"Folk, pop, tradición, soños da vella Europa, melancolía, festa popular, son de bulevares. Dende #sinsalsansimon pensamos que este artista podería ser o Zach Condon ibérico". Deste xeito presentaba o Festival Sinsal San Simón (anulado hai unhas semanas en solidariedade coas vítimas do accidente de tren e trasladado para o 31 de agosto e 1 de setembro) a Caxade, o proxecto musical en solitario de Alonso Caxade (acordeonista en Pel de Noz, Cuarteto Caramuxo e bombardinista na Orquestra Os Modernos). Un folkie que gusta aos indies, ou un indie que gusta aos folkies, e que postos a poñerlle etiquetas e espellos, podemos relacionalo co devandito Zach Condon (líder de Beirut) ou Yann Tiersen.
"Aí a xente de Sinsal pasouse", di Alonso Caxade por teléfono, e agradece a comparación co seu proxecto, que mestura elementos do indie, da "poética do folk como canción reivindicativa" e o son das bandas de música, "as grandes esquecidas en Galicia". Cunha longa traxectoria en bandas de gaitas e formacións de todo tipo, algunhas máis pegadas á tradición e outras que tamén se moven por terreos de fronteira (coma o experimento folk-jazzístico de Pel de Noz) hai uns meses lanzouse a aventura. Campo aberto.
Dende entón deixounos cinco cancións, e vídeos de fermosa factura que mesmo acadaron unha nominación aos Mestre Mateo. Estes días atópase gravando o seu primeiro álbum, que será publicado en novembro a través de Discos da Máquina. Dez temas que manterán as súas características instrumentacións e letras que falan do presente, da crise económica (Gente pota), da precariedade laboral (Demos graças) ou da democracia de cada día (Lei d'hont). O 17 actuará no Festival do Castro (Ferreira de Pantón), e o 24 no Festival do Río Belelle (Neda).
Como nace o proxecto. Levabas moito tempo con el na cabeza? Sempre tiveches como obxectivo a gravación do álbum, ou a ambición foi crecendo polo camiño?
Era un proxecto que tiña en mente dende había moito tempo, o que pasa é que é difícil dedicarse profesionalmente á música e vas deixando pasar o tempo, méteste noutros proxectos... E foi no verán pasado cando tiven algo de tempo e puiden botalo a andar. A idea tíñaa clara, aínda que todos os proxectos vanse cocendo aos poucos. Cando un marca proxectos moi grandes, ás veces ten que abandonalos polo camiño e é frustrante, así que intentei marcar obxectivos a tres meses. Sempre tiña na cabeza o de montar esta banda e gravar este disco, pero era unha idea que non me quería comunicar nin a min mesmo, así que a cousa foi indo pouco a pouco e o feedback positivo nestes últimos meses acabou decantando a decisión de gravar o disco.
"Eu quero ir á filosofía no folk norteamericano dos anos sesenta: o folk nace como unha canción protesta do pobo e para o pobo"
Caxade implica que vas ir abandonando os outros proxectos ou todo é compatible?
Non, de feito nos próximos meses imos gravar en todos os grupos nos que estou. Con Caramuxo imos comezar a gravar en xaneiro do ano que vén. E coa Orquestra Os Modernos, coa que intentamos emular como sería unha verbena da Segunda República, mesturando os instrumentos das bandas de música con instrumentos da música tradicional, coma a gaita, xa temos o disco gravado e estamos a piques de editalo. Sempre toquei en mil grupos e bandas a un tempo.
En certos estilos de música non hai tantos exemplos de bandas ou artistas que falen das cousas do presente, da crise económica ou da precariedade laboral. E ti si o fas.
Son letras contundentes, transgresoras, pero cunha gran ambigüidade, como en Gente Pota, que permite que algunha xente quede con algún elementos máis anecdótico, co propio surrealismo da canción e do vídeo, e outros se fixen máis no contido profundo do tema. Eu quero ir á filosofía no folk norteamericano dos anos sesenta: o folk nace como unha canción protesta do pobo e para o pobo. Pero o folk en Galicia quedou máis coa parte máis celtic. Eu quedo coa poética do folk como canción reivindicativa, aínda que despois musicalmente o adubíe con estéticas que non son tan habituais no folk galego de hoxe en día.
"A gente pota son eses poderes que mandan sobre nós, pero aos que non lles poñemos rostro, dos que nos chegan as súas decisións polos medios"
Quen é a Gente Pota?
Pois é unha forma de crítica moi ácida pero que permite que a xente que queira quede co anecdótico e outra afonde máis no aghre do asunto. A gente pota son eses poderes que mandan sobre nós, pero aos que non lles poñemos rostro, dos que nos chegan as súas decisións polos medios. Estes días andan falando de que nos van rebaixar os soldos. Non os vemos, pero gobernan en nós, mándannos un menú, nós cociñámolo e eles comen a mellor parte da tallada. Son os caciques, pero os caciques de antes tiñan un rostro claro, viámolos nas aldeas, agora non teñen rostro e parece que non podemos facer nada contra eles. Pero non é certo.
"A min gústame a música indie, a música máis experimental, o que pasa é que eu veño da música tradicional, son gaiteiro, botei moitos anos en bandas de gaitas"
O teu son é moi recoñecible. Bebe de moitos sitios e dispara en moitas direccións. E pode axuntar públicos moi distintos tamén: público máis folkie, público máis indie... Non sei se é premeditado, ou se bebe das túas escoitas. De onde nace ese son?
A min gústame a música indie, a música máis experimental, o que pasa é que eu veño da música tradicional, son gaiteiro, botei moitos anos en bandas de gaitas, botei moitos anos en Composfolk, despois en Caramuxo, en Peldenoz, que é un proxecto máis experimental. Pero o pop e o indie sempre estivo aí. E quixen xuntar as dúas cousas, cos elementos que me gustan dun estilo e doutro. O sentido reivindicativo e os sons do folk, non do folk celta, pero si das bandas de música, que son as grandes esquecidas do país, eses sons do vento metal, eses sons da vella Europa. E combinalo coa parte máis lánguida do indie. En Gente pota a xente pode quedar coa parte máis indie da canción, na forma de cantar, pero no fondo é unha xota. E en Sr.Xorda hai unha muiñeira, pero a xente relaciónao con Yann Tiersen e Amelie.
En Galicia parecia que non se exploraba este camiño, cando en Asturias Andalucia ou Catalunya si que se estaba fusionando folk e indie, dende unha beira ou a outra. Aqui houbo experiencias moi interesantes como Ecléctica Ensemble, Projecto Trepja ou Bonovo, pero non se avanzou por ese camiño.
Era e é o meu obxectivo pero é dificil e ás veces é frustrante. Espero que non se enfade o meu compañeiro en Peldenoz, pero ás veces resulta frustrante ver como alí, mesturando folk e jazz, para os jazzistas somos folkies de máis e para os folkies facemos jazz. Nestes meses quixen ir pouco a pouco e ir creando o interese e a necesidade na xente, a través destas cancións que publicamos ou dos vídeos.