0 Gardados para despois

“Vidal Bolaño centraba a súa atención nos marxinados, nos peor tratados pola sociedade”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


O próximo 4 de maio, Rianxo acollerá a estrea de Bailadelas, a nova montaxe dunha compañía histórica: Teatro Antroido. A actriz Laura Ponte recupera a marca teatral que, durante anos, mantivo xunto a Roberto Vidal Bolaño. Agora, neste ano no que as Letras Galegas homenaxea o dramaturgo, relanza Antroido cunha produción na que se reúnen seis personaxes femininos da escrita bolañesa. Non estará soa nesta nova andaina de Antroido, xa que ao seu lado estará o fillo dela e de Vidal Bolaño, Roi Vidal, e o actor Xavier Estévez, quen se encargará da dirección.

Como nace este proxecto de reanimar Teatro Antroido?

LAURA PONTE (LP):  É unha historia que xorde hai bastante tempo e nace da necesidade de facer teatro. Daquela atopamos a idea de facer unha montaxe con monólogos de personaxes femininos de Roberto. A montaxe ía estar dirixida por Roi, pero nun momento determinado, Roi atopouse moi leado e chamamos a Xavier Estévez, para que se subira ao carro e se fixera coa dirección. Roi segue con moito traballo, pero hai que lembrar que el fixo o texto a partir das obras de Roberto Vidal Bolaño.

XAVIER ESTÉVEZ (XE): O espectáculo está baseado en monólogos extraídos que, no seu contexto orixinal, non eran monólogos. É dicir, son fragmentos extraídos das obras de Vidal Bolaño e están seleccionado por eles [Roi e Laura]. Daquela temos varios monólogos diferentes que están unidos por un único fío condutor que creou Roi. A raíz de aí, pois agora mesmo estamos traballando de diferentes maneiras cada un dos monólogos. Afortunadamente contamos co talento de Laura como actriz para dar visións distintas do que é o teatro e a interpretación dalgúns textos de Roberto. Dalgún xeito, aínda que a Roi sei que non lle gusta moito que se abuse desta expresión, o proxecto resulta unha homenaxear a Roberto. A Roberto e a súa obra, pero a el non lle gusta que usemos esa expresión.

"Cando se estree a obra, verase que se mesturan bonecos e actores, que se fusionan diferentes códigos"

ROI VIDAL (RV): A ver, o proxecto naceu hai tempo, a raíz de que se ía celebrar o décimo cabodano do meu pai. Entón, a idea era facer algo ao respecto e así decidimos facer unha peza a partir das mulleres, das personaxes femininas das obras de Vidal Bolaño.  Na súa obra hai personaxes femininas moi potentes e que funcionan do mesmo xeito que calquera personaxe masculina. E eu cando creei o texto, que o fixen moi lonxe de aquí, en Noruega, si que quixen homenaxear toda a estética da etapa Antroido, desa maneira de facer teatro que tiña a compañía, que tiña Vidal Bolaño cando comezou. Por ese motivo, cando se estree a obra, verase que se mesturan bonecos e actores, que se fusionan diferentes códigos. Eu quixen explicitamente homenaxear todo ese mundo. Iso vai ser evidente, dígase ou non se diga. Quen coñeza ese mundo e vexa a obra, poderá afirmar que estamos homenaxeando a un autor, a súa obra e tamén o xeito que tiña Antroido.

XE: Mira, eu nunca imaxinei na vida que puidera traballar en Antroido! [risos]

RV: E eu moito menos!

LV: Eu si, si [Risos]

XE: Ti xa o fixeras!

Que personaxes femininos estarán en Bailadelas e por que foron escollidos?
RV: Cando un revisa a obra completa bolañesa, pode parecer que é un mundo masculino, onde en elencos amplos sempre hai moitísimos máis actores que actrices. Moitas veces pénsase que as mulleres ocupan un lugar pequeno na súa obra… Pero unha vez feita unha investigación descóbrese que é só aparencia, xa que as personaxes femininos, aínda que non sexan maioría, son personaxes moi profundas, moi ben traballadas e que teñen un peso importante.

LP: Moi potente.

