0 Gardados para despois

Fran Alonso: "Cando protagonizas os cambios saes beneficiado, cando te deixas levar por eles, arrástrante"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


2011 foi un ano prolífico para Fran Alonso: Unha década despois de Males de Cabeza, regresou á narrativa para adultos con Ninguén (Xerais). Tamén editou poesía: O meu gato é poeta (Xerais) e Transición (Franouren). E unha compilación de entrevistas, Contesta ou Disparo, que distribuíu en formato dixital. E aínda ten pendente Poemario (2.0 Editora), que publicará nos vindeiros meses. Falamos con el de literatura, de edición, das novas tecnoloxías, de política e mesmo sobre Vigo.

No último ano de medio sacaches ao prelo ou á rede moitas obras, unha gran produción. Chama a atención a variedade de xéneros: narrativa, poesía para adultos, poesía para nenos, xornalismo... Pero tamén a de formatos, e elementos que os acompañan...

O formato non é un tema secundario. Con O meu gato é un poeta quería facer un tipo de libro, inspirado por algúns autores ingleses que escriben poesía infantil, no que eu tivese o control de todo o proceso. En O meu gato é un poeta está o traballo creativo do texto, pero tamén o deseño das páxinas, a maquetación, o control das ilustracións, todo cun enfoque multidisciplinar, que o texto de acompañase do CD, e relacionando a poesía coa música, e aí traballei con Xurxo Souto, o que foi un verdadeiro luxo para min.

E fixéchelo de novo en Transición...

En Transición repetín, aínda que non hai música, só hai voz. Cando publiquei o meu primeiro libro cría no carácter escrito da poesía, e cos anos fun evolucionando, funlle dando máis importancia á capacidade da poesía para subliñar a oralidade e o poder da palabra. E quería facer fincapé niso, e conseguino coa axuda de María, o que tamén foi un luxo, porque María está moi afeita a recitar. Os outros libros supoñen tamén a exploración de formatos distintos. Contesta ou disparo supón a exploración do libro dixital na rede, de acceso libre e gratuíto, e ademais é un libro que contén textos que quería recuperar, que teñen a frescura das entrevistas rápidas, un chisco frívolas, e quería respectar eses espírito.

Cando publiquei o meu primeiro libro cría no carácter escrito da poesía, e cos anos fun evolucionando, funlle dando máis importancia á capacidade da poesía para subliñar o poder da palabra

Cada libro require un formato?

Cada libro require un formato si, supoño que aí inflúe a miña formación de editor. E cada libro require unha promoción específica; as presentacións clásicas non funcionan como vehículo para chegar aos lectores, estar tres ou catro persoas gabando un libro nunha mesa é unha forma un chisco fría e se cadra pouco sincera de achegarte ao lector. Sempre trato de ir máis alá, de buscar novas formas. Cando saquei Cemiterio de Elefantes, presenteino ás doce da noite nun pub, cunha voz en off gravada, que nos ía presentando, e alí esa voz ía dando paso ás persoas que falaban do libro e cada un representaba un arquetipo: estaba o autor, que era eu, estaba o crítico literario, estaba o amigo, que gababa dunha forma desmesurada o libro, estaba a lectora da terceira avaliación, que tiña que lelo por obriga... Era unha posta en escena ironizante sobre o propio libro, e creo que é por aí por onde temos que ir.

Cada libro require un formato, supoño que aí inflúe a miña formación de editor. E cada libro require unha promoción específica

En Ninguén tamén innovaches, apostaches por unha presentación viral...

Ninguén requiría unha presentación específica e tiña que se viral, non se fala da capacidade viral da rede para crear ficcións, de como esa viralidade nos desconcerta, de como inflúe nas nosas vidas. Neste caso parece que a campaña si que desconcertou a moita xente, a que lle chegou o correo no que se lle ofrecía o libro e non contestaron porque pensaban que non ía en serio. Pero ten que ser así, a forma ten que reproducir o contido.

Como é o teu proceso de traballo? Es un autor de multitarefa ou agardas a rematar un proxecto para meterte noutro?

Teño a particularidade de que moitas veces traballo á vez en varios libros, que avanzan en paralelo. Quizais é un pouco esquizofrénica a miña forma de traballar. Algúns proxectos crecen e fanse máis extensos e outros fanse máis pequenos e nese sentido Ninguén foi un libro que foi medrando e que tivo un proceso creativo de case dez anos, foi collendo cada vez máis forza até que nun momento algo che di que o libro xa está listo para engordar definitivamente. Pero debe ser a primeira vez que se me acumulan tantos libros como pasou agora, porque mesmo teño algún outro aínda inédito, que está agardando resposta dalgunha editorial ou está esperando a ser publicado.

Teño bastante avanzado un proxecto, o último dos libros que parten de Cemiterio de Elefantes e que pasan por Males de Cabeza e Ninguén, cunha estrutura de dinamitación do concepto do relato e da novela, para ensaiar unha fórmula mixta

En que proxectos creativos andas metido agora?

Vai saír Poética, editado por 2.0 Editora, que de feito xa está listo dende hai un tempo, pero eu pedinlles que se atrasase a saída para que non coincidise con Transición. Porque Poemario é un libro posterior, e ten sentido que se faga así, e ademais responde a esa transición que se revela no libro anterior. É un libro moi distinto: é un libro moi unitario, e é un libro de descreimento da poesía. En narrativa teño bastante avanzado un proxecto, que concibo como o último dos libros que parten de Cemiterio de Elefantes, que pasan por Males de Cabeza e Ninguén e que rematarían neste, todos cunha estrutura de dinamitación do concepto do relato e da novela, para ensaiar unha fórmula mixta. E neste último libro está levado ao extremo.

