, a trama de investigación... Despois os personaxes adquiren vida propia e vólvense multifacéticos; os autores afondan nas súa biografías..”, subliña. Na súa propia obra, -ou na de Domingo Villar-, é visible esta preocupación crecente, dun a outro libro, por retratar a personalidade duns protagonistas que mesmo van cambiando co tempo, como no caso de Nivardo Castro e Carlos Conde, afastados en A lei das ánimas (2010) de discursos e comportamentos machistas que amosaban en Crime en Compostela.

Miss Ourense de Bieito Iglesias, segundo opina Vilavedra, foi “a tentativa máis acaída de realizar un policial galego, sen necesidade de botar man de argumentos estereotipados”

Tamén Miguel Anxo Fernández presentou o Frank Soutelo de Lume de cobiza (2011), -a cuarta entrega da saga que comezara no 2003 con Un nicho para Marilyn-, como un personaxe que amosaba a súa faciana máis humana, lonxe do glamour de Hollywood das súas aventuras anteriores. O autor tentou ademais, neste libro, fuxir dos tópicos da novela negra como o da muller fatal, -Dalia, que axuda a Soutelo na investigación, é unha profesional afastada deste clixé-. Tampouco é o seu detective un ser infalible, senón máis ben un antiheroe que chega a torturar e roubar. Iso si, comparte trazos de personalidade, como a retranca, co inspector Gumersindo Nespereira do Miss Ourense de Bieito Iglesias, obra que, segundo opina Vilavedra no seu ensaio, foi “a tentativa máis acaída de realizar un policial galego, sen necesidade de botar man de argumentos estereotipados”.

"A novela galega foise inserindo na dinámica da novela negra europea, da que hoxe nada temos que envexar”

“É certo que as primeiras novelas negras en galego causaron certa convulsión, nun momento no que o modelo era a ‘alta literatura’...”, lembra Fernández, que publicará no 2013 a quinta entrega das aventuras de Frank Soutelo. Mais, “este século XXI é sen dúbida o da consolidación. A novela galega foise inserindo na dinámica da novela negra europea, da que hoxe nada temos que envexar”, asegura.

 

O achegamento á realidade galega

Os autores realizaron tamén un esforzo por galeguizar as tramas, evitando a mímese da novela negra americana, ou do xénero policial tal como nos chegou a través do cinema. Nos anos 90 produciuse un intenso debate, con moitos posibles matices, arredor do tema. “Conflitos que vivín na miña Pastoriza natal, como os relacionados cos lindes das terras, non eran tan distintos dos que transmitían as películas do oeste que viamos os mozos da miña xeración. Eu non sentía alleas aquelas historias de Oregón ou de Texas”, asegura Reigosa.

"Os elementos de misterio da novela americana ou inglesa non poden funcionar igual, porque en Galicia todo o mundo sabe onde está o poder, quen é e que fai o cacique. Os meus relatos falan de poder, e onde hai relacións de poder hai sempre violencia"

Ramón Caride defendeu a posibilidade dunha serie negra galega ambientada no rural, que reflectise unha “visión do mundo” galega. “Aquí non precisamos que haxa un detective ou un policía para facer novela negra. Os elementos de misterio da novela americana ou inglesa non poden funcionar igual, porque en Galicia todo o mundo sabe onde está o poder, quen é e que fai o cacique. Os meus relatos falan de poder, e onde hai relacións de poder hai sempre violencia. Non é que a sociedade galega sexa máis violenta que, por exemplo, a nórdica. O que pasa é que está menos estruturada. E a máis desigualdade, máis violencia”, apunta.

Domingo Villar ou Manuel Forcadela optaron, por situar as súas obras na cidade. “Quixen retratar un ambiente que me remitía ao Vigo dos meus 20 anos. Eu tiña amigos que practicaban boxeo. Era o mundo do destape, dos primeiros streep-tease, unha sociedade que estaba cambiando, como a da Barcelona de Montalbán: a idea era facer unha relectura contemporánea do xénero, en base a unha crítica social, con certas pegadas do neorrealismo italiano: o lumpen... Alén das críticas que recibín, por ocorrérseme falar dun ex-boxeador ou da prostitución, como se aquí nunca tal se vira, foi unha etapa moi bonita”, admite Forcadela.

