Hai uns días o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaban na Cidade da Cultura unha serie de datos sobre a Rede de Bibliotecas de Galicia. Entre eles, que o número de usuarios creceu un 15% nos últimos tres anos, coincidindo coa crise económica, até un total de 700 mil, que se beneficiaron de máis de 2,4 millóns de préstamos de libros e material audiovisual. E isto foi así a pesar de que nos últimos dous anos, dende que o Partido Popular renovou a súa maioría absoluta en Galicia, o orzamento para as bibliotecas se reduciu a case a metade do que contaban para 2012. En concreto, pasou de 2.611.249 euros a 1.378.240. E, de igual xeito, os arquivos pasaron de dispor de 573.457 euros a tan só 362.408.
Este 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, e os centros públicos de toda Galicia organizan unha variada programación de actividades para celebralo, "unha programación, que como moitas outras que se realizan nas bibliotecas, saen adiante pola implicación e o voluntarismo dos traballadores", destaca Olimpia López, presidenta de ANABAD-Galicia. Os orzamentos de 2014 supoñen un novo golpe para o sistema público de bibliotecas e arquivos; o descenso, do 12% dos fondos para bibliotecas, súmase ao do 40% que sufriron en 2013 e consolida unha situación moi difícil para estes espazos públicos e os seus profesionais.
A partida para adquisición de fondos bibliográficos foi a máis afectada neste bienio, pasando de 1.5 millóns de euros a só 600 mil
A partida para adquisición de fondos bibliográficos foi a máis afectada neste bienio, pasando de 1.5 millóns de euros a só 600 mil. Entre as restantes partidas, destaca a caída dos recursos para as campañas de promoción da lectura, que este ano se reducen nun 33%. Olimpia López afirma que as contas para 2014 "van na mesma liña do ano pasado", e que o que non se recorta mantense porque "xa non se pode recortar máis".
López destaca que as bibliotecas son "máis necesarias ca nunca en tempo de crise", e cita ao propio Anxo Lorenzo, que esta semana salientou que son "un factor de cohesión social, para acceder á información e poder por exemplo elaborar un currículo". Para a presidenta de Anabad-Galicia, estes centros "contribúen á igualdade de oportunidades" e subliña que "é agora cando deberíamos ter máis orzamentos, pero sucede todo o contrario". "Fan falla fondos para mercar libros e renovar e actualizar as publicacións, e tamén para cubrir as baixas do persoal", destaca.
López destaca que as bibliotecas son "máis necesarias ca nunca en tempo de crise", e cita ao propio Anxo Lorenzo, que esta semana salientou que son "un factor de cohesión social, para acceder á información e poder por exemplo elaborar un currículo"
ANABAD-Galicia reclama unha meirande comprensión do papel que cumpren as bibliotecas na actualidade, máis aló de gardar e emprestar libros: "a función das bibliotecas é dar acceso á información, nun senso clásico a publicacións convencionais, e nun senso máis moderno a outro tipo de información contida en soportes dixitais e Internet", e lamenta que a administración trata as bibliotecas e os arquivos "coma se fósemos un compartimento estanco e ademais totalmente desligado das novas tecnoloxías, cunhas visións moi vellas do que son as bibliotecas e os arquivos".
Día das Bibliotecas
A data do 24 de Outubro foi escollida como día para sinalar a importancia das bibliotecas na sociedade. Esta data foi creada en 1997 pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil co apoio do Ministerio de Cultura. Para o 2013 o cartaz foi deseñado por Andrés Rábago (El Roto) con texto de Laura Gallego. Este xoves bibliotecas de toda Galicia celebran actividades para celebralo. Entre outras localidades, en Bóveda, Caldas de Reis, Cambre, A Coruña, O Carballiño, Dumbría, O Grove, Lalín, Monforte, Lugo, Oleiros, Ourense, O Pino, Ponteareas, Redondela, Ribadavia, Santiago, Sober, Tui, Verín ou Vigo.