Os Camiños de Santiago, un tesouro desprotexido

Un treito do Camiño Primitivo CC-BY-NC de picos pardos

Os Camiños de Santiago, cando menos sete, son un recurso turístico de gran valor, pero teñen un valor patrimonial fundamental como camiños históricos. E asociados a eles, atopamos unha gran riqueza paisaxística, de patrimonio material e tamén inmaterial, dende a etnografía até as lendas que durante séculos se foron construíndo. Son algo máis que vías de comunicación polo tanto. A pesar da súa importancia histórica e presente, a súa protección segue rexistrando notables eivas que ameazan por denaturalizalos e devalualos.

No 2012 fixeron 50 anos dende que foi declarado conxunto histórico-artístico o Camiño de Santiago. E fixeron 40 anos da Convención da Unesco para a protección do Patrimonio Cultural e Natural do Mundo. E fan 20 anos da declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade. Despois de tantas décadas a maioría dos camiños seguen sen estar delimitados, apenas o están o Francés e, recentemente, o Primitivo. O Inglés atópase en fase de alegacións. E en todos os casos, a delimitación fixada pola Xunta espertou numerosas críticas. É dificil protexer algo cando non sabes sequera ben o que estás defendendo.

A comezos dos anos noventa, coa proximidade dun Xacobeo 93 que se quería converter nunha máquina de facer cartos, fíxose unha delimitación provisiona que marcou os camiños por itinerarios moi distintos aos reais. Algunhas veces por comodidade para o peregrino, outras veces porque o camiño histórico fóra ocultado por novas construcións, de autoestradas a polígonos industriais, e outras veces por conveniencias persoais de alcaldes ou veciños. Dende hai uns anos, nunha nova fase na que se procuraba realizar unha delimitación definitiva, caeuse nos novos erros, e carballeiras históricas ou elementos petrimoniais coma hórreos ou pontes van ficar fóra da protección. E o camiño vai ser falseado.

A xeito de análise histórico-normativa Carlos Amoedo (secretario xeral da Consellaría de Cultura e Deporte entre os anos 2005 e 2008) e Teresa Nieto Freire (arquitecta responsable da Subdirección Xeral de Protección da Cidade e dos Camiños de Santiago nese período) presentan este luns na Coruña a obra Camiños de Santiago. 50 anos de protección patrimonial dun itinerario cultural (Edicións Nigratea). No libro analizan como esta parcela do territorio, formalmente protexida desde 1962, foi obxecto dunha lexislación insuficiente frente á intensiva explotación turística, á que se lle engadiron outros aproveitamentos vinculados ao desenvolvemento capitalista (concentración parcelaria, infraestruturas xerais, explotacions mineiras, parques eólicos) que deturpan irreversiblemente a autenticidade e integridade do primeiro itinerario cultural mundial. No contexto dunha crise económica que se engade á tradicional falta de sensibilidade patrimonial dos poderes públicos e privados, a transmisión deste patrimonio cultural ás xeracions futuras obriga á aplicación firme dun marco legal máis coherente.

Amoedo explica que "todas as normas que se foron poñendo enriba da mesa para protexer a dimensión patrimonial do camiño decaeron ou foron incumpridas. Entre outras cousas porque esa defensa da dimensión patrimonial era só unha obriga ou unha escusa para darlle un certo marchamo cultural a un produto artístico moi potente.  E creo que iso resume ben o por que durante este últimos 50 anos o que se fixo foi retellar por aquí e por alá no canto de realizar unha protección integral".

