Torres Cidre deconstrúe a imaxe de Franco no seu imaxinario artístico

Dominio Público Praza Pública

Ao xeito dos precursores, o escultor ourensán Xoán Torres Cidre utilizou a súa ferramenta para empezar a deconstruír a imaxe do xeneral Francisco Franco, que durante moitos anos se forxou no consciente e inconsciente colectivo. A figura do ditador, a pesar de ser contestado no ámbito privado, non sufriu críticas públicas até ben pasados os anos.

Porén, Torres Cidre, quen non gusta de titularse como artista, nin referenciar a súa obra, tivo a necesidade de depurar unha imaxe construída polo peso do medo e da forza ao longo dos anos. Decidiu facelo coincidindo coa presidencia de Manuel Fraga na Xunta, segundo di, porque tamén se vivía un momento "de asfixia evidente".

Torres Cidre recupera o título da película Raza para crear unha serie escultórica realista feita en porcelana na que se mesturan a cabeza de Francisco Franco co corpo dun can sentado. Deste xeito buscou a metamorfose como síntese entre a imaxe tomada da simboloxía oficial e outra procedente do universo da decoración kistch.

A pesar de que o artesán asegurou a Praza que “ao ver a serie, hoxe colocada en distintos lugares do país, do que se trata é de que o espectador a encha de contido”, hai autores como Manolo Figueiras, que atopan nesta creación “ecos das iconografías mesopotámicas e dos bestiarios medievais, ademais do rumor dunha caste de pánico estritamente contemporáneo”. A serie escultórica xa repartida entre particulares respondía na hora do seu deseño a un conxunto de pezas múltiples, o que permitía xogar con distintos tipos de disposición espacial e variacións escénicas, multiplicando as sensacións perceptivas para dar pé a diversas respostas emocionais, dende a estrañeza ata a fascinación mórbida.

Xunto a Raza, Torres Cidre, xogou en máis ocasións co busto do xeneral Franco. Na serie Pantanos, en referencia á obsesión do caudillo pola obra pública, deseñou e deu forma a uns porróns coa cara de Francisco Franco. Do mesmo xeito que creou unha serie de franquiños que colocou do pescozo de vacas do país ao xeito de chocallos.

As referencias simbólicas ao españolismo más católico complétase coa serie Patróns. Neste caso son augabenditeiros coa figura do apóstolo Santiago nun caso e cun falo que substitúe na imaxinación de Torres Cidre á patroa española. Pese a intención confesada de non verse nos papeis, o escultor ourensán Xoán Torres Cidre, confesa que “a miña obra é para facela pública” e conclúe convidando ao espectador a completar a súa propia creación coas múltiples lecturas que parten da subxectividade.

Raza, de Torres Cidre © M. Carballada
'Pantanos' © M. Carballada
A serie 'patróns' © M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.