0 Gardados para despois

"O accidente de Angrois puido evitarse de varias maneiras"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David Reinero (Nigrán, 1979) é un dos xornalistas galegos con maior coñecemento no ámbito das infraestruturas. No serán do 24 de xullo de 2013 estivo ao pé das vías de Angrois, informando en primeira persoa do accidente do Alvia en Santiago para o diario El País. Case sete meses despois do accidente, continúa a seguir cada paso da instrución xudicial sobre o sinistro, do que, "á espera do que determine o procedemento penal", xa é posible tirar certas conclusións. Algunhas delas, así como unha reflexión política e técnica do actual sistema ferroviario galego son o piar de Angrois. O AVE en anacos, a obra coa que Reinero inaugura a colección Libros de Praza & Meubook, unha iniciativa editorial que achegará ao público lector unha ducia de volumes anuais de contido xornalístico. Neste suceso, advirte o autor, nada é "branco ou negro" e os grandes partidos políticos tentan "taparse" entre si.

O libro empeza no mes de xullo pero non no de 2013, senón no de 2001. Por que decides facelo así?
Porque daqueles pos veñen estes lodos. Nunca houbo un proxecto dun AVE galego predefinido. O AVE galego foi unha sucesión de anacos de AVE, de aí o título do propio libro. É un AVE construído en anacos; en 2001 púxose unha primeira pedra que foi vendida como primeira pedra do AVE galego pero que era a primeira pedra da primeira reforma do Eixo Atlántico. Co tempo, a día de hoxe, é o que hoxe os políticos seguen a chamar AVE galego.

Un AVE que, integramente, nunca vai ser tal...
O Eixo Atlántico nunca vai ser AVE aínda que, cando se abriu, a liña Ourense-A Coruña foi presentada como AVE.  Pero de Santiago á Coruña, igual que cando estea aberta ata Vigo, non vai ser AVE. Vai ser un tren de moi altas prestacións que bastante xente considera que abonda para ese percorrido, pero non vai ser AVE.

Moitos políticos se esforzaron en dicir que iso xa era o AVE galego xusto ata o accidente de Angrois. A partir de aí houbo unha saída en tromba para dicir “isto non é o AVE galego nin o AVE español”...

"Co accidente víronse obrigados a rectificar o que dixeran pero non o que era, porque non era AVE nin nunca o fora"

Esa saída en tromba xustifícase única e exclusivamente pola imaxe internacional do AVE español. O percorrido entre Ourense e Santiago aínda non era AVE cando o inauguraron, pero presentárono así. E co accidente víronse obrigados a rectificar o que dixeran. Non o que era, porque non era AVE nin nunca o fora, serao nalgún momento. Pero a imaxe de que o AVE español tivera un accidente obrigounos a dicilo.

O primeiro, o presidente da Xunta. Mesmo con máis paixón que o Goberno central, advertindo das malas intencións de países estranxeiros...
Os primeiros días o presidente da Xunta foi máis evidente na defensa do AVE español que o Goberno central. En parte podería ter unha xustificación por que en Galicia aínda se está construíndo o AVE e é lóxico que o presidente diga que aínda precisamos un AVE. Nesa perspectiva é xustificable; na outra é unha defensa un tanto desproporcionada xusto despois dun accidente con estas consecuencias.

Esa defensa tan pechada da infraestrutura propiciou a busca rápida dun culpable, o que denominas no libro como “caza do maquinista”?

"Houbo unha caza ao maquinista, tanto por parte de políticos como de medios de comunicación"

Era moi doado para os políticos, para os responsables de Renfe e para os medios de comunicación dicir “hai alguén que asume a súa responsabilidade e xa está”. O complexo é coñecer a complexidade do sistema ferroviario. Houbo unha caza ao maquinista, tanto por parte de políticos como de medios de comunicación. Non a xustifico pero podo comprendela nos primeiros días, cando xa non a comprendo é a medida que vai saíndo máis información sobre a complexidade do sistema ferroviario.

Como interpretas que as propias autoridades contribuísen a esa imaxe de que o accidente fora algo tan simple como que unha persoa se despistara?
É bastante difícil de xustificar, porque o que está revelando o caso é que a responsabilidade política é difícil de atopala. Hai unha clara responsabilidade técnica porque, como xa se demostrou, o accidente era evitable de varias maneiras. Quen pode evitalo de varias maneiras? Determinados cargos intermedios do sistema ferroviario. Como ben dixeron os grandes partidos cando, entendo, pretendían taparse entre si, un ministro non decide que sistema de seguridade se instala. Pero no momento en que eses políticos tentan cubrirse uns aos outros, eles están asumindo as responsabilidade de tapar eses responsables do sistema que poderían selo tamén da falta de seguridade.

Encóbrense, polo tanto, os dous grandes partidos?
O que é seguro é que non teñen ningún interese en averiguar absolutamente todas as circunstancias que rodearon o accidente.

"Existe un medo infundado a que haxa repercusións políticas nunha cuestión que é máis técnica"

Por que?
É un medo, eu creo que infundado, a que haxa repercusións políticas. Nunha cuestión que eu creo que é máis técnica que política.

