Ferrín dimite e asegura que "a Academia está en perigo"

Xuntanza de académicos na RAG © RAG

Méndez Ferrín consuma a súa dimisión como presidente da Real Academia Galega (RAG). Logo dun tenso plenario celebrado este martes na Coruña, o escritor consumou a renuncia anunciada hai xa varias semanas malia as peticións de varios académicos e institucións para que reconsiderase a súa decisión e esgotase cando menos o seu mandato. Ferrín marcha e abandona tamén a cadeira vitalicia que ocupaba desde hai trece anos. "A Academia está en perigo", asegurou nada máis saír da sede da institución e logo de máis de dúas horas de xuntanza.

"A Academia está en perigo", asegurou Ferrín ao saír do plenario

"Sempre defenderei a Academia e pídolle á cidadanía e ao pobo que a defenda das acechanzas", engadiu Méndez Ferrín ás portas da Academia, onde estivo acompañado por Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Axeitos ou Manuel González, que o despediron cunha aperta. "Hai forzas internas e externas que atentan contra ela", engadiu, tras advertir de que pretenden "desvirtuar" a súa razón de ser, que é "a defensa do idioma".

Ademais, Ferrín asegurou que desde xa se situará na súa "paisaxe natural", o das "agrupacións e asociacións culturais e políticas da esquerda nacionalista que si defenden o meu idioma".

Ferrín asegura que agora estará "coas asociacións culturais e políticas que si defenden o idioma"

O plenario celebrouse entre a tensión xurdida con algúns dos membros da institución e as peticións doutros -liderados por Manuel Rivas- para que Méndez Ferrín esgotase o seu mandato. Malia que o presidente tiña a decisión tomada, as súas últimas declaracións abriran a porta a unha marcha atrás na súa postura. "Sempre se pode cambiar de opinión",  dixera a pasada semana. Pero non houbo tal cambio. O escritor entende que a "deslealdade" -á que fixo alusión en varias ocasións nos últimos días- dun sector dos académicos facíanlle imposible rectificar.

Foi ás 18 horas cando comezou un plenario ordinario cuxa orde do día incluía a dimisión do presidente, pero onde tamén se debateu sobre o protocolo levado a cabo para as contratacións na Academia, despois de que nalgúns foros se acusase a Ferrín de nepotismo e falta de transparencia ou logo de que o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, criticase con dureza ao ILG e a Consello da Cultura Galega, ambos os dous organismos amplamente representados no plenario. Dúas horas e media despois, Ferrín marchaba confirmando a súa renuncia. Agora, ábrese un prazo de non máis de tres meses no que se terán que presentar novas candidaturas para elixir un novo dirixente.

O pleno non acepta a súa renuncia como académico

"Non se acepta a renuncia como numerario e o plenario, en consecuencia, non cubrirá a súa vacante". O secretario da Real Academia Galega, e agora presidente en función, Xosé Luís Axeitos, explicou visiblemente emocionado que os académicos non aceptaron onte na xuntanza a dimisión de Ferrín como numerario. "Quixemos que marchara con honor e gloria e a súa cadeira queda aí baleira para que volva cando el queira; iso acordouse por unanimidade", engadiu Manuel Rivas.

"A súa cadeira queda baleira para que volva cando el queira", explicou Manuel Rivas

Ademais, e respondendo ás acusacións de falta de transparencia, Axeitos aclarou que as contas de 2012 foran aprobadas por unanimidade, así como os orzamentos de 2013, e que ambos os dous documentos foran colgados na páxina web. En canto á polémica polas incorporacións á RAG, anunciou que se creará "unha comisión para estudar un protocolo para facer as novas contratacións de agora en diante na Academia".

"Queremos transmitir á sociedade que a Academia Galega como institución máis que centenaria ten e segue tendo vocación de proxección e de futuro e de servir o país, á súa cultura e moi especialmente á súa lingua", engadiu Axeitos logo de abriar a porta á reconciliación entre os diversos sectores enfrontados.

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.