O número de libros editados en galego caeu case á metade en 2013

Libraría no Culturgal © Culturgal

Póñanlle o adxectivo que queiran. Pero o dato é significativo por si mesmo: os libros publicados en galego en 2013 representan pouco máis da metade dos publicados o ano anterior, consolidando unha tendencia á baixa iniciada en 2008, ano no que, con 2.070 títulos, se rexistrou o récord histórico. A edición en galego atravesa unha crise moi fonda, cun número de títulos inferior ao que se acadaba antes do ano 1999. Esta é a realidade que amosa a Estatística da Produción Editorial de 2013, presentada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

É certo que o descenso é xeral en toda España e en todas as linguas, de xeito que o número total de títulos editados no Estado cae dende os 69.668 de 2012 até os 56.435 de 2013 (un 19% menos), e igualmente queda moi lonxe dos 86.330 de 2008. Porén, a caída da produción das editoriais galegas, por unha banda, e de obras en galego, pola outra, é moito máis importante. Cómpre sinalar, a este respecto, que se en 2008 se editaban 3.747 títulos en Galicia, hoxe esa cifra é de 1.869, máis ou menos a metade. E que, así mesmo, se en 2008 as editoriais galegas achegaban o 4,34% de todas as obras públicadas en España, hoxe a súa importancia relativa caeu até o 3,31%.

O 42,38% dos títulos que se editaron en Galicia en 2013 fórono en galego, fronte a un 52,06% en castelán e un 3,21% en idiomas estranxeiros. A proporción é semellante á acadada en 2012, aínda que nun ano o galego perdeu dous puntos (dende o 44,96%). Mesmo así, Galicia segue sendo, despois de Baleares, a comunidade autónoma na que a edición en lingua propia representa unha proporción meirande.

  2008 2009 2010 2011 2012 2013
Nº de títulos en galego 2.070 1.823 1.429 1.430 1.322 739
Nº de títulos editados en Galicia 3.747 3.180 2.778 2.866 2.660 1.869
Nº de títulos editados en España 86.330 74.521 76.206 74.244 69.668 56.435
% da edición en Galicia sobre o total 4,34 4,27 3,65 3,86 3,82 3,31

 

Preocupación no sector

Os datos coñecidos este xoves veñen confirmar e a agravar as tendencias xa coñecidas en anos anteriores. O pasado mes de novembro a Asociación Galega de Editores realizou unha valoración dos orzamentos para 2014 presentados pola Xunta, amosando a súa "preocupación e clara disconformidade" coas contas, nas que hai 440.000 euros menos para o libro o próximo ano. Os editores engadían que esta cantidade viña sumarse "aos 250.000 euros da desaparecida orde de axudas á edición de grandes obras, que xa experimentara unha reducción acumulada do 75% dende o ano 2010", así como aos recortes que se viñeran realizando, en cada un dos exercicios económicos, ás axudas tradución, edición de materiais curriculares e adquisición de fondos de libros en galego para as bibliotecas públicas.

De igual xeito, un ano antes a Mesa pola Normalización Lingüística realizara unha análise semellante, cualificando de "mazazo" os datos de 2011 (moito mellores que os actuais) e sinalando que “desde que preside a Xunta Alberto Núñez Feijóo, non hai un só indicador positivo en políticas culturais, educativas ou lingüísticas”. Carlos Callón reclamáralle á Xunta a “resurrección da política cultural e do fomento do libro en galego".

Libraría no Culturgal © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.