A historiografía puido documentar, ata agora, 360 casos de vítimas da represión franquista de orixe portuguesa, 68 delas asasinadas. O seu compromiso social e político foi o motivo das represalias. Formaban parte dunha emigración lusa en Galicia á que, durante demasiado tempo, non se prestou unha atención especial na investigación. Seguramente, en parte, porque a súa integración na sociedade galega facía que pasasen por galegos e galegas. En calquera caso, Estados español e portugués tentaron borrar a súa memoria. E o historiador Dionisio Pereira non estaba disposto a consentilo. Por iso escribiu Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940), publicado por Através Editora. Falamos con el desta obra.
O libro recupera unha parte da memoria histórica negada tanto polo franquismo como polo salazarismo. Neste sentido, inscríbese no traballo que levas realizando nos últimos anos. Cal foi, en concreto, o punto de partida deste libro?
Pódese dicir que o libro ten uns alicerces de carácter científico e historiográfico, pero paira tamén un pulo cívico e fraternal cara á poboación humilde do país veciño, algo que, por raigame familiar, forma parte da miña xeografía emocional. A idea xorde, non obstante, ao constatar na base de dados do Proxecto Nomes e Voces o relativamente elevado número de persoas con orixe portuguesa obxecto de represalias. Ao tentar darlle unha explicación, non houbo outra que prestar atención á emigración portuguesa na Galiza, un fenómeno que pasou desapercibido para a nosa historiografía.
Mais tamén a miña implicación, que vén xa dos comezos desta centuria, coas iniciativas cidadás que pretenden reivindicar a epopea dos traballadores do camiño de ferro no surleste ourensán, moitos dos cales eran de nacionalidade portuguesa, alentou a teima de remexer nesta faciana descoñecida da represión franquista no territorio galaico. Por último, outro incentivo importante para culminar a investigación foi a xeira que, na primavera-verán de 2012, impulsou o devandito Proxecto para homenaxear os perseguidos e perseguidas de nacionalidade portuguesa na Galiza, con diversos actos levados a cabo en Ourense, Campobecerros (Castrelo do Val) e Monção. De feito, a homenaxe levada a cabo nesta localidade miñota foi o primeiro, e ata este intre o único, recoñecemento público en territorio portugués aos compatriotas represaliados polos franquistas no conxunto do Estado español.
"A idea xorde ao constatar na base de dados do Proxecto Nomes e Voces o relativamente elevado número de persoas con orixe portuguesa obxecto de represalias"
En canto á metodoloxía, escolle un enfoque transnacional. Cales foron, nesta investigación, as vantaxes desta abordaxe?
Este enfoque permite contemplar o devalar social dos emigrantes portugueses tendo en conta a súa orixe social e nacional, mais tamén o seu grao de incorporación ao mercado de traballo na Galiza e os problemas que aquela presentou no período considerado, contando asemade con que o país de acollida era moi semellante canto á lingua e hábitos de sociabilidade. Deste xeito, os traballadores portugueses radicados na Galiza poden ser considerados a todos os efectos (mesmo no eido político ou societario) galegos coas súas raigames alén Minho; isto non é só un enfoque académico, mais tamén unha percepción popular. Por último, entendo que a visión transnacional focalizada dende o estudo e o (re)coñecemento dunhas realidades locais separadas por fronteiras decote arbitrarias, é unha vacina eficaz contra o chauvinismo e a xenofobia.
"A visión transnacional focalizada dende o estudo e o (re)coñecemento dunhas realidades locais separadas por fronteiras decote arbitrarias, é unha vacina eficaz contra o chauvinismo e a xenofobia"
Unha das hipóteses que manexas, precisamente, é que, se cadra, a invisibilidade da emigración de cidadáns portugueses e da súa represión tivo que ver coa súa integración social e cultural: pasaban por galegos. Podes explicar isto?
A emigración portuguesa na Galiza, constatada xa nos comezos da Idade Moderna, foi persistente e silandeira a través dos séculos; ademais, estivo moi esparexida por toda a Galiza rural, debido a que ata despois da Primeira Guerra Mundial aquí a penas houbo núcleos urbanos de relevancia. Ao cabo, a identidade cultural coa poboación autóctona, a cativa taxa de retorno e a serodia aparición de instancias asociativas propias da emigración portuguesa, contribuíron a que tanto na Galiza como no seu propio país, Portugal, aquela pasase desapercibida e fose case que invisíbel.
