Emma Ríos e José Domingo, nomeados aos premios