A Asociación Galega de Editores entrega esta noite os seus premios anuais, na xa tradicional Noite da Edición, que nesta ocasión tivo lugar en Compostela. Antes do inicio do acto rendeuse unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo a través dun vídeo. Ademais, Xesús Couceiro recibiu o Premio Fernández del Riego e Andavira Editora o Premio á Edición Histórica.
Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, foi elixido mellor libro de ficción do ano, e o xurado, formado polo editor Juan Blanco Valdés, a xornalista Montse Dopico, a libreira Isabel Ares, a bibliotecaria María Luz Corral e o crítico Xosé Eyré, fixo unha mención especial a Centauros do Norte, de Marcos Calveiro. Ademais, Xavier Queipo foi recoñecido como mellor autor do ano, co premio Xosé María Álvarez Blázquez.
O Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción recaeu na Obra Gráfica de Conde Corbal, editado por Nova Galicia Edicións. Houbo mencións do xurado para O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel (Biblos) e para Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira (Xerais).
Nas categorías de poesía e libro infantil os gañadores foron Poesía completa, de Loís Pereiro (Xerais) e Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra (Galaxia). Así mesmo, houbo mencións especiais para O Apalpador e a castaña máxica, e para a edición de Canto de Nadal, de Charles Dickens.
O Premio Lois Tobío ao Libro traducido foi para Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo (Xerais) e o Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado foi concedido a Contos por teléfono, de Pablo Otero (Kalandraka). Finalmente, o Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ao libro educativo do ano 2011, entregouselle a As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana (Ir Indo).
O xurado destacou a calidade de todos os finalistas e solicítalle á Secretaría Xeral de Cultura que se merque un exemplar para cada unha das bibliotecas públicas pertencentes á rede de Bibliotecas de Galicia.