"Un mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor…". Así describía Castelao o negro Panchito en Cousas. Non foi a única vez que os negros e mulatos apareceron na obra artística do intelectual galeguista, tanto nos seus relatos escritos coma nos seus debuxos, pinturas e viñetas humorísticas. "Hai que ver…Tamén as negras de África andan a moda", engadiu a un cadriño algo groso publicado no Faro de Vigo en 1927. Craig Patterson vén de publicar "From racism to redemption" en Interventions: International Journal of Postcolonial Studies, un traballo que analiza a evolución do intelectual, dende visións "claramente racistas" en escritos e debuxos até posicións máis abertas a partir da Guerra Civil e o exilio.
Patterson aposta pola "desmitificación", por presentar Castelao ao completo, con luces e sombras, sen ocultar nada da súa biografía, e por facer fincapé neste "cambio interior" como un elemento positivo
O investigador cre ver no contexto histórico, e na influencia de Murguía ou Risco a orixe destas visións. E destaca que, mentres Risco é criticado unha e outra vez polas súas posicións antisemitas, tense publicado moi pouco sobre a relación de Castelao coa raza. Patterson aposta pola "desmitificación", por presentar Castelao ao completo, con luces e sombras, sen ocultar nada da súa biografía, e por facer fincapé neste "cambio interior" como un elemento positivo. Para Patterson, a "redención" que experimenta Castelao, principalmente a partir da Guerra Civil e do seu exilio de país en país, atopando (sobre todo en Nova York e Cuba) importantes comunidades negras e mulatas, constitúe "unha historia fermosa", moito máis "útil" e "inspiradora" para contar nos centros de ensino, que a dunha persoa sen matices.
Os sinalados arriba non son os únicos exemplos de comentarios, con intención máis ou menos humorística, pero con segundas lecturas non demasiado positivas que podemos pescudar na produción de Castelao, e atopamos exemplos semellantes tamén nalgúns ensaios e cartas. Estas cuestións non están presentes nos anos corenta.
Nese tempo, podemos observar a súa evolución, en directo, libro a libro, a través dos apuntes do seu exilio, que despois deron lugar ao Sempre en Galiza. Esta obra fulcral no pensamento nacionalista e galeguista, e os catro Cadernos que a acompañan constitúen unha reflexión sobre Galicia e España, sobre a historia da Segunda República e a Guerra Civil e a postguerra, pero son tamén unha mostra de numerosas mutacións interiores que Castelao experimentou a finais dos anos trinta e comezos dos corenta, como destaca Patterson. "Sempre en Galiza é un libro fascinante, que debería ser máis coñecido en todo o mundo. É unha historia galega de España, unha historia alternativa", engade.
Patterson lembra que nestes anos, nos que Castelao está experimentando estas mutacións, con frecuencia deixa ver algúns elementos desas pretéritas visións racistas ou asimiladoras. No Sempre en Galiza, Castelao escribe: "O sol é único para todol-os homes do mundo; pero fai negros en África e brancos en Europa. E a nosa Terra ten poder bastante para facer brancos aos negros". E nos seus Cadernos, reflexiona sobre o seu propio racismo, desmostrando ser consciente da existencia dun certo conflito: "Recoñezo que me sinto alonxado da raza negra por reparos incoercibles da natureza. Cando en París vexo a unha loira c-un negro xa sei que se trata d-un caso de perversión sexual e o caso da mistura de coor paréceme sempre anormal; pero esto non me impide considerar aos negros como compoñentes da miña especie e sempre capaces de merecer a miña amistade fraternal. Craro está que non sería capaz de casarme c-unha negra e o caso pode analizarse". E engadía: "Eu non nego que os negros teñan limitadas as facultades intelectuaes pol-o herdo secular da iñorancia ou pol-o desvencellamento secular da nosa civilización; pero é indisutible que os negros teñen a posibilidade d-erguerse até o nivel dos brancos".
E mesmo en 1947, ao comparar a ditadura de Trujillo na República Dominicana e a de Franco en España, Castelao sinala que "A diferencia está en que Hespaña non é unha República de negros insensatos, senón unha vellísima aglomeración de povos cultos e civilizados, afeitos a viviren en libertade".
