As Meninas regresan a Canido

http://poesiaencarnada.blogspot.com.es/ © As meninas de Canido

No verán de 2008 as paredes de Canido enchéronse de Meninas. Eduardo Hermida puxo en marcha unha experiencia de arte na rúa para darlle vida ao barrio e denunciar o seu abandono. Artistas novos da comarca e doutros lugares do país uníronse á iniciativa, entre eles o coruñés Jorge Cabezas, que realizou un mural que foi borrado e que espertou a solidariedade de creadores de todo o país. Van xa tres edicións e esta fin de semana terá lugar a cuarta, para a que xa están pechadas as inscricións. En todo este tempo fixéron unhas 180 pinturas nas fachadas deste popular barrio da parte alta da cidade departamental, que ao igual que sucede con Ferrol Vello, destaca tanto pola beleza da súa arquitectura tradicional coma polo seu abandono.

Este sábado, un ano máis, os artistas (non só pintores: fotógrafos, bailaríns, músicos, escultores e creadores plásticos de todo tipo) están convocados para intervir sobre o espazo tomando como punto de inicio o cadro das Meninas, con resultados máis ou menos próximas ao orixinal de Velázquez ou máis ou menos deconstruídos. En total, calcúlase que participarán ao redor de 140 artistas, que traballarán durante toda a fin de semana, á vista de todos, para amosar o resultado o domingo pola tarde. Toda unha festa da cultura na rúa.

O seu organizador, Eduardo Hermida, puxo en marcha unha iniciativa de crowdfunding que a catro días do seu remate está a piques de acadar o seu obxectivo: recadar tres mil euros para financiar a compra de materiais para os artistas. Hermida lembra que a iniciativa naceu "nun acto de rebeldía", que permite que hoxe o barrio goce "dunha auténtica pinacoteca na que a obra de arte e o seu soporte, neste caso as propias edificacións, conviven nunha aperta de humanidade e de arte". Tamén se destaca, faino Germán Castro, ex director do Diario de Ferrol, que o proxecto "espallou o nome de Canido polos catro puntos cardinais da aldea global" e que a idea orixinal de Eduardo Hermida derivou nunha "espontánea colectivización da arte en favor da causa comunitaria do barrio".

A iniciativa conta co apoio da Asociación Valle de Esmelle, Fuco Buxán, Muinho de Vento, Vive Ferrol, a asociación francesa Eau et Lumiere e o Concello de Ferrol. O PSdeG considera, no entanto, que a implicación do Goberno local podería ser maior e demanda igualmente o apoio doutras institucións, coma a Deputación da Coruña ou a Xunta, a unha actividade que “non só supón unha mostra cultural, que sen dúbida tamén o é, senón que vai moito máis aló, converténdose nun foco de ingresos, un reclamo turístico e incluso urbanístico das cidades, neste caso do barrio de Canido”. Para Beatriz Sestayo, “resulta escandaloso que unha iniciativa que ten o recoñecemento de Europa e que incluso vai ser asumida por outros países pola súa orixinalidade e impacto cultural, social, urbanístico e turístico, aquí pase sen pena nin gloria” e denuncia que “os cartos que teñen para outras montaxes e actos propagandísticos non os teñen para iniciativas de máis calado e relevancia cultural e económica”.

As meninas de Canido Dominio Público Praza Pública
CC-BY-NC-ND Rei Seoane
As meninas de Canido Dominio Público Praza Pública
© Lucia Garea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.