"Os personaxes femininos de Vidal Bolaño eran putas case sempre. E por iso foi criticado en moitas ocasións, como se fose algo malo"

RV: Dende logo,si. Entón, finalmente escollemos a cinco, entre os que están Minia, que é unhas das primeiras personaxes de todos os textos de Vidal Bolaño, extraído do Laudamuco, que foi o primeiro espectáculo de teatro profesional galego. Tamén temos a unha das suicidas de Bailadela da morte ditosa. Temos tamén unha puta, que é un dos tipos femininos por excelencia do teatro bolañés… Iso sempre foi criticado por moitos, que dicían que os personaxes femininos de Vidal Bolaño eran putas case sempre. E por iso foi criticado en moitas ocasións, como se fose algo malo. E non é así, mesmo se pode ver dende un punto de vista feminista. Por que? Porque todos os personaxes de Vidal Bolaño son marxinais e, se cadra, a muller máis marxinal é a puta. É a peor tratada pola sociedade, si; pero dentro de si garda unha dignidade absoluta. Ademais, neste sentido hai que destacar un elemento capital na escrita de Vidal Bolaño: o xeito de centrar a súa atención nos personaxes peor tratados da sociedade.
Quen máis está na montaxe? Pois temos tamén a Chonchoniña de Saxo Tenor e unha das personaxes máis cómicas de Vidal Bolaño, sacada de Criaturas. Por último, contamos coa participación estelar dunha das grandes personaxes, independentemente de se é feminina ou masculina, de Vidal Bolaño, que é a Esther de Rastros. É un personaxe cunha forza descomunal e un dos grandes personaxes de toda a obra de Roberto, sen lugar a dúbidas. E finalmente, temos unha personaxe-guía, que é xa de creación actual para esta montaxe, pero non podo dicir máis, que é unha sorpresa.

Tamén feminino, entendo?
RV: Si. Feminino.

Que destacarías da dirección, Xavier?

"A xente vai ver un espectáculo entretido e vivo e, ao mesmo tempo, van facer un percorrido polo traballo de Roberto"

XE: Dende o punto de vista da dirección, por un lado, hai que destacar a complexidade,  xa que non se trata de dirixir unha unidade dramática como pasa noutras moitas obras, que teñen unidade de ton, de tempos, de estétia, etc. Neste caso, ráchase con todo. Entramos e saímos de moitos mundos, de moitas épocas diferentes. E non só falamos do tempo real, senón tamén do tempo da escrita do autor. Son fragmentos de diferentes etapas do autor. Entón, entramos e saímos de diferentes planos. Aí radica a complexidade. Afortunadamente, Laura é extraordinariamente dúctil e disciplinada. A súa actitude facilita moitísimo a dirección, que é un traballo de busca. Busca no sentido de que precisas atopar que reclaman as personaxes. Hei de dicir que, grazas a relación persoal entre nós e a relación coas personaxes, está sendo fácil achar as respostas. Tamén teño que admitir que me resulta moi grato que confiasen en min… Porque esta é a segunda dirección que fago e, realmente, é unha honra para min e estou moi satisfeito co traballo que estamos facendo. Penso que a xente iso vai poder aprecialo. Vai ver un espectáculo entretido e vivo e, ao mesmo tempo, van facer un percorrido polo traballo de Roberto. Esta montaxe posúe unha certa carga didáctica, algo que nos parece moi importante. É un xeito de dar a coñecer a obra de Roberto ante un público que, aínda que viu moito o traballo de Roberto, nunca tivo antes esta perspectiva. Nunca se lle amosou así, nun compendio de pequenos petiscos da súa obra. A verdade, é un menú de degustación.

LP: Trátase diso precisamente. Bailadelas son trazos, son anaquiños bolañeses que conforman un espectáculo atractivo. Ademais, permitirá que a xente se achegue de novo á figura de Roberto.

Que sente unha actriz ao ter que reinterpretar uns personaxes que encarnou, nalgúns casos, fai décadas?