A crítica rexeitou, porén, o que considerou unha “galeguización superficial” das actitudes de personaxes que, -indica Dolores Vilavedra no seu libro-, como o Toni Barreiro de Forcadela, “acompaña os seus xantares con viño Alvariño ou da casa ou le o Faro de Vigo”. Vilavedra contrapón este exemplo co do inspector Gumersindo Nespereira de Bieito Iglesias, ao seu ver “mellor caracterizado antropoloxicamente”, -coa súa “enxebreza” lingüística, ou o seu “peculiar humor” ou a súa “ollada saudosa”: probas, na súa opinión, da posibilidade dun policial galego non cimentado “no tópico do contrabando”. Tamén o Horacio Dopico de Diego Ameixeiras, -di-, comparte con Nespereira “unha lingua enxebre e ricaz” e un “escéptico estoicismo”.

Para Armando Requeixo, o maior cultivo do xénero nos últimos anos -que rexeita cualificar de “boom”-, ten que ver coa influencia dos best sellers nórdicos

Ese mesmo empeño en apegar as tramas á realidade galega atopou un terreo máis fácil “neste comezos do século XXI, pois dificilmente podían acontecer certas aventuras propias do xénero no país de hai trinta anos (e de feito esta falta de credibilidade foi unha das críticas que adoito se sinalaron ás primeiras obras desta clase)”, segundo sinala o crítico Armando Requeixo. Para el, o maior cultivo do xénero nos últimos anos -que rexeita cualificar de “boom”-, ten que ver coa influencia dos best sellers nórdicos e con factores endóxenos como que “a narrativa galega apenas se cultivou antes das últimas dúas décadas, o que seguramente moveu as empresas de edición e os escritores a tentar aterraplenar ese espazo sistémico que se vía desasistido, procurando así a desexable normalización da oferta”.

 

A faciana sociolóxica e política

“A boa novela negra é a mellor radiografía da sociedade, a que levanta acta do seu lado máis escuro”

“A boa novela negra é a mellor radiografía da sociedade, a que levanta acta do seu lado máis escuro”, asegura Miguel Anxo Fernández, admirador da corrente europea de autores como Henning Mankell ou Petros Markaris. A dimensión sociolóxica foi un dos aspectos que a crítica valorou de Miss Ourense de Bieito Iglesias. “Non quería facer un chiste, senón debuxar a sociedade dos anos 60. Quería facer algo arraigado na nosa realidade, pero con formas da literatura canónica policiaca. O modelo que usei foi o dos autores que me gustaban, como os americanos dos anos 30”, comenta. “Cando o galego se introduce no ensino, atopámonos co problema da falta dunha literatura popular axeitada para recomendar nos institutos. A novela negra era unha boa opción para iso”, lembra.

Ademais, “é un modo de facer realismo crítico moi eficaz, de mostrar as traseiras da sociedade, sobre todo en épocas de crise, como o foron os anos 30 en Estados Unidos, na Gran Depresión”, reflexiona Iglesias. Ramón Caride recoñece, tamén, como unha das súas inquietudes, ese ollar social. “Non é que sexa algo planeado para min falar de perda de identidade, de problemas ambientais... máis ben sae nas novelas o que me preocupa”, di. “Eu creo que a literatura, cando se nutre da realidade, é máis veraz que o xornalismo”, engade.

“Cando o galego se introduce no ensino, atopámonos co problema da falta dunha literatura popular axeitada para recomendar nos institutos. A novela negra era unha boa opción para iso”

Diego Ameixeiras subliña, respecto disto, que “a novela negra é a novela realista da actualidade”. Un molde axeitado para reflectir, “sen moralizar”, os “problemas sociais”, as “contradicións” de cada tempo. Foi así, -lembra-, como entenderon o xénero os clásicos norteamericanos como Dashiell Hammet e Raymond Chandler. Nos seus libros, “o ben non triunfaba sobre o mal. A sociedade seguía a ser corrupta, os problemas continuaban aí, aínda que se conseguisen resolver os casos. Non era así nas novelas de Agatha Christie ou Conan Doyle, un tipo de narrativa máis para que a burguesía quede tranquila e contenta, na que o ben gaña. Hoxe, que a propia actualidade é unha novela negra, sería infantil facer iso”, comenta.

“Eu creo que a literatura, cando se nutre da realidade, é máis veraz que o xornalismo”

O público da novela negra foi, co tempo, ampliándose, ao mesmo tempo que “se diversificaba o xénero, con máis voces, máis experiencias, cunha produción máis rica”, subliña Iglesias. A achega de Aníbal Malvar foi fundamental neste sentido, con títulos como Á de moscaUn home que xaceu aquí, Unha noite con Carla, -que indaga na corrupción inmobiliaria e o seu nexo co poder-, ou A man dereita -na que olla o terrorismo, como despois fará Ameixeiras en Baixo mínimos e O cidadán do mes-.