Como apunta Felipe Arias no prólogo boa parte das desfeitas proveñen do "lucro fácil e a desculpa dunha crise para perpetrar as maiores barbaridades culturais e patrimoniais que se poidan imaxinar"

Acha a orixe do problema nesa primeira delimitación que se fixo antes do Xacobeo 93 e na primeira delimitación oficial, a do Camiño Francés, que lles marcou a senda ás demais: "era a única ruta que tiña unha protección superior aos 30 metros e tiña un tipo de protección parroquial. Iso significaba que en moitos lugares a protección chegaba a un quilómetro do Camiño. E iso ao PP nunca lle gustou nada, sobre todo aos seus alcaldes. E houbo sucesivos abortos dos intentos de delimitación". E engade: "corrobóranse on trazados apócrifos dos anos noventa. Pero como non necesitan expropiación, saen gratis e son elevados a definitivos. A Xunta tivo un enfoque bastante populista no senso de escoitar só aos veciños". Ou como apunta Felipe Arias no prólogo boa parte das desfeitas proveñen do "lucro fácil e a desculpa dunha crise para perpetrar as maiores barbaridades culturais e patrimoniais que se poidan imaxinar".

 

Críticas no Camiño Primitivo

O Foro do Camiño Primitivo acusa a Xunta de negarse a recuperar uns 50 quilómetros do trazado orixinal e de deixar fóra de protección máis dun cento de elementos patrimoniais

O Foro do Camiño Primitivo anunciou hai unas semanas que denunciará a Xunta ante a Unesco e ICOMOS-España para denunciar "a delimitación fraudulenta do itinerario" pois acusa a Xunta de negarse a recuperar uns 50 quilómetros do trazado orixinal e de deixar fóra de protección máis dun cento de elementos patrimoniais asociados ao primeiro Camiño a Compostela. O Foro solicitaralles que condicionen a declaración do Camiño Primitivo de Santiago como Patrimonio Mundial "á delimitación obxectiva e á recuperación da traza histórica do Camiño alí onde o permiten as fontes documentais, históricas e arqueolóxicas dispoñíbeis". Demandarase pois á UNESCO que atrase a decisión "en tanto a Xunta non respecte os criterios de integridade e autenticidade".

O Foro conclúe que a aprobación definitiva desta fraudulenta delimitación oficial ten unhas consecuencias "funestas" pois "arruína o ímprobo esforzo colectivo de recuperación do primeiro e máis antigo itinerario histórico a Compostela desde hai máis de 20 anos, premia os invasores do noso patrimonio camiñeiro, consolida con recursos públicos a ocupación do itinerario orixinario e a destrución do seu territorio histórico e bens asociados e pon en risco a candidatura da vía primitiva a Patrimonio da Humanidade".

 

Patrimonio e lingua: Normas que non se cumpren

Carlos Amoedo: "Neste pais estamos moi afeitos a facer leis para quedar ben e sair nos medios e despois xa me preocuparei de non cumprilos"

Amoedo explica que "unha cousa é a delimitación fáctica do camiño e outra é o trazado real a delimitacion oficial e este responde a criterios cientificos. Porque pode que hoxe o camiño estea cuberto por unha estrada, pero igual esa estrada dentro de vinte anos xa non existe. Pero o camiño seguirá existindo". Entre os casos que se comentan no libro están os errados planeamentos urbanos do paso do Camiño por Fisterra ou polo barrio do Carme en Lugo, as autorizacións de aproveitamentos eólicos e mineiros (en Lourenzá), ou a autenticidade da delimitación do Camiño Francés entre Amenal (O Pino) e o Monte do Gozo.

Entre as directrices publicadas pola Xunta recoñécese que se poderán construir aproveitamentos eólicos a menos de 30 metros do camiño, mesmo no Camiño Francés. "Nós durante o Bipartito impediramos parques eólicos en Muxia a carón do Camiño. E a Xunta en 2010 autorizounos". O Camiño está formalmente protexido, pero na práctica as normas de protección non se cumpre. Carlos Amoedo equipara esta dinámica á situación que se dá noutros campos: "iso mesmo sucede no medio ambiente ou na lingua. Hai dispositivos normativos pero na práctica a lingua se desprotexe. Neste pais estamos moi afeitos a facer leis para quedar ben e sair nos medios e despois xa me preocuparei de non cumprilos".

Capa do libro © Nigratrea
Unha imaxe do Camiño Primitivo CC-BY-NC de picos pardos
Fonfría, na Fonsagrada, no Camiño Primitivo © Xacobeo
Albergue de Ribadiso, no Camiño Primitivo, preto de Arzúa © Xacobeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.