Chévere está representando Citizen, unha obra singular polo seu proceso de creación (cada unha das súas tres partes representouse mentres aínda se ensaiaban as seguintes), duración (catro horas) e tema: unha narración sobre o imperio económico de Inditex e un retrato persoal de Amancio Ortega que se move sempre entre a realidade e a ficción. Polo medio, outras narracións que ás veces ficaron esmagadas polos números da multinacional: os relatos das mulleres que dende os anos oitenta traballaron nos talleres textís de Bergantiños e outras comarcas, uns talleres que foron pechando nos últimos anos.
O percorrido de Citizen por Galicia até xuño será Carballo (sábado 17 marzo), A Coruña-Fórum Metropolitano (venres 23, sábado 24, domingo 25 marzo), Teo (sábado 28, domingo 29 abril), O Barco (vernes 4 maio), Lugo (sábado 12 maio), Lalín (venres 18), Santiago de Compostela-Teatro principal (venres 25, sábado 26, domingo 27 maio), Ribadeo (domingo 3 xuño), Ourense (venres 8 xuño) e Monforte (venres 29, sábado 30 xuño). Falamos con Manolo Cortés sobre a obra.
Non hai tradición en Galicia de facer espectáculos sobre personaxes que están vivos
Citizen é unha obra singular por moitas cuestións. Polo seu proceso de creación, case un work in progress e tamén polo tema escollido. Non é rechamante que soprenda por tratar un tema de actualidade e un personaxe moi recoñecible?
Sorprende porque é inhabitual, porque non hai tradición en Galicia de facer espectáculos sobre personaxes que están vivos, sobre alguén que nos é cercano aínda que non o coñezamos, non é habitual que o teatro trate temas de actualidade, normalmente trata temas máis xerais, máis conceptuais, sociais, pero dende unha maneira máis abstracta. Por outra parte a obra non ten nada de innovador formalmente, é teatro, non é nada difícil de ver para o espectador. O que si é innovador é a forma na que a obra se creou. Son tres partes e mentres se estaba representando a primeira estábase ensaiando a segunda e así. E despois ensámblase todo para facer o produto enteiro. E despois a duración tampouco é habitual. A Sala Nasa permitiunos facer isto, ese work in progress, un traballo constante de procura para crear unha obra de teatro.
Facemos un relato histórico dende a Transición até un futuro hipotético que se sitúa na actualidade
Falar de Inditex e de Amancio Ortega nunha obra de teatro é rachar un tabú?
A personaxe é moi apetecible. O que non entendo é por que ninguén o fixo antes, supoño que por hermetismo, ninguén sabe quen é ou como é. Pero isto xa pasou con Randolf Hearst, Citizen Kane, e Orson Welles abordouno a través de Charles Foster Kane, entrando e saíndo da ficción, usando a realidade, que é exactamente o que facemos nós con A.O. Desde un punto de vista respectuoso, xogando co personaxe, simplemente inventamos unha historia que lle puido ter pasado no ano 75. E así, facemos un relato histórico dende a Transición até un futuro hipotético que se sitúa na actualidade, pasando polos anos oitenta, cando se produce a expansión da empresa.
A realidade superou á ficción?
Cada vez que nos asomamos á tele, decatámonos do puerís que chegamos a ser mentres facíamos a obra. Na obra hai un informativo inventado, falando da crise económica, e parecíanos que estabamos inventando algo que non resultaba crible, con países intervidos e cousas así. E ao final nese noticiario non hai nada, nin o que está pasando en Portugal ou Grecia, nin as revoltas do Magreb. A realidade da crise do sistema superou á ficción con creces. Pero converter a realidade en ficción e a ficción en realidade é algo completamente inocente comparado co que fan os que nos gobernan. Gústanos ese xogo entre realidade e ficción, teatro de corte social, que desdebuxe as fronteiras entre un lado e outro do escenario e no que o espectador se poida ver reflectido, que lles faga pensar. Comezou con Testosterona, continuou con Citizen e seguiremos por ese camiño.
Todo o que se conta sobre as cooperativas textís na segunda parte da obra ten unha base real
Estivestes en contacto con mulleres que traballaron en talleres textís. E foron ver a obra, como foi a súa reacción?
Neste proceso de creación houbo un proceso de investigación. Falamos con moitas mulleres que montaron cooperativas textís nos oitenta, outras que aínda teñen talleres, e outras con talleres que daquela estaban a piques de pechar e que agora pecharon definitivamente. Todo o que se conta sobre as cooperativas textís na segunda parte da obra é real, ten unha base real total e moi fiel. Esas mulleres viron a obra e o feedback que recibimos delas nalgún momento foi sorprendente e esmagadora, mesmo algunhas choraron. E iso deunos a resposta de que o camiño que tomáramos era o correcto.
E como é a reacción do resto dos espectadores, sobre todo nesa última parte, na que lles dades voz nun debate sobre economia?
Hai un debate sobre un escenario de ficción de actualidade situada nun tempo non definido, onde xa todo non existe, na que o imperio económico de A.O. veu abaixo. Todo iso é unha lanzadeira: nós presentamos un estado de cousas de economía-ficción, a través dun formato case de culebrón, e a xente opina sobre iso e sobre a realidade. A xente toma a palabra e é marabilloso. Mistúrase a realidade e a ficción que representamos.
Non nos convidaron á voda e nin sequera tivemos a sorte de que se achegasen a vernos á representación que fixemos en Arteixo
Non vos convidaron á voda?
Non nos convidaron, e nin sequera tivemos a sorte de que se achegasen a vernos á representación que fixemos en Arteixo. Supoñemos que A.O. está ao tanto da obra, pero supoñemos que como con moitas outras cousas, está por riba disto.