O substituto de Flocos nace como un "depósito do pasado" cun total de 86 producións galegas

Imaxes do antigo e do novo portal © Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) puxo en marcha hoxe Canle TV, substituto da desaparecida filmoteca en rede Flocos TV. A nova plataforma  arrancou hoxe con máis de 80 producións de directores como Ángel Santos, Oliver Laxe, Chema Gagino, Roque Camaselle, Antón Reixa ou Alberte Pagán. Cun deseño moi sinxelo, as fitas aparecen categorizadas segundo o xénero nun total de seis etiquetas diferentes: Ficción, Animación, Documental, Experimental, Videoclip e Adiantos. Este último apartado resérvase para incluír os tráilers de diferentes películas. No resto de categorías, os usuarios poden visualizar cada peza de forma íntegra. O número de producións visibles irá aumentando co paso do tempo.

Para o seu lanzamento, Canle TV inclúe un total de 46 tráilers e 86 fitas, sendo a máis antiga Los Tranvías de La Coruña, un documental de 16 minutos de duración do ano 1926. As fitas máis próximas no tempo son de 2008, ano no que nacera o seu antecesor, FlocosTV. Ese proxecto deixouse de actualizarse tras ser desbotado polo Goberno de Núñez Feijóo. "A páxina de Canle TV, polo de agora, remata en 2009, que foi cando se deixou de lado a Flocos. Esta circunstancia fai pensar que o único que se fixo foi reactivar os contidos que xa había en Flocos. E no apartado de adiantos, vemos tráilers de fitas de 2007, o cal como mínimo parece rariño", opina o crítico cinematográfico Martin Pawley.

A comparación co seu antecesor resulta inevitable e, entre as diferenzas con Flocos que xa se poden notar, destaca a ausencia da rede social interna

A comparación co seu antecesor resulta inevitable e, entre as diferenzas con Floco que xa se poden notar, destaca a ausencia da rede social interna. "A min realmente ese aspecto dáme igual. Nunca fun partidario, nin agora en Canle TV nin antes en Flocos. E hoxe en día as redes sociais xa están consolidadas. Están o twitter ou o facebook, que é onde se xeran os debates. O de crear redes sociais hoxe en día non ten sentido", considera Martin Pawley.

"Utilidade diluída"

A selección escollida por Canle TV para o seu nacemento queda, como indica Pawley, estancado no pasado ao non recoller ningunha peza dos últimos anos. "Penso que en 2010 e 2011, pasaron bastantes cousas no eido audiovisual", di con retranca Pawley. Polo tanto, un dos primeiros problemas que se poden advertir é a falta de actualización dunha web acabada de nacer e que inclúe tráilers de hai tres anos. "Nace como un depósito tristeiro do pasado", sentenza Martin Pawley, quen pon en dúbida a funcionalidade deste proxecto.

"Nace como un depósito tristeiro do pasado", sentenza Martin Pawley

"A utilidade de que unha institución constrúa unha plataforma para subir unicamente contidos dilúese por completo. Un proxecto deste tipo só tería sentido se hai detrás unha serie de persoas que se afanen con siso a realizar unha programación, a dar información nova. Precísase dunha serie de criterios de programación ben artellados e moi ben estruturados. Se non hai iso, non ten sentido ter un espazo onde subir as fitas dos autores, porque hoxe en día calquera pode subir contidos de boa calidade a internet e moitos cineastas xa teñen os seus propios espazos de exhibición en internet. Aquí, polo momento, non parece que haxa eses criterios", sentencia Pawley.

Outro elemento que critica Martin Pawley en Canle TV é a escasa información que hai de cada filme. Cada película está acompañada dunhas breves anotacións ao xeito de sinopse e unha ficha técnica no que se recollen datos sobre a dirección, o elenco, a duración e o ano de produción. "Para que sirve poñer unha curta se non contas en que festivais foi ou onde se puido ver? Creo que habería que poñer máis informacións a ese respecto. Os programadores, que non van entrar en Canle como tampouco entraban en Flocos, non van atopar información valiosa sobre os autores nin sobre as súas fitas. Pode que sexa útil para as escolas, que terán acceso a determinadas curtas ou documentais para poñer na clase", sinala o crítico cinematográfico.

Imaxes do antigo e do novo portal © Agadic

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.