E leváronlle as pombas e as mazás a Isaac Díaz Pardo. No cabodano do seu pasamento, o escritor e artista recibiu unha emotiva homenaxe nun acto cívico celebrado no cemiterio de Boisaca e no que unhas vinte persoas encargáronse de lembrar a súa figura, así como os seus compañeiros de xeración.
Un deses compañeiros e amigo, Lorenzo Varela, publicara un poema no seu libro Lonxe titulado Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasinados. Nel, escribía: "Gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás". Volveuse escoitar nunha homenaxe organizada pola Academia Real Díaz Pardo, que de aquí en diante encargarase de difundir a súa obra.
Precisamente, Xesús Alonso Montero explicou que esa Academia terá como labor fundamental a de difundir "a obra, as ideas e o legado" de Díaz Pardo en todas as súas dimensións. "a galega, ibérica e europea". "Hai que explicar todas estas dimensións para os novos que axiña serán o presente de Galicia", aclarou.
Os intervintes destacaron a figura dun Díaz Pardo que foi "o motor de grandes causas"
"Seguimos necesitando a Díaz Pardo", asegurou Inma López Silva, mentres Martiño Noriega incidiu nesa necesidade dun Díaz pardo que "xa tiña respostas" para a situación actual da sociedade. "Se hai un déficit é un déficit do público", engadiu o alcalde de Teo. Carme Blanco, David Otero, Luz Pozo ou Xosé Luís Axeitos foron outros dos encargados de lembrar a figura do que xa é un pedazo da historia de Galicia. Este último definiu a Isaac como "o motor de grandes causas".
Ao tempo, homenaxeouse tamén a Valle Inclán, soterrado tamén en Boisaca, e de cuxo falecemento se cumpren este 5 de xaneiro 77 anos.