0 Gardados para despois

Alonso Montero, novo presidente da Academia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Xesús Alonso Montero xa é o novo presidente da Real Academia Galega (RAG). O catedrático vigués foi elixido este sábado polo plenario da centenaria institución, que tivo que por primeira vez decidirse entre dúas candidaturas, a encabezada polo gañador e a que lideraba o xa ex tesoureiro Manuel González. Nun ambiente de división e coas forzas moi igualadas, finalmente foi a lista considerada de renovación, e encabezada polo veterano escritor, a que se impuxo a unha candidatura continuísta que reivindicaba o legado do ex presidente Méndez Ferrín.

Foron necesarias dúas votacións. Na primeira delas, rexistrouse un empate a doce votos (houbo un voto en branco), mentres que na segunda -na que xa non contaban os votos por correo- a candidatura de Alonso Montero venceu por só dous apoios de diferenza (12 fronte a 10) e unha abstención. Unha situación inédita que chega logo da dimisión de Ferrín -que se ausentou do plenario xunto a algún outro membro- e tras as críticas que unha e outra candidatura verteron sobre a rival.

Así, a nova executiva queda composta por Xesús Alonso Montero (presidente), Henrique Monteagudo (secretario), Andrés Torres Queiruga (vicesecretario), Rosario Álvarez Blanco (tesoureira) e Margarita Ledo Andión (bibliotecaria-arquiveira).

Alonso Montero chamou ao "traballo" dos académicos e á procura "da concordia"

Foi un debate "de ideas", segundo Montero, que dorou case dúas horas e media e na que ambos os dous candidatos presentaron os seus programas. "Agora o que pretendemos é un clima de concordia logo da situación anómala que supuxo que, por primeira vez en máis de cen anos, a RAG tivese que celebrar eleccións", dixo o novo presidente, que compareceu aompañado da súa nova executiva. "Se non hai concordia, non se traballa", insistiu, tras apelar á "altura de corazón e cordial que teñen" todos os académicos.

"Precisarase concordia e entusiasmo e a min é ao primeiro que me vai facer falta o entusiasmo, pola miña idade e porque vivo en Vigo, non na Coruña", engadiu, tras asegurar que a súa condición "marxista" é a que lle fai poñer "por riba as institucións públicas e o ben común". "Estou aquí polo ben público", asegurou Alonso Montero.

"Para que viva e floreza a nación galega, o bo funcionamento da Academia é fundamental", di

Así, instou "aos colegas" da Academia para que todos "traballen" para que "viva e floreza a nación galega". "Para que viva e floreza é necesario que funcionen todas as institucións, pero sobre todo a nosa, a Academia", dixo.

Manuel González cre que Alonso Montero ten "o desafío" de "buscar a concordia" pero non prevé unha ruptura na RAG

Pola súa banda, Manuel González deulle "os parabéns" a Alonso Montero, que revelou que o perdedor abrazouno xusto antes de que dese o seu discurso de agradecemento ao plenario. "Agora deberá buscar un proxecto común que sexan quen de ilusionar", engadiu o xa ex tesoureiro, que asegurou que a súa "colaboración" coa RAG "vai ser a mesma". Ademais, cualificou de "normal" o "proceso democrático" desenvolvido na centearioa institución. "Non houbo nada fóra do normal", aclarou, tras insistir en que agora "o desafío é buscar a concordia", aínda que cre que a Academia "non quedará rota". Manuel Rivas, xa antes de entrar no plenario, avogou por "que haxa paz" e por evitar "unha dialéctica de amigos e inimigos".

En canto aos membros da candidatura de Alonso Montero, que agora formarán a nova executiva, ningún deles ve risco de ruptura na RAG e aseguran que "a tensión" creada pola carreira electoral "desaparece agora". "Agora entramos nunha etapa de destensión", insisten.

 

O programa para o futuro da RAG

Alonso Montero e a súa executiva afrontará agora unha "situación complexa" na RAG, tal e como recoñeceu no programa que foi presentado este sábado no plenario. "Estamos convencidos de que a institución pode e debe saír reforzada desta situación", di o catedrático vigués, que se propón "harmonizar as distintas posicións, escoitando a voz a todos, promovendo o diálogo para buscar o acordo desde o maior respecto ás distintas sensibilidades e evitando os partidismos e as exclusións".

Malia que Alonso Montero negara a necesidade da presentación dun programa -"o programa son os propios estatutos da RAG", dixera-, finalmente si presentou ante o plenario unha serie de propostas nas que inclúe a necesidade de "mellorar a xestión da institución, facéndoa máis profesional e transparente, tanto de portas a dentro como de portas a fóra" e na que insiste na "plena independencia" da Academia.