Mesmo, en paralelo ao proceso de españolización que aturaba (e atura) a poboación galega, a maioría dos nomes castelanizáronse. Con posterioridade e agás casos illados, os portugueses e portuguesas foron represaliados polos franquistas non pola súa nacionalidade, senón polo seu compromiso coas loitas sociais no noso país e pola súa defensa do réxime republicano, sen distinción dos seus camaradas galegos. Por todo o devandito, concluímos que os emigrantes procedentes da outra banda da raia poden ser considerados naquela altura como galegos e galegas de orixe portuguesa.
"Diante da falla de man de obra provocada pola masiva emigración americana nun intre de importante medre da urbanización na Galiza, a patronal desenvolveu unha estratexia consistente en incorporar ao mercado laboral traballadores das zonas rurais do Norte de Portugal"
En canto á emigración, pasa dun primeiro momento de integración na economía das familias rurais da "raia" -xornaleiros, criados...-, a participar da eclosión urbana de Galiza no cambio de século. A patronal utilizou man de obra portuguesa para rebentar as loitas laborais do nacente movemento obreiro. Como foi isto?
Daquela, a presenza dos emigrantes portugueses estendeuse moito máis alá da contorna da raia, espallándose por toda a xeografía rural do país; mesmo deixaron a “serra portuguesa” como agasallo para a nosa etnografía!. Despois, a comezos do século XX, diante da falla de man de obra provocada pola masiva emigración americana nun intre de importante medre da urbanización na Galiza, a patronal desenvolveu unha estratexia consistente en incorporar ao mercado laboral traballadores procedentes das zonas rurais do Norte de Portugal, para moderar os xornais no ramo da edificación.
Naquel tempo, foi habitual na Galiza urbana o crebafolgas de orixe portuguesa, habida conta a cativa organización operaria do territorio miñoto e trasmontano. A partir dos anos vinte do século pasado, a situación mudou coa consolidación de nichos laborais nas cidades ocupados de xeito permanente por man de obra de orixe portuguesa, caso do ramo da construción da cidade de Vigo. Como consecuencia, na etapa republicana a integración dos emigrantes portugueses que traballaban nas cidades galegas nas grandes centrais sindicais, CNT e UGT, non desmereceu á do proletariado autóctono.
Na primeira fase, moitos portugueses emigraron clandestinamente para zafar do servizo militar na Grande Guerra. Cales eran os principais motivos para a emigración, nesta primeira etapa? Cales eran os oficios que máis desempeñaban os portugueses entón, e como muda o perfil na Segunda República?
Antes do século XX, predominaban os oficios de carácter rural como os serradores, os cesteiros, os cabaqueiros (telleiros), os canteiros ou os xornaleiros; as súas motivacións non eran outras que fuxir dunha vida miserenta nos seus lugares de orixe. No tempo da Iª Guerra Mundial, na que Portugal foi belixerante, moitos liscaron para non ter que participar na contenda; dese tempo veñen non poucas familias galegas cuxo devanceiro foi desertor do exército lusitano. Na etapa republicana, predominaban xa os oficios urbanos relacionados coa construción (incluída a obra pública, como o camiño de ferro), a madeira e a minaría, no caso dos homes; domésticas, criadas e labregas, no caso das mulleres.
"No tempo da Iª Guerra Mundial, na que Portugal foi belixerante, moitos liscaron para non ter que participar na contenda; dese tempo veñen non poucas familias galegas cuxo devanceiro foi desertor do exército lusitano"
Na Segunda República, tras a crise do 29, limítase a liberdade de movementos dos traballadores estranxeiros e mesmo aplícase a 'Lei de Vagos e Maleantes' para deportar portugueses. Cal era, naquela altura, o grao de participación dos portugueses no movemento obreiro galego?
Ese foi un aspecto moi negativo da Segunda República española, á que compre non idealizar: a deportación de estranxeiros (neste caso portugueses) ao abeiro da devandita lei, que aplicou de maneira arbitraria a consideración de “indesexable”, unha terminoloxía pre-republicana xa que logo, a certos activistas políticos ou sindicais denunciados pola patronal ou distintos entes gobernativos. Daquela, os máis prexudicados foron os cadros portugueses das organizacións anarcosindicalistas, moi implantadas nas bisbarras lindantes co país veciño tal que o Baixo Miño, Entrimo ou Monterrei; tamén os afiliados á UGT de orixe lusitana tras o fracaso da Revolución de Asturias en 1934.
Así, no tempo republicano a presenza de militantes de nacionalidade portuguesa non só nos sindicatos senón nos distintos partidos políticos de esquerda, caso do PSOE, o PCE ou da propia FAI, estaba á orde do día na Galiza. Mesmo crearon grupos anarquistas propios de chamativa denominación como Os Conquistadores Modernos, integrado por mineiros portugueses que traballaban nas explotacións de wolfram de San Finx, en Lousame.
