En 2006 as obras da Autovía do Cantábrico, a A-8, deixaron ao descuberto en Barreiros un estraño xacemento, que se "salvou de milagre", como recollía Manuel Gago hai un tempo no seu blog. "No catálogo da Xunta, o castro da Roda estaba situado a 300 metros do trazado da autoestrada. Un último control de urxencia das obras permitiu decatarse, case de miragre, que o castro non estaba onde dicía o Catálogo arqueolóxico da Xunta, senón xusto no medio e medio do desmonte da autovía". No último momento, Xunta e Fomento decidiron variar o trazado da autovía para evitar a destrución deste xacemento.
Mariñapatrimonio destaca que se trata dun "importante e enigmático xacemento" do que a día de hoxe, sen estar concluída a escavación, "os arqueólogos descoñecen o seu uso e a súa datación". E xunto con Cultura do País e ADEGA destacan que o xacemento se atopa "nun lamentable estado de abandono con visibles signos de degradación e destrución porque Fomento non cumpriu coa súa obriga de conservar, coidar e protexer este ben patrimonial, amosando unha vez máis o seu escaso interese polo noso patrimonio". Por este motivo instan a Xunta a que "cumpra coa súa obriga legal de protexer o patrimonio e que obrigue ao Ministerio de Fomento a adoptar as medidas necesarias para conservar, coidar e protexer este ben patrimonial".
Xa en 2010 o propio Manuel Gago denunciaba no seu blog que o espazo "languidece sen pena nin gloria por un concello máis preocupado por plans urbanísiticos que por cuestións culturais". E destacaba a singularidade do achado, un "depósito arqueolóxico rarísimo". Trátase dun foxo e un muro de pedra que "envolven un pequenísimo recinto, de trinta metros de diámetro, ubicado nunha ladeira e cun valor de defensa nulo ou case nulo". Gago sinala que "non é o único mini-castro que hai no país e en Lugo, pero creo que debe ser o primeiro escavado".
Non hai elementos que permitan trazar a súa cronoloxía nin delimitar os seus usos. Na actualidade, os arqueólogos da Xunta din que A Roda pode ter certa similitude co círculo da Chousa do Rodeiro do castro de Coeses, actualmente ameazado tamén polas obras da autoestrada Santiago-Lugo.