Patterson tamén sinala a importancia de analizar con detemento a relación de establece Castelao con outras razas e identidades, pola importancia dos conceptos postcoloniais na súa obra, tanto da análise que o intelectual fai de Galicia como "colonia", ou dos procesos de "asimilación" e "imperialismo" sufridos pola sociedade galega a mans de España. Porén, destaca o investigador, decote Castelao incorre neses mesmos pensamentos imperialistas ou asimiladores con respecto aos negros, cando menos nos seus escritos dos anos vinte e trinta.
A redención
En 1938, nunha visita de Castelao aos Estados Unidos por encargo do presidente Negrín, Castelao experimenta unha revelación
A Guerra Civil, a derrota, o exilio e as terribles decepcións que viviu Castelao aceleraron algunhas mutacións que xa viña experimentando nos anos trinta. E, coma sempre, están reflectidas por escrito. En 1938, nunha visita de Castelao aos Estados Unidos por encargo do presidente Negrín, Castelao experimenta unha revelación: "Todo esto pensaba eu e non nego que a separación de razas coincidía cos meus instintos de pureza e perfección. Pero nos Estados Unidos sentín primeiro unha enorme compasión pol-os negros e máis tarde un desexo de matar a miña repuñancia por eles. Agora avancei máis e sería capaz de trocarme líder das reivindicacións negras i en defensor d-esta raza. O día que despertei a este sentimento foi o 1 de septembro de 1938. Percorríamos o estado de West Virginia (onde os negros aínda non son perseguidos coma no Sul) e na porta d-un Bar aldeán, onde comían e bebían uns cantos bárbaros brancos, alvisquei este letreiro na porta: NOTICE. Whites only. Agora síntome irmán dos negros".
É neste tempo cando o artista realiza os seus Tres Apuntes de Negros (en boa medida como unha forma de fuxir ou descansar dos horrores da guerra) e muda completamenta a súa visión da raza, tamén a función que dende Murguía, sobre todo a través do celtismo, ten este elemento para a construción da ideoloxía do nacionalismo galego. No Sempre en Galiza Castelao escribe que "a raza non é tansiquera un siño diferencial da nacionalidade, e non se pode fundar ningunha reivindicación nacional – así di Stalin – invocando caraiterísticas de raza. Para nós, os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivir con todal-as razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado". Patterson sinala a este respecto o exposto por Xusto Beramendi: "a raza é destronada do lugar preeminente, que desde Murguía viña ocupando como factor primeiro da etnicidade e, por tanto, da xénese da nacionalidade (...) isto é consecuencia do afán por abrir un abismo político, e tamén ideolóxico, entre o nacionalismo galego e os racismos fascistas. No lugar da raza, Castelao eleva á lingua – e con ela á cultura e ó Volksgeist – ó rango de sustancia maior da nacionalidade".
Nunha viñeta publicada nun xornal cubano en 1938, Castelao debuxa un negro e un branco, e un breve pero elocuente diálogo: "EL NEGRITO: ¿Hermanos? EL GALLEGO: Los trabajadores siempre somos hermanos"
A mutación é evidente. Castelao recoñécese nos negros sen patria, nos desposuídos: "Poida que frente a min haxa checoeslovacos, autriacos, polacos, finlandeses, xudeus, alemáns e de outros pobos e razas, pero estou seguro de que eles non adiviñan que â luz d-esta fiestra traballa un galego desterrado, con máis razón que eles para protestar. Ningún dos meus veciños e de enfrente sabe que hai unha Patria que se chama Galiza, e non podo eisixirlles que adiviñen a miña eisistencia. Eu son fillo d-unha Patria descoñecida". Nunha viñeta publicada nun xornal cubano en 1938, Castelao debuxa un negro e un branco, e un breve pero elocuente diálogo: "EL NEGRITO: ¿Hermanos? EL GALLEGO: Los trabajadores siempre somos hermanos". É neste tempo tamén cando Castelao é nomeado Presidente Honorario da Federación Mundial de Sociedades Negras.
"Achegaría unha narración moito máis positiva e humana á historia de Galicia, sendo de moita maior importancia ante as realidades do século XXI que o relato mitificado e haxiográfico aínda dominante"
Na conclusión do seu traballo, Patterson destaca que "Castelao é aínda a vaca sagrada da cultura (nacionalista) galega" e que "este relato das visións negrofóbicas de Castelao e de como rapidamente virou nunha solidariedade global non se ensina nos colexios". E afirma que "achegaría unha narración moito máis positiva e humana á historia de Galicia, sendo de moita maior importancia ante as realidades do século XXI que o relato mitificado e haxiográfico aínda dominante".