Hai anos que en Lugo a autovía que unirá a cidade con Santiago rolda a categoría de mito, só un chisco por baixo da Santa Compaña, das meigas ou do Pelúdez que recreou o escritor Xosé Trapero Pardo para representar os festeiros do San Froilán. Por inexistente. Dende que, a finais dos 90, unha iniciativa do deputado José Blanco no Congreso concretase unha abstracta promesa do ministro Josep Borrel a inicios da mesma década, vai xa década e media e as obras semellaron en varias ocasións estar en punto morto. A última noticia recoñecida polo Ministerio de Fomento é que os traballos están paralizados por falta de cartos ata 2015, isto é, ata dous anos despois do último prazo ofrecido para a entrada en servizo da infraestrutura. Pero esta lentitude semella non ser dabondo para que a Administración evite pasarlle por riba a un xacemento arqueolóxico "excepcional".
Dúas asociacións culturais da capital lucense, Cultura do País e LugoPatrimonio, veñen de prender as alarmas coa vista posta na parroquia de Coeses, dentro do propio termo municipal de Lugo. A información da que dispoñen, explica Cultura do País, fala de que os restos que o vial se dispón a arrasar "poderían consistir nunha necrópole da última Idade de Bronce, nos inicios do período castrexo". O xacemento pertence "á área de protección do Castro Valente", o mesmo castro que xa provocou un desvío "cara ao sur" da propia autovía por "non estar catalogado" naquela altura, o que provocou que non fose "tido en consideración no proxecto inicial".
A infraestrutura parte en dous o xacemento arqueolóxico e destrúe unha necrópole da última Idade de Bronce
"No terreo existente entre Castro Valente e a Chousa do Rodeiro os arqueólogos acharon unha necrópole de inhumación", abonda LugoPatrimonio, que describe o achádego como "un espazo delimitado por gabias e aliñacións de pedras no que se atopan cavidades circulares de, aproximadamente, un metro e medio de diámetro". Os arqueólogos que, segundo detalla Cultura do País, escavan na zona "por razóns de urxencia dentro das obras da autovía", aseguran "que estas cavidades son enterramentos de inhumación" e "aínda que non se conservan restos óseos debido á acidez do solo", si "se atoparon olas de cerámica que formarían parte do enxoval funerario". "O trazado actual da autovía pasa por riba e destrúe esta necrópole de inhumación" e, ademais, provoca que o xacemento arqueolóxico quede "dividido en dúas partes": o Castro valente por un lado e a Chousa do Rodeiro por outro". "Polo medio, a autovía destruirá a necrópole", sinala LugoPatrimonio.
Neste escenario ambas asociacións véñense de dirixir ás administracións públicas para "interesarse" polo que está a acontecer e evitar a destrución e división do xacemento. Así, Cultura do País xa se puxo en comunicación co Ministerio de Fomento e a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para advertilos e que "a destrución deste xacemento sería unha aberración impropia dun pobo civilizado que valora a súa historia e cultura", avogando "inequivocamente polo deseño dun novo trazado que permita conservar e pór en valor un patrimonio único". Ademais, solicítanlles "unha visita guiada polos arqueólogos que traballan" na zona "ou ben por persoal cualificado da Consellería" coa "intención de facilitar o coñecemento dun lugar histórica e patrimonialmente privilexiado". Pola súa banda, LugoPatrimonio dirixiuse á Consellería de Cultura pare esixirlle que "defenda o interese público" fronte "aos intereses económicos das empresas" e "adopte todas as medidas necesearias para garantir a unidade deste ben patrimonial".