LP: Mira, por exemplo: O caso de Minia, de Laudamuco. Cando me puxen con ese papel, pasoume unha cousa: lembraba perfectamente como interpretara a Minia no ano 1978. Tiña as lembranzas clarísimas e só podía facer a personaxe dese mesmo xeito. Había elementos desa interpretación que había que pulir, que había que modificar e adaptar. E penso que imos por bo camiño e grazas a Xavier, que me di como pode ser a personaxe, dime “Fulanita é así” e eu entón vexo outra perspectiva. E como é todo isto? Pois é grato, moi grato, precisamente por esas lembranzas… No caso de Saxo Tenor, pois repito coa Chonchoniña, pero claro… Agora é outra Chonchoniña, hai que cambiala e resulta todo un reto. En realidade é todo un xogo marabilloso!

XE: Eu quería engadir unha cousa. A min todos os actores e todas as actrices que fan monólogos, sempre me pareceron superheroes. O monólogo é o máis difícil que se pode facer en teatro dende un punto de vista interpretativo. Eu son actor e valoro ese esforzo que fan as actrices e os actores… Pero neste caso, Laura, ademais está mal da cabeza, porque non se conforma só con apandar con ese reto, senón que asume outros moitos como é a produción do espectáculo, parte da distribución, coordinar mil cousas… É un mérito que non debe caer en saco roto. Está facendo un traballo inmenso e moi ben feito.

LP: É como antes, igual que antes. Antes, facíamos de todo, porque era o que había e non te queimabas tanto. Tiñas trinta anos menos e tiñas as costas ben, cargabas a furgoneta, ías dun lado ao outro… Daba igual que foras ao Irixo e tardaras cinco horas… Facías absolutamente todo: montabas, desmontabas, levabas a luz do show, interpretabas, chegabas ás mil... Ademais, neses tempos cando todo comezaba, había moitísimas cousas por facer, estabamos a organizar o mundo, eran asembleas continuas, eran proxectos ilusionantes, estabas con Antroido e montabas a Cooperativa de Teatro do Estaribel, xuntabámonos todos os que andabamos por acó naquela época… Buf! Por iso, cando desapareceu Antroido, que foi no ano 88 cando Roberto e mais eu nos separamos, en realidade sentín un forte relax. Por que? Porque me podía dedicar unicamente a ser actriz, a que me contrataran. Eu prefería iso, encargarme do meu… Pero Roberto non… El… El era un animal de teatro e facíao absolutamente todo. Eu prefería xa ser actriz, aínda que me gustaba meterme en todo. Encargarme agora de todas esas cousas, pois é un pouco revivir aqueles momentos e con moitísima ilusión. E xa que as cousas están moi mal, pois vamos melloralas. Para adiante!
Agora, volve Antroido e revivimos esa época, tempos complicados, no que a profesionalización...

Debería chamar a atención que Antroido, unha compañía que hai máis de vinte anos deixou de existir, regrese agora. Por que volve hoxe? Isto pode funcionar como toque atención

RV: Debería chamar a atención que Antroido, unha compañía que hai máis de vinte anos deixou de existir, regrese agora. Por que volve hoxe? Isto pode funcionar como toque atención. Eu, que non vivín eses tempos, si que vexo a nivel histórico moitos paralelismos entre o que sei daquela época e o que vivimos hoxe. Por exemplo, cando saltou toda a indignación do 15-M, comezouse a falar rapidamente do maio do 68. Os que non vivimos esa época, si que sentimos que, a pé de rúa, a xente está máis sensibilizada con certos temas. Hai como unha repolitización da sociedade. E Antroido naceu no seu momento nun caldo de cultivo da transición, de tardofranquista no que esta compañía se movía nuns ambientes contestatarios e tiña unha actitude ética moi vinculada coa sociedade, coa reividicación dos dereitos sociais. Ese é o motivo polo que Antroido está hoxe outra vez con nós. Para min, os paralelismos son evidentes… Por desgraza, claro.

