0 Gardados para despois

O humilde brillante

Armando RequeixoArmando Requeixo


É difícil imaxinar como tería sido a Galicia dos últimos tres cuartos de século sen o imprescindible concurso de Isaac Díaz Pardo. Se un repasa as iniciativas e proxectos, as actividades e empresas nas que, directa ou indirectamente, a súa persoa ou as plataformas que capitaneaba estiveron implicadas decatarase ao instante de que practicamente non existiu conclave cultural ao longo de décadas no que a súa sombra benéfica non pulase por nós.

Sabido o anterior, entenderase que defenda calquera homenaxe que se lle teña feito en vida ou se leve a cabo agora que o botamos en falta, pois decote han merecer todos non só a miña atención, senón o meu aprecio admirativo. Así acontece co volume A luminosa mirada dos ollos de Isaac, entrega primeira da compilación que da obra ensaística dispersa do intelectual levou a cabo unha das persoas que máis o tratou e mellor o coñeceu, Xosé Ramón Fandiño, quen publica este libro formando parte dos Cadernos Ramón Piñeiro do centro homónimo coa colaboración da Fundación Pedrón de Ouro e mais o Museo do Pobo Galego.

Unha edición, a de Fandiño, estruturada en oito grandes bloques nos que os distintos artigos do propio Díaz Pardo van informándonos sobre os principais aspectos da súa biografía e obra, así como tamén das relacións amigables e contacto creativo que mantivo con algúns dos máis senlleiros persoeiros das nosa arte pictórica e literaria.

Coñecemos, así, as súas xeiras de Preguerra, entre os cadoiros de ilusión autonomista e plebiscitaria e o alternar familiar co máis brillante do galeguismo do momento, pero tamén a represión brutal do 36, que se cebou na figura de seu pai ata facelo desaparecer, obrigando os seus a unha vida de agochos e silencios.

Mais estes artigos infórmannos tamén do ambiente compostelán daqueles anos, dos seus inicios como pintor e, dando o salto á Posguerra, de toda a aventura galego-americana que fixo posible o milagre de Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o IGI, o Museo Carlos Maside e tantas outras beneméritas empresas que a Díaz Pardo deberemos por sempre.

A luminosa mirada dos ollos de Isaac péchase cunha coda do profesor Luís Cochón titulada “Retrato de si propio”, peza literaria de altura na que a rememoranza persoal de Díaz Pardo consegue facer estralar faíscas de brillante semblanza

Especial interese teñen, coido, os traballos dedicados por este a Castelao, Seoane, Dieste, Granell, Lorenzo Varela, Maside ou Ánxel Casal, intelectuais dos que Díaz Pardo non só amosa ter un coñecemento directo da circunstancia vital que animou a súa traxectoria (pois non en van todos eles foron bos amigos seus), senón que tamén evidencia a súa fonda capacidade analítica para, moitas veces nunhas poucas liñas, realizar un retrato revelador da personalidade humana e artística que os singularizou para a nosa Historia.

A luminosa mirada dos ollos de Isaac péchase cunha coda do profesor Luís Cochón titulada “Retrato de si propio”, peza literaria de altura na que a rememoranza persoal de Díaz Pardo consegue facer estralar faíscas de brillante semblanza, facéndonos o personaxe aínda máis humano e admirable, se é que iso era posible.

Meritorio labor de edición, por tanto, o de Xosé Ramón Fandiño neste volume, que haberá que agardar se vexa continuado sen tardanza por novas entregas recompiladoras da escrita de Isaac Díaz Pardo, o humilde máis brillante dos que entre nós teñen sido.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.