A efixie de Rosalía de Castro é posiblemente unha das imaxes máis recoñecibles para calquera galego ou galega, unha icona, un símbolo cun enorme forza e unha grande importancia sobre o que, no entanto, apenas houbo historicamente un traballo de reinterpretación artístico, e tampouco unha reflexión teórica, na forma de estudo iconográfico. É precisamente o oco que o libro Rosalía de Castro: Imaxe e realidade (Xerais), do profesor Fernando Pereira, quere contribuír a encher. Hai moitas imaxes de Rosalía, iso é certo, e de feito esta obra analiza un total de 150, pero todas elas parten duns poucos modelos iniciais, en concreto de sete fotografías e dun único retrato en pintura realizado en vida da poeta. O resto son copias e reinterpretacións destas imaxes iniciais, pero iso si, afastándose moi pouco dos orixinais, o que levou a que ao longo dun século a imaxe que se transmitiu da autora fose unívoca e apenas variase co tempo.
Por que até agora non se afondara nesta cuestión? "Esa é a mesma pregunta que me facía eu, e que me levou a facer este libro" -di Fernando Pereira- "Vin que había que encher un oco bibliográfico sobre o que non había nada. E é moi importante, ademais, porque a imaxe tamén contribuíu a que Rosalía sexa hoxe unha figura ben visible e coñecida por todo o mundo. É unha imaxe moi popular, moi consolidada, inconfundible. Todos os galegos a recoñecen, e xa hai un século era recoñecible por boa parte da poboación, tamén entre os emigrantes".
Durante moitos anos a imaxe icónica de Rosalía non cambiou nada, primando sobre todo as que proviñan da fotografía tirada por Sellier e interpretada despois por Portela nun debuxo realizado despois da morte da poeta. E só foi nos oitenta e nos noventa cando comezou a haber reinterpretacións, sobre todo a partir de 1985. É nese ano, co congreso que se celebra coincidindo co centenario da súa morte, cando xorden outras Rosalías.
Fernando Pereira sinala que "é unha mágoa que os grandes pintores galegos non interpretaran máis a Rosalía. Falo de Castelao, de Laxeiro, de Colmeiro. Unicamente Maside e Seoane teñen algunha cousa pequeniña. E tampouco o fixeron nos anos oitenta os renovadores da pintura galega, a xeración de Atlántica, tampouco interpretaron a Rosalía. Refírome a Lamazares, a Menchu Lamas, a Patiño...". Pereira engade que "sempre imaxinei que sería moi interesante ver o que faría Leiro. No libro non trato o monumento público, pero tampouco no monumento público Rosalía foi tratada como merece. Rosalía ten moi poucos monumentos e estes non están á altura do mito".
O autor deste estudo iconográfico subliña que os artistas se achegaron polo xeral a Rosalía "dunha maneira moi estática, moi pouco atrevida, cunha imaxe moi estereotipada, e houbo unha certa sacralización da súa figura, que impediu a renovación da icona". Pereira salienta a "consistencia icónica de Rosalía, con moitas imaxes que reinterpretaron unhas poucas imaxes iniciais e que a forza de retocalas foron perdendo a conexión do orixinal". "A distancia entre a modelo e a copia fíxose infinita", conclúe. Explica que "foi convertida en mito, e os mitos sofren manipulacións. Hai intervencións mitificadoras e desmitificadoras nos anos cincuenta e sesenta, pero en realidade todos contribuíron a aumentar o mito" e cita o escritor colombiano Darío Jaramillo, que afirmou que "non hai nada máis mitificante que o labor dos desmitificadores".
Pereira lamenta igualmente a falsificación provocada tanto por algunhas imaxes como por certas interpretacións da súa obra ou por certas descricións e testemuñas literarias realizadas por distintos autores ou biógrafos, "que determinaron unha certa maneira de ver a Rosalía. Esa Rosalía melancólica, chorona, lánguida, que se pode ler nalgunhas imaxes e que nada tiña que ver coa Rosalía real". Nese senso, Fernando Pereira salienta que o cadro de Modesto Brocos (o único pintado en vida) "é moi interesante, porque amósanos unha Rosalía distinta, unha Rosalía de carne e óso, sen máscara, unha Rosalía bastante real". Para Pereira, Brocos "fixo un gran cadro, que recolle unha muller forte, de forte carácter, nada que ver con esa imaxe de melancolía que se quixo transmitir ás veces".
As relecturas
A partir dos anos oitenta comeza a haber novas lecturas da icona. Todos temos na cabeza (e nalgunha camisola) a relectura pop realizada por Rei Zentolo. Pero non foi a única. Tamén Elba Fernández xogou coa imaxe de Rosalía e a inseriu directamente no século XXI. E moi recentemente puidemos asistir á iniciativa da AELG para que a imaxe da poeta enchese os muros do país (sobre todo dos centros de ensino) en forma de graffiti. "Este movemento é moi importante" -destaca Pereira- "porque achegou a imaxe de Rosalía á mocidade, que non se podía sentir identificada cunha imaxe melancólica ou chorona".
Con todo, o autor amosa a súa sorpresa porque "estas novas visións sobre Rosalía veñen non da man de grandes nomes ou de artistas moi coñecidos, senón do mundo do deseño gráfico, da ilustración, da caricatura, da banda deseñada...". De igual xeito, tamén sinala o feito de que "unha figura tan importante, un símbolo nacional e cultural galego", non tivera até o momento demasiada presenza no mundo audiovisual: "Nos anos setenta houbo en TVE unha telenovela que trataba a vida de Rosalía, e un pouco máis tarde houbo outra produción baseada nunha obra súa. Pero despois non houbo moitas máis achegas, e en Galicia, a partir de que se crea a TVG, non hai moita cousa tampouco, resulta curioso".