"A presenza de militantes de nacionalidade portuguesa non só nos sindicatos senón nos distintos partidos políticos de esquerda, caso do PSOE, o PCE ou da propia FAI, estaba á orde do día na Galiza"
Non houbo só emigrantes económicos, senón tamén exiliados políticos, segundo contas moi ben recibidos por republicanos e galeguistas. Que importancia tivo a organización do exilio en Galicia, tanto na ditadura salazarista como no período anterior?
O perfil do exiliado político portugués na Galiza foi ben distinto do emigrante: na súa grande maioría eran persoas de boa posición económica procedentes das capas medias, xeralmente altos cargos políticos ou militares de rango. Por diferentes lugares do país estiveron entre 1926 e 1936 dende o deposto Presidente da República Bernardino Machado, até antigos xefes de Goberno, caso de Francisco Cunha Leal ou Afonso Costa, pasando por relevantes persoeiros da milicia como o Tenente Coronel Ribeiro de Carvalho.
A presenza do exilio portugués na Galiza durante a República foi cualitativamente importante; arroupados por correlixionarios galegos, levaron a cabo unha relevante campaña de axitación e descrédito da Ditadura militar, primeiro, e do Estado Novo, máis adiante. Non obstante, fóra dun pequeno fato de exiliados de orixe proletaria e ideoloxía marxista ou libertaria, a maioría tiña un talante moderado, de carácter liberal-democrático. Eles, como os anarquistas devanditos, contaron así mesmo con organismos de seu, caso da União Geral dos Combatentes Republicanos, que contou con grupos en Vigo, Baiona, Tui e Coruña.
"A presenza do exilio portugués na Galiza durante a República foi cualitativamente importante; arroupados por correlixionarios galegos, levaron a cabo unha relevante campaña de axitación e descrédito da Ditadura militar, primeiro, e do Estado Novo, máis adiante"
Durante a Guerra Civil, a represión de cidadáns portugueses tivo máis que ver, segundo explicas, coa súa participación ou simpatía co movemento antifascista que cunha suposta xenofobia. Como chegaches a esta conclusión?
Non atopamos trazos desta hipotética xenofobia na documentación que xeran os actos represivos, tampouco nos testemuños orais aos que tivemos acceso. Ademais, agás casos illados, a porcentaxe de persoas con orixe portuguesa mortas nas localidades onde os asasinatos teñen lugar, é pequena en relación ao total de mortos locais, proba de que non existiu un “incentivo” de carácter nacional e xenófobo máis alá do que está presente na grande maioría das represalias: o compromiso social e político das vítimas.
Isto é válido tamén para a cidadanía portuguesa represaliada. Arestora temos documentadas en torno a 360 vítimas de orixe lusitana, 68 delas asasinadas con diversa metodoloxía. A nivel relativo, o índice de mortalidade sobre o total da colonia portuguesa na Galiza é semellante ao das vítimas mortais galegas respecto da poboación do país.
"A diplomacia portuguesa practicou con habilidade algo no que os políticos do PP galaico son mestres: o deporte de facer que se fai"
Outra das conclusións que tiras é que a diplomacia portuguesa -agás excepcións-, ou colaborou co franquismo, ou deixoulle facer, ou só presentou discretas protestas por motivos "humanitarios" fronte á represión. Canto tivo isto que ver coa estratexia conxunta de franquismo e salazarismo de deter o antifascismo? Por que o Estado portugués agochou isto?
Empregando unha terminoloxía actual, a diplomacia portuguesa practicou con habilidade algo no que os políticos do PP galaico son mestres: o deporte de facer que se fai. No caso dos fusilamentos de cidadáns portugueses, só nunha pequena porcentaxe tiveron éxito os seus tépedos chamados a que se aplicase a legalidade portuguesa, na que non existía a pena de morte. E levadas a cabo as execucións, non dixeron ren. Canto aos “paseos”, eses nunca existiron para o lisboeta Ministerio dos Negócios Estrangeiros. O Estado Novo salazarista viu, primeiro na IIª República española e despois na Guerra Civil que desembocou nunha revolución proletaria nalgunhas zonas que non caeran en poder dos golpistas, un perigo certo para a súa propia supervivencia.