A tecnoloxía condúcenos a consumos individuais, sobre todo no ámbito da cultura

En Ninguén reflexionas sobre a influencia das redes sociais, de Internet e das novas tecnoloxías nas nosas vidas. Camiñamos cara a unha individualización total do consumo de produtos culturais?

A tecnoloxía condúcenos a consumos individuais, sobre todo no ámbito da cultura, consumimos música de un e un, temos os cascos que nos illan dos demais. Os libros da miña casa compártoos, pero os libros do meu ebook non os comparto. A pesar de que as redes sociais se basean en compartir gustos e experiencias, este proceso de partillamento está mediatizado. Agochámonos detrás da tecnoloxía e iso modifica o noso comportamento. Eu sempre poño o exemplo das diferentes reaccións cando tes un accidente; non te comportas igual se estás dentro do coche e ninguén te escoita, que se estás fóra. Entre eu e a outra persoa hai unha pantalla polo medio; ese plus de anonimato pode sacar rasgos de nós mesmos que non sacamos na vida real.

Como están reaccionando as editoras aos cambios tecnolóxicos e de hábitos que se veñen producindo nesa industria?

Todo está relacionado. Esta crise prodúcese porque hai unhas novas tecnoloxías que permiten especular co diñeiro dunha maneira que non se podía facer antes. E para entender como solucionar esta crise e para entender o futuro, temos que entender as novas tecnoloxías. O mundo do libro está cambiando e vai cambiar de forma radical e só estamos asistindo ao comezo deste proceso. O ebook é unha realidade nova e para a industria editorial e para os propios autores trae incertezas. Temos que ser capaces de reaccionar e de adaptarnos ás novas circunstancias. Resistirse a isto sería como protestar porque o mundo cambia, sería como patalexar, non serviría de nada. Eu confío nas novas tecnoloxías, a ciencia e a técnica sempre nos axudou a crear un mundo mellor e máis xusto. Hai que afrontar ese cambios con protagonismo: cando ti protagonizas os cambios saes beneficiado, cando te deixas levar polos cambios, os cambios arrástrante.

E as editoriais galegas en concreto como o están facendo?

O mercado norteamericano funciona dunha maneira, o español de outra, e o galego de outra forma distinta. O mercado galego está sendo máis lento, a oferta de libro dixital está sendo máis pequena, pero iso tamén depende da propia demanda da sociedade: se é pequena, os editores van tardar máis en adaptarse. É importante dar pasos adiante e observar o que está sucedendo. Aínda se produce un fenómeno moi curioso: séguense vendendo máis lectores dixitais que libros electrónicos, a venda de dispositivos aínda é meirande que a venda de contidos. E iso é significativo.

Os partidos políticos e os sindicatos están viciados, superpuxeron os seus propios intereses aos intereses das persoas ás que deberían defender

A semana pasada publicaches un artigo en Praza no que apostabas pola reinvención da esquerda. En realidade, nun tempo novo, chamabas a repensar todo, non si?

É como o que dicía antes sobre a tecnoloxía: é mellor protagonizar os cambios que deixarse arrastrar por eles; se te arrastran, golpéaste, faste danos. Para combater os abusos que se están producindo nesta crise, que é unha crise de especulación, que leva a un novo tipo de sociedade, a un novo tipo de escravismo (a glebalización, como di Xurxo Souto) hai que reaccionar con imaxinación, e opoñerse. A situación hai que cambiala botando man de novas formas, de novas ferramentas. Os partidos políticos e os sindicatos están viciados, superpuxeron os seus propios intereses aos intereses das persoas ás que deberían defender. Hai que atopar novas formas de facer política, de organizarse e de reaccionarse coa sociedade.

Vigo é unha cidade que sempre tivo esa arrogancia contestataria e esa capacidade para sobrepoñerse. Hai moi poucas cidades coa esta capacidade de reacción e contestación

Contesta ou disparo ou Un país a medio facer funcionan como retrato dunha época de creatividade e axitación, os últimos anos da década dos oitenta. Como vigués, como analizas a situación actual da cidade? Parécese ao Vigo dos oitenta?

Vigo cambiou moito, pero si que é certo que a situación actual semella moito a dos anos oitenta. Eu lembro ir ao Instituto Santa Irene no ano 80, 81, e atravesar Vigo era como atravesar Beirut: estaban as barricadas polas rúas, os autobuses ardendo, había policías pereseguindo manifestantes... Esa imaxe non volveu, pero a situación económica non é mellor. Vigo é unha cidade que sempre tivo esa arrogancia contestataria e esa capacidade para sobrepoñerse. Hai moi poucas cidades coa capacidade de reacción e contestación de Vigo. Vigo xuntou máis manifestantes que ninguén, pero ao tempo nunca puido escoller os gobernantes que o soubesen dirixir polo camiño axeitado. O Concello e os outros poderes da cidade nunca puideron traballar conxuntamente polo ben da cidade. E hoxe en día segue a pasar; é a cidade cun índice de paro maior e segue sen organizarse. Non sei como será o futuro.

"Cando publiquei o meu primeiro libro cría no carácter escrito da poesía, e cos anos fun evolucionando, funlle dando máis importancia á capacidade da poesía para subliñar o poder da palabra"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

As voces de Fran Alonso

O meu gatoé un poeta, coa música de Xurxo Souto

Fragmento de Esperando

Abismo Vigo, con Maria Lado