Manuel María xa ten a súa casa museo

A Casa das Hortas © Fundación Manuel María

Manuel María xa ten a súa casa museo. En Outeiro de Rei, inaugurouse este sábado a Casa das Hortas, o nome polo que se coñece a vivenda, e que voi rehabilitada grazas ao inxente labor da fundación que leva o nome do poeta lucense, e que tamén contou con diferentes achegas de diversas institucións.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Raquel Arias, destacou que a casa será “un punto de encontro, o aleph para comprender o universo deste humanista galego”. Pola súa banda, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, salientou a achega de 330.000 euros do ente provincial "para que o poeta nacional de Galiza tivese un museo que dese a coñecer a súa obra e a súa vida".

Neste acto que serviu tamén de homenaxe á memoria de Manuel María convocou na casa unha morea de escritores e escritoras que compartiron momentos e amizade con el. . Marica Campo, Pilar García negro, Mercedes Queixas, Margarita Ledo, Dario Xohán Cabana, Francisco Rodríguez, Paco Martín, Xosé Lois García, María Reimóndez, Méndez Ferrín, Fernán Vello, Luz Pozo ou Marta Dacosta foron algúns dos presentes.

Saleta Goi, compañeira de vida de Manuel María, sufriu para conter a emoción a ver cumprido un dos soños, tanto dela como de manuel María. De feito, lembrou o poema Sonetos á Casa das Hortas, o mesmo no que o poeta se preguntaba polo futuro desta vivenda. Agora xa ten resposta.

A Casa das Hortas © Fundación Manuel María

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.