Unha cuestión técnica que ten moito que ver cos “anacos” que titulan o libro. Na construción pero tamén na cadea de responsabilidades...
Se hai nisto unha responsabilidade política é a de non controlar o crecemento e a deformación do sistema. Os políticos teñen a responsabilidade non de saber de todo, pero si de interesarse cada certo tempo de como vai o que eles teñen que controlar.

Unha das causas do accidente puido ser a ansia por inaugurar en Galicia algo parecido a un AVE?
Se fose así, a responsabilidade sería do técnico que asinou a autorización para que un político o fixese.

Porque un político non pode tomar esa decisión por si só...
Efectivamente. E se decide que hai que inaugurar un tren en tal data, debería haber un técnico que lle diga que non, porque ese técnico é funcionario e o seu posto non debería perigar.

O tren inaugúrase e máis dun ano despois acontece o accidente. Durante os primeiros seis días houbo un sistema que podería evitar o accidente e despois, xa non. Por que cres que o agora famoso ERTMS se mantivo desactivado?

"O ERTMS mantívose desactivado por desidia; non hai tanta presión para controlala como para inaugurar novas obras"

Por desidia. E ante esa posible desidia, que eu entendo que é dos técnicos, non hai tanta presión dos políticos para controlala como para inaugurar as novas obras.

Sobre esas desidias ou carencias de seguridade está investigando un xuíz que, polo que conclúes no libro, non é especialmente cómodo para as autoridades...
Non. Hai autoridades que o chegan a denominar “o xuíz mediático de Santiago”, descoñecendo outros xuíces que hai en Santiago e que os galegos ben coñecemos. Incómodo? Probablemente, en parte por que os políticos están sorprendidos. Como eles mesmos se autoconvenceran de que o único responsable era o maquinista, cústalles asumir que o sistema ferroviario é máis complexo ca iso e o xuíz está tentando desentrañalo.

E o xuíz, ademais de investigar, decide cumprir o principio constitucional segundo o cal as actuacións xudiciais son públicas... E iso tampouco senta ben.
A transparencia do xuíz non sentou ben en ningún dos dous grandes partidos de España. Aínda que, por suposto, os xornalistas agradecemos moito esa transparencia, que o único que fai é paliar filtracións interesadas de parte.

Contas no libro que sobre o caso hai aínda múltiples incógnitas. Entre elas, esa activación do “freo do home morto” por dúas veces durante a viaxe entre Ourense e Santiago
Hai moitas incógnitas que probablemente non teñan implicacións penais pero que son fundamentais para evitar que un accidente así se volva producir. Por que se activou dúas veces o freo do home morto que, supostamente, debería evitar perdas de atención do maquinista? É o maior misterio para todos os técnicos consultados.

No libro lemos tamén unha reflexión sobre unha das vertentes máis mediáticas do accidente: as vítimas e a actitude da veciñanza de Angrois. Ti contas que non todo é branco ou negro. Hai heroísmo pero tamén “miserias”.

"En Angrois houbo heroes, pero tamén se roubaron obxectos persoais dos mortos"

En Angrois houbo heroes, pero tamén se roubaron obxectos persoais dos mortos. Á súa vez, dentro desas miserias houbo xente á que lle entregaron cousas de xeito errado e devolveunas. Non todo é negro ou branco, a humanidade é moi variada.

Isto, polo tanto, tampouco é tan simple como se nos presentou dende as autoridades entre esas apelacións ao “espírito de Angrois” que se sucederon nos últimos meses...
De feito, boto en falta que na última fin de semana non houbese ningún acto relacionado coas vítimas...

É unha peza moi gorentosa...
Por suposto. Calquera político quere fotografarse cun heroe.

Neses días traspasáronse moitas fronteiras e en poucos meses houbo outro suceso en Santiago no que tamén se falou de tratamentos informativos excesivos...
Eses mesmos medios, pola contra, enchen páxinas e páxinas e minutos e minutos con esoutro crime acontecido en Santiago sobre o que ás veces tampouco hai tantos datos novos e relevantes, como é o asasinato da nena Asunta. Se no caso de Angrois se falou dun tratamento excesivo, ese desapareceu hai tempo. Agora mesmo, pódense contar cos dedos dunha man os xornalistas que están seguindo a instrución do caso do accidente de Angrois, con 79 mortos no sumario. O outro caso segue sendo unha desgraza, hai unha rapaza de 12 anos morta, pero o número de xornalistas que cada día está por tras do caso aínda que non se incorpore nada novo é completamente desproporcionada.

O día do accidente moitos xornalistas convertérstesvos tamén en xornalistas de sucesos aínda que esa non fose a vosa especialidade. Pódese abordar un accidente coma este sen caer na bágoa fácil e sen ir alén de contar o que é necesario?
É difícil. A min chegóuseme a criticar que puxese nunha información do primeiro día un entrecomiñado dun rapaz que me dixo “cuando abrí los ojos estaba rodeado de muertos”. Criticóuseme por amarelista, pero foi o que dixo unha das vítimas. Preferín poñelo na boca dunha vítima a describir o espectáculo realmente dantesco que estaba a presenciar. Paréceme unha forma máis axeitada de facelo que arriscarme a que a miña percepción, tal vez nesgada do que estaba vendo, puidese contaminar o relato.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.