"Cómpre un novo equipo, con ideas frescas e un talante aberto e integrador, capaz de dar pulo á institución", di o programa da lista gañadora

"Cómpre un novo equipo, con ideas frescas e un talante aberto e integrador, capaz de dar pulo á institución", chega a recollerse no programa, no que se aclara, en clara referencia ás acusacións vertidas polo ex presidente Ferrín e por membros da candidatura de Manuel González, que a Academia "nunca será absorbida por outra institución nin formará parte dun hipotético organismo superior que aglutinase institucións próximas a nós pola súa índole ou área de actividade".

Ademais, advirten que "de ningunha maneira" poden admitir "nin descualificacións nin marxinación de persoas". "Hai que crear as condicións axeitadas para que as posicións de cada quen se poidan expresar con enteira liberdade, coa garantía de que todas as posturas serán respectadas e todas as achegas serán valoradas", di Alonso Montero. "A RAG somos todos", insiste.

"É urxente establecer protocolos e criterios de contratación claros", propón

A folla de ruta do equipo do novo presidente tamén fai referencia ás contratacións que tanta polémica levantaron nos últimos meses e cre "urxente" establecer "protocolos e criterios de contratación claros para satisfacer as súas necesidades, en caso de contratación de persoal fixo ou eventual, incluídos bolseiros", así como "reorganizar o traballo procurando a súa distribución equilibrada". Así, Alonso Montero ve "fundamental" conseguir a "profesionalización da xestión". "As prioridades serán a elaboración dunha relación de postos de traballo e a consolidación do cadro de persoal", expresa no seu programa.

Do mesmo xeito, apostan por que o plenario estea "informado en todo momento de cantas actuacións se acometan e de cantas medidas se tomen respecto da proxección pública da institución, pero tamén de cantas afecten á organización do traballo, administración interna, dotación de recursos, e en xeral de todo o que se refira á gobernanza da institución".

"Cómpre, pois, unha racionalización do organigrama da institución, que debe responder a unha organización eficiente tendo en conta as prioridades de traballo", insisten, ademais de asegurar "unha estimación interna de necesidades e de recursos dispoñibles, cun plano a curto e medio prazo, establecendo prioridades e obxectivos realizables, e elaborando os correspondentes orzamentos, que deben ser aprobados polo plenario, igual que as contas e os balances".

HABERÁ AMPLIACIÓN

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Unha nova sección de comunicación para pular polo uso do galego nos medios

En canto ás propostas máis concretas e de organigrama, Xesús Alonso Montero anuncia no seu programa a creación dunha nova sección e dun novo seminario. A primeira titularíase Sección de Comunicación e tería como obxectivo "impulsar, reforzar e apoiar desde o punto de vista lingüístico e tamén mediante o recurso ás novas tecnoloxías, o uso correcto do idioma nos medios de comunicación e pular polo seu emprego nestes, tanto nos tradicionais coma aos emerxentes".

A RAG creará unha Sección de Comunicación para "impulsar, reforar e apoiar" o uso correcto do galego nos medios

Ademais, vencellada a esta sección crearase unha Oficina de Comunicación que avalíe "cales posicións e actuacións da RAG deben trasladarse á sociedade sen depender doutras mediacións, e elabore a súa posta en forma".

Canto ao novo seminario, este dependerá da Sección de Lingua e denominarase Seminario da Norma (da norma culta, enténdase). Ocuparase de "perfilar aspectos normativos confusos ou mal definidos (desde a ortofonía ata gramática), elaborando para iso ditames que deberán ser debatidos e aprobados no plenario".

Do mesmo xeito, e relacionado con este Seminario, crearase un Consultorio Público, destinado ás institucións, particulares, asociacións e empresas, que "responderá coa debida dilixencia ás moitas dúbidas e preguntas que teñen que confrontar os usuarios do idioma".

Alonso Montero aposta por un Consultorio Público para institucións, particulares, asociacións e empresas

Alonso Montero prevé tamén reforzar o labor do Termigal mediante convenios de colaboración cos grupos e equipos que están traballando en terminoloxía e neoloxía, en particular nas Universidades da Coruña, Santiago e Vigo.

Ademais, a súa candidatura cita como "priorirdade" a redacción da Gramática institucional e "non porque se cumpra un baleiro, senón polo carácter 'moderadamente prescritivo' que se decidiu darlle". Nos vindeiros meses, tamén se levará a cabo a edición dun folleto informativo destinado á "divulgación masiva" das accións da Academia que, conclúen, "debe abrirse tamén ao mundo empresarial, comercial, xudicial, sanitario ou deportivo".