A esculca no real, -e na actualidade, como en Asasinato no Consello Nacional de Ameixeiras-, sitúa así a autores galegos coma estes na se cadra mellor tradición da novela negra: a realista, sociolóxica e política. Malvar foi un dos primeiros escritores en tratar a corrupción da etapa fraguista. “Eu non creo que exista hoxe, na narrativa galega, un déficit de actualidade. Se cadra, o fraguismo non se tratou antes porque non había aínda perspectiva para facelo”, opina o propio Ameixeiras. “Eu encóntrome cómodo coa etiqueta de literatura popular. Non creo que teña que supoñer baixar o nivel: na novela negra hai grandes obras mestras. Polo demais, nunca pretendín pasar á historia da literatura nin nada así. Pero se o que queres é que os teus libros permanezan, se escolles un tema moi de actualidade o que che vai pasar é que en dous ou tres anos quédache a historia atrasada. Ademais, haberá quen pense que escoller temas moi de actualidade é unha estratexia oportunista”.

“Eu non creo que exista hoxe, na narrativa galega, un déficit de actualidade. Se cadra, o fraguismo non se tratou antes porque non había aínda perspectiva para facelo”

Ameixeiras recoñece, tamén, unha evolución no xénero. “O primeiro foi Crime en Compostela, e detrás fomos todos. Eu creo que cos anos si se conseguiu construír unha visión propia, unha novela negra achegada á nosa realidade. Se miramos ao nivel estatal, a obra de Montalbán”, -refírese á serie Carvalho-, “ten só uns dez anos menos que a de Reigosa, polo que tampouco chegamos nós con tanto atraso. E tamén a literatura en castelán buscaba a súa propia voz, para non ser unha imitación da americana. Na literatura galega, Domingo Villar, Ramón Caride ou Malvar fixeron unha novela negra na que a realidade galega resulta moi recoñecible”, afirma.

 

Da hibridación á volta á hermenéutica tradicional

O xénero negro foi, por outra banda, co tempo, hibridándose con outros modelos narrativos, ou polo menos influíndo neles. Hai pegadas de novela negra en libros moi diferentes, como Todo é silencio de Manolo Rivas, Case perfecto de Marina Mayoral, Denso recendo a salgado de Manuel Portas, Criminal de Xurxo Borrazás, Vía secundaria de An Alfaya, Trece badaladas de Suso de Toro, Os fillos do mar de Pedro Feijoo ou In vino veritas de Francisco Castro. Ou na literatura xuvenil, -nalgunhas obras de Xabier P. Docampo ou de Fina Casalderrey, por exemplo-.

O xénero negro foi, por outra banda, co tempo, hibridándose con outros modelos narrativos, ou polo menos influíndo neles

Mais, no seu rexurdir actual, os éxitos de vendas parecen asociados á fidelidade á “hermenéutica tradicional da novela negra”, tal como sinala Vilavedra no seu ensaio. “Para contar o que quería, que eran certos aspectos da sociedade, tiña a sensación de que o máis doado era recurrir a unha investigación, algo que enganchase o lector para poder levalo onde me interesaba”, sostén Domingo Villar, que lembra ademais que grandes obras da novela realista como A esmorga de Blanco Amor “tamén son un relato policial”. Reigosa cita, neste sentido, clásicos como Dostoyevski.

Pero a valoración sobre a actualidade do xénero segue a ser diversa. Proba diso e a opinión do crítico Francisco Martínez Bouzas. “En xeral non me gusta a literatura policial galega porque, sacando algunha excepción como os relatos de Ramón Caride, o que se fai é literatura detectivesca e non literatura negra. Quero dicir que en case todos os autores, e un exemplo moi claro é Domingo Villar en Ollos de auga ou A praia dos afogados, predominan as convencións do xénero detectivesco en detrimento doutro subxénero da novela policial: a novela negra, unha fórmula narrativa moito máis rica e complexa, na que a resolución do enigma deixa de ser o obxecto principal, substituído polo retrato crítico da sociedade e a introspección psicolóxica do detective e dos sospeitosos. En xeral a novela policial galega, ao meu ver, non vai máis alá diso que os ingleses bautizaron como a literatura do Whodunit, (Quen o fixo?)”, di.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.