Tamén ven vostedes eses paralelismos?
XE: Eu vexo un paralelismo que resulta sorprendente: Unha das preocupacións que tiña Roberto naquel momento, como os seus coetáneos, era a profesionalización do teatro en Galicia. E agora mesmo parece que se pon en cuestión de novo. Efectivamente, estase a producir un desmantelamento de circuítos, de redes, de axudas públicas, de postos de traballo relacionados coa cultura e co teatro. É sorprendente… Dalgún xeito, estamos a sufrir ese déjà vu. En momentos así temos que reinventarnos e non permitir que nada disto suceda. Como permitilo? Como se vai consentir? Temos que sueguir o que sabemos facer. No noso caso, teatro. E dende alí, dende esa pequena atalaia, expresar a nosa opinión sobre o que acontece. E que acontece? Pois unha serie de cuestións que xa estaban presentes na obra de Roberto. Realmente, nas obras de Roberto hai elementos, cuestións sociais, que a día de hoxe están no mesmo punto. Pouco habería que cambiar dos seus textos para representalos na actualidade. E resulta angustioso. Iso non quere dicir que poidamos rendernos ou pensar que nada pode servir neste mundo… Temos que mirar cara ao futuro.

"Cando tentamos dedicarnos unicamente ao teatro Roberto e mais eu… Pois eramos Roberto e mais eu"

LP: Mira, estamos a falar de moitas cousas. Estamos a falar de Roberto, dunha homenaxe a súa persoa, a súa obra, da recuperación de Antroido e da profesionalización… A min gustaríame non ter que dicilo, pero cando nos profesionalizamos… Cando tentamos dedicarnos unicamente ao teatro Roberto e mais eu… Pois eramos Roberto e mais eu. Que quero dicir con isto? Pois que Roberto era unha persoa moi pontente, claro está e estou moi orgullosa de telo coñecido…. Pero había máis xente… E había mulleres. O outro día atopei un libro dunha muller que escribiu sobre Roberto. E falando da época de Antroido, pois falaba só de Roberto cando se profesionalizou Antroido… E claro, eu pensei: “Eramos Roberto e mais eu”. Eu non era só compañeira de Roberto, eu estaba levando a produción, levando a distribución e actuando. Son actriz. Estaba a ler o libro e non o acabei de ler porque me parecía…

XE: Se cadra había un capítulo dedicado a ti e non o liches [Risos]

LP: Non, non o hai… E insisto, estaba escrito por unha muller e resulta que fala do proceso de profesionalización e cando Antroido forma a cooperativa de teatro, que se conforma primeiro con Antroido e Troula, e no que participan Eduardo Alonso e Luma Gómez, que despois formarían Andrómena e máis tarde, Teatro do Noroeste, e non cita por ningures a Luma. E fala de profesionalización, da cooperativa e fala de Roberto, de Eduardo e de Antonio Simón… E, francamente, aí había como mínimo, digo como mínimo, dúas mulleres: Luma Gómez e Laura Ponte… E xa está ben! Paréceme moi grave. E é un apunte que quero que quede claro. Roberto foi un home fundamental, era un motor, pero tamén estaba eu e máis xente.

RV: Por outra banda, eu teño que dicir que non estamos afeitos a que o Día das Letras se lle dedique a un home do teatro. Non era só un dramaturgo, érao todo en teatro. E o teatro non é só literatura, porque é, sobre todo, unha arte colectiva. E neste ano, reivindicamos e homenaxeamos a todo un mundo que o rodea.

Estas Letras Galegas é o primeiro que se dedica a un home do teatro, pero tamén é un 17 de maio con ese rango colectivo, de homenaxe a todo un gremio…
RV: A única vez que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a un dramaturgo foi hai catro ou cinco anos, Lugrís. El era dramaturgo. E punto. Non era un teatreiro. Esta é a primeira vez na historia que as Letras homenaxean a alguén que non era só un escritor, senón que era moitísimo máis dentro do mundo da cultura e do mundo artístico.

XE: Que, por outra parte, é o xeito natural de ser autor de teatro. O xeito máis natural de ser autor teatral é ser, ao tempo, actor, director e iluminador, por exemplo. Así crease ese vínculo entre a obra e a acción. De feito, o teatro é iso.

Na presentación da Asociación Roberto Vidal Bolaño, lémbrome que Morris dixera unha frase reivindicativa, irónica e lapidaria. Era algo así como: “O titular deste ano, se non o remediamos, podería ser: ‘Roberto Vidal Bolaño: vida e morte do teatro profesional en Galicia”. Que opinan?
XE:
Eu négome a ese titular.

LP: Era un comentario crítico, Xavier.

