Hai case cinco anos botou a andar o blog O Faiado da Memoria, co obxectivo de dar a coñecer e difundir o traballo realizado pola asociación homónima e polo Arquivo Social da Memoria, dependente da Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa. Nese momento o proxecto xa contaba con máis de sete mil fotografías antigas da Illa, Catoira, Baiona, Gondomar, Oia, Cangas e, sobre todo, Vilagarcía. O blog naceu para amosar ese tesouro, e para animar á participación dos veciños e veciñas da comarca, tanto enviando máis imaxes (dende entón publicáronse case tres mil máis) coma comentando e incorporando información e lembranzas ás imaxes que periodicamente se van publicando. "Este é un espazo aberto a participación, non só un escaparate do traballo realizado. Tamén é unha porta para poder pasar, deixar o comentario sobre as imaxes que vamos colocando, as impresións ou recordos que lles traen, a identificación das mesmas, a correción dos datos que figuran nelas".
En total o arquivo componse de 70.000 elementos gráficos, máis de 50 horas de gravacións orais en vídeo, películas en distintos formatos e datadas dende os anos 20 aos 60
Este material fotográfico, destacan os seus responsables, "representa o noso pasado e tamén a nosa intrahistoria que, tal como dicía Unamuno, é aquela historia que transcorre pero que non reflexan os medios de comunicación. En suma: é a nosa vida". Así pois, atopamos paisaxes, actos oficiais, grandes eventos, pero tamén vodas, bautizos e comunións, festas, imaxes familiares, da escola ou do traballo. E non só fotografías, senón que o proxecto tamén recolle algúns vídeos, vellas películas que amosan o pasado, sonoro e en movemento. Cando os responsables da asociación contactan (ou son contactados) polos propietarios das imaxes, diríxense ao seu domicilio cun ordenador e un escáner para dixitalizar in situ as fotografías, evitando o risco de perda das mesmas.
En total o arquivo componse de 70.000 elementos gráficos, máis de 50 horas de gravacións orais en vídeo, películas en distintos formatos e datadas dende os anos 20 aos 60 (os anos setenta son o límite para a admisión de material). Os seus responsables levan realizadas seis exposicións temáticas, tres documentais e un festival de música co obxectivo de recuperar o son dos anos sesenta. Se cadra, o traballo máis interesantes dos realizados a partir dese arquivo é o documental Desde dentro do corazón, que consta de cinco historias a través das que se pode seguir a evolución de Vilagarcía ao longo do século XX, e que foi financiado a través de crowdfunding. Neste filme amósase, a través de imaxes do momento e de entrevistas realizadas na actualidade a algún dos seus protagonistas, a Vilagarcía mariñeira de comezos de século, a presenza británica até 1936, o afundimento do barco Cabo Razo ou a evolución do marisqueo.
A nova web inclúe a opción de vincular unha fotografía antiga a Google Street View para advertir cunha soa ollada os cambios experimentados polas paisaxes urbás, "ás veces é para chorar, pero tamén para disfrutar", din
Hai uns días O Faiado da Memoria puxo en marcha a súa nova web, que non só inclúe melloras estéticas, senón que incorpora novas ferramentas, coma a xeolocalización das imaxes a través de google maps, unha máis doada búsqueda por etiquetas e anos, e unha moi interesante opción de vincular unha fotografía antiga a Google Street View para advertir cunha soa ollada os cambios experimentados polas paisaxes urbás, "ás veces é para chorar, pero tamén para disfrutar", destacan. Polo de agora xa están incorporadas unhas 600 imaxes á nova web, que se irá completando nos vindeiros meses.
Outros proxectos en Galicia
Este non é o único proxecto existente en Galicia de construción dun arquivo fotográfico dixital, pero se cadra si é dos máis ambiciosos e cun percorrido máis longo. De igual maneira, os concellos de San Sadurniño, Rois ou Mesía son tres exemplos de municipios que realizaron unha campaña de recuperación fotográfica da historia das súas vilas e veciñanza. Na web do proxecto Fálame de San Sadurniño destácase que é “un espazo na rede no que simples fotos faladas cargan de sentido colectivo as vivencias individuais que, só en apariencia, semellan desconectadas”