"Fagamos teatro todos xuntos". Chévere e a Nasa, triunfadores dos María Casares

Manolo Cortés, Xesús Ron e Miguel de Lira © Corsino

Citizen fíxose cos premios ao mellor espectáculo, mellor director (Xesún Ron), mellor actriz (Patricia de Lorenzo), mellor música orixinal (Xacobe Martínez) e mellor actriz secundaria (Mónica García). E a traxectoria da propia Sala Nasa foi homenaxeada co Marisa Soto, nunha gala que tamén recoñeceu a Avelino González cos premios ao mellor texto (compartido con Artur Trillo, María Ordoñez e Sechu Sende) e á mellor adaptación.

E tamén a Evaristo Calvo, mellor actor por segundo ano consecutivo, desta volta por Oeste Solitario, que obtivo tres dos seis premios aos que optaba. O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolleu a cerimonia, na que Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia, foi o encargado de ler o Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro.

Os recortes económicos estaban no ambiente e houbo referencias constantes pero sutís á falta de apoio público. Dende o propio Antonio Durán 'Morris', presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que abriu a gala dando a benvida ao "Gran Teatro das Ruínas" e que con retranca salientou que "autores como Shakespeare, Molière, Ibsen, Brech, Pinter ou Camus vense desbancados polo éxito inesperado doutros autores como Goldman Sachs, Lehman Brothers, Xose Luis Méndez, Standard & Poor's, Moody's, Xulio Gayoso" e quixo "agradecerlles a todos eles, pero sobre todo ás institucións públicas que os apoiaron e apoian".

As referencias á crise e á xestión do Goberno sucedéronse en case todos os premiados, coma Vicente de Souza ("é incrible o desprezo ao patrimonio, á cultura e á lingua. É o momento do compromiso e de tomar actitudes")

As referencias á crise e á xestión do Goberno sucedéronse en case todos os premiados, coma Vicente de Souza ("é incrible o desprezo ao patrimonio, á cultura e á lingua (...) É o momento do compromiso e de tomar actitudes"), Xacobe Martínez ("aínda que nos intenten ningunear, a loita continúa") ou Evaristo Calvo ("gústanos poñer podres os políticos, pero xa os criticabamos mesmo antes de que se fundase o actual partido gobernante (...) Os políticos non sobran, pero tampouco sobra a cultura").

O premio Marisa Soto, que recibiu a Sala Nasa "pola dinamización dunha cidade e dun país enteiro" ante un teatro posto en pé, foi un anticipo do final da noite. Os responsables da sala, que pechou hai uns meses ante a falta de apoio e o acoso do Concello de Santiago, fixeron fincapé en que a Nasa era "un esforzo colectivo" e como tal recibían o premio, lembrando todas as persoas que nun momento ou outro colaboraran ou actuaran alí, comezando pola propia Marisa Soto ou por Roberto Vidal Bolaño, que nun comezo apostou o seu bigote -dixo Miguel de Lira- a que o proxecto non aguantaría máis dun ano. Perdeu, mais non afeitou o bigote.

 

"Os teatros son públicos, enchámolos"

A gala, así e todo, finalizou cunha mensaxe máis optimista, da man de Xesús Ron, que animou a "seguir facendo teatro e facendo cultura", a "non instalarse no pasado" e a aproveitar "unha época que nolo está a facer pasar tan mal, pero tan boa para a creatividade e para conectar co público, rachando coa cuarta parede, para facer teatro todos xuntos". Para Ron, "se algún mérito ten Citizen é converter os teatros nun lugar de encontro, un sitio no que se socializa a xente" e asegurou que é froito dunha maneira de traballar, a das compañías residentes, que permiten traballar durante meses en contacto co público, polo que chamaron a mantelas e amplialas, "para poder seguir sendo exemplo en toda España".

Para Ron, "se algún mérito ten Citizen é converter os teatros nun lugar de encontro, un sitio no que se socializa a xente"

Os responsables de Chévere din estar redescubrindo o teatro "como ese lugar de encontro para nós e os nosos veciños" e chamaron a "tender pontes coa sociedade". Miguel de Lira pechou os agradecementos citando a Leo Bassi: "Os teatros son públicos, enchámolos".

 

Lista de premiados e premiadas:

Mellor Maquillaxe: Trini Fernández Silva (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego).
Mellor vestiario: Carlos Alonso (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego).
Mellor escenografía: Paco Conesa (Piratas, Teatro do Noroeste).
Mellor iluminación: Octavio Mas (Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas).
Mellor música orixinal: Xacobe Martínez Antelo (Citizen Total, Grupo Chévere).
Mellor adaptación-tradución: Avelino González (Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas)
Mellor texto orixinal en galego: Avelino González, Artur Trillo, María Ordoñez e Sechu Sende (Pelos na lingua, de Talía Teatro).
Mellor actriz secundaria: Mónica García (Citizen Total, Grupo Chévere).
Mellor actor secundario: Vicente de Souza (Tango, Sarabela Teatro).
Mellor actriz protagonista: Patricia de Lorenzo (Citizen Total, do Grupo Chévere).
Mellor actor protagonista: Evaristo Calvo (Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas).
Mellor dirección: Xesús Ron (Citizen Total, Grupo Chévere).
Mellor espectáculo: Citizen Total (Grupo Chévere).

Os premiados e premiadas © Luis Ramírez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.