XE: Seino, seino. Pero nin sequera así… Non debemos deixar nin unha xanela aberta para que se coe un titular coma ese. Eu creo que debemos falar de vida e renacemento do teatro galego.

LP: Eu só vou dicir unha cousa. Cando anunciaron as Letras Galegas, estabamos xuntas Belén [Quintáns] e mais eu. Recibimos unha chamada de Margarita Ledo que nos dixo simplemente: “Saíu!” Saltamos de alegría, pero a miña primeira reflexión foi: “Manda carallo, foille tocar a Robertiño as Letras máis pobres, a dos marxinados”.

RV: Mesmo lle tocou un momento con dimisións vaticanas coma o do presidente da Academia. Vai ser un ano bolañés total!

A estrea será o 4 de maio en Rianxo. Hai xa máis funcións previstas?
LP: A estrea é en Rianxo e aquí quero facer unha paréntese, xa que o espectáculo é unha homenaxe a Roberto, pero a función e a estrea en Rianxo está dedicada tamén a Pancho Martínez, Andrés Martínez, que era un moi bo amigo e un home de teatro de Rianxo. Toda a vida montou espectáculos con veciños, con elencos de cincuenta homes e mulleres, voltos actores e actrices de súpeto. Rianxo é un sitio moi especial para estrear. Despois teremos unhas quince funcións en maio. En Santiago estaremos na semana das Letras Galegas.

"O Día das Letras Galegas está deixando, cada vez máis, de ser só un día"

RV: E aproveitamos para lles dicir aos lectores que o Día das Letras Galegas está deixando, cada vez máis, de ser só un día. Está sendo un ano. Nin sequera unha semana, nin un mes… É todo un ano. E pódese facer teatro en xuño, en xullo e en setembro. Pódese facer esta obra todo o ano, non só en maio.

LP: isto vén porque hai problemas, todos queren a obra en maio e tes días pechados que che siguen querendo contratar e non podes. Pero hai moitos días por diante para poder montala.

RV: É dicir, que a xente pode animarse a contratar Bailadelas ou calquera outra cousa despois de maio, até decembro.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

“A Academia debe deixar de facer das Letras Galegas un gran obituario”

Como vivides unhas letras que prometen ser do tipo Lois Pereiro, con moitas actividades públicas, moito movemento e con moita implicación da xente?
ROI: Eu creo que é algo moi lóxico, eu xa dixen o ano pasado, antes de que se comezase a facer cousas, que esperaba que foran unhas Letras diferentes pola dimensión artística do homenaxeado. Efectivamente, están saíndo moitísimas cousas. Eu, desde o principio, estou colaborando coa Asociación Roberto Vidal Bolaño e persoalmente estouno a vivir con moitísimo traballo. Realmente tiñamos o Ano Pereiro como referente, porque fora un ano moi diferente e especial. Nese ano conseguiuse o obxectivo que debe importar nas Letras: que non sexa algo institucional e que non sexa só un día no calendario, senón un ano completo dedicado á homenaxe. E creo que vamos polo bo camiño neste sentido… A ver que pasa coa dimisión de Ferrín, porque era unha persoa moi próxima, tanto no persoal como no ideolóxico. Quedamos un pouquiño orfos coa dimisión de Ferrín.

XE: Eu quería engadir outra cousa. Creo que a actividade que está a haber non é guiada por ninguén, resulta espontánea. Aínda que morreu hai dez anos, Roberto está aquí con nós e séntese como parte desta sociedade. E digo iso porque creo que sería hora de que a Academia empezase a pensar en deixar de facer do Día das Letras Galegas un obituario e quitasen esa absurda norma de os autores deben levar dez anos mortos. Que comecen a pensar en que o 17 de maio debe concederse a quen corresponde, independentemente de cantos anos leve morto e independentemente de se está morto ou non. Podo parecer vehemente, pero paréceme un absurdo moi grande que unha institución como a Academia manteña unha norma tan decimonónica.

LP: E dende a Asociación Vidal Bolaño agardamos que toda esta actividade ao redor de Vidal Bolaño non remate aquí, debe perpetuarse no tempo. Por iso se fundou a asociación, ese é un dos seus obxectivos.