Non pode sorprender, pois, a súa avinza cos sublevados. Ese plantexamento “salvacionista”, levou a que os partidarios de Oliveira Salazar consideraran aos compatriotas antifascistas radicados no Estado español como “malos portugueses”, uns inimigos da nación que merecían o castigo que os franquistas lles reservaban. En relación ao escurecemento dos feitos, se acaso o Estado Novo desexaba evitar que o descontento da poboación con estas prácticas homicidas dos franquistas para con os seus connacionais, puidese derivar nun conflito diplomático co Goberno de Burgos.
"A poboación portuguesa do territorio raioto onde moitos guerrilleiros “españois” radicaron a súas bases de retagarda ata 1947 sen actuar, sufriu moito polo apoio prestado ao “maquis”"
Sinalas un feito interesante, que é o xeito no que, fronte a unha relativa simpatía cos "vermelhos españois” fuxidos no monte, a memoria colectiva portuguesa asumiu os seus propios guerrilleiros como "bandidos", despolitizando as súas accións. Por que se produciu este fenómeno? Que importancia tivo, para os guerrilleiros galegos, o apoio prestado pola poboación portuguesa da "raia"?
Aínda falta moito por coñecer desta guerrilla “promiscua” propia da raia fronteiriza: os seus compoñentes, as súas accións e motivacións…. A poboación portuguesa do territorio raioto onde moitos guerrilleiros “españois” radicaron a súas bases de retagarda ata 1947 sen actuar, sufriu moito polo apoio prestado ao “maquis” debido ás represalias quer dos franquistas, quer dos salazaristas. Un padecemento descoñecido tanto en Portugal como na Galiza, un padecemento que ninguén reivindicou e polo que ninguén esixiu xustiza e reparación…Foi nestas mesmas zonas (Sernande, Os Pinheiros, O Cambedo, Castro Laboreiro…), onde cidadáns portugueses se incorporaron á guerrilla, conformando algún grupo onde a totalidade dos compoñentes eran veciños destas contornas.
Pois ben, a reacción que describes pode ser debida se acaso a que esta guerrilla si actuou e levou a cabo distintos golpes económicos, que incrementaron aínda máis o padecemento da poboación. Tamén podería explicarse, aludindo ao que o historiador Carlos Velasco denominou “memórias envergonhadas”. Fillas do sufrimento e propias de sociedades onde (como en Trás-os-Montes ou en boa parte da Galiza) a hexemonía das oligarquías conservadoras e da Igrexa Católica é abafante, as memórias envergonhadas rexeitan todo aquilo que poida lembrar o antagonismo e levar á confrontación social. Despolitizando a memoria destes combatentes, elimínase o seu potencial liberador. Pero todo o anterior se reduce a unhas hipóteses, que deberiamos confirmar mediante un inaprazable traballo de campo.
"O libro está dedicado aos combatentes antifascistas, tanto os de acá como os de acolá. Máis tamén toda homenaxe ás vítimas do fascismo a un e outro lado da raia, entendo que debería ser, ao tempo, un motivo de irmandade entre Galiza e Portugal"
Cal foi, en xeral, a presenza das mulleres como emigrantes e despois exiliadas? Tivo, como no caso galego, a represión delas algún compoñente adicional de xénero (rapadas, violadas...)?
O libro pretende ser tan só unha achega que focalice o interese na comunidade portuguesa na Galiza, sen realizar unha análise pormenorizada da mesma e moito menos tendo en conta a perspectiva de xénero. Iso sería materia dun estudo de seu. Con todo, rexístrase a presenza feminina nestas migracións, quer como xornaleiras e criadas no rural, quer como domésticas ou prostitutas nas cidades como Ourense ou Vigo.
Exiliadas, poucas, a non ser as mulleres e as fillas dos políticos expatriados como Elzira Dantas, esposa de Bernardino Machado que, mesmo, escribiu un feixe de relatos na súa permanencia na Guarda. As mulleres representan unha pequena pero significativa porcentaxe do conxunto das represalias, arredor dun 7%, tres delas asasinadas. A maioría das mulleres padeceron persecucións polo seu apoio aos fuxidos e tamén rexistramos algún caso de agresión sexual. Debemos lembrar, así mesmo, ás mulleres que foron presas no Norte de Portugal entre 1936 e 1947, debido á colaboración que prestaron aos fuxidos e guerrilleiros galegos refuxiados en territorio luso.
Algo máis que queiras engadir?
Se procede…O libro está dedicado aos combatentes antifascistas, tanto os de acá como os de acolá. Máis tamén toda homenaxe ás vítimas do fascismo a un e outro lado da raia, entendo que debería ser, ao tempo, un motivo de irmandade entre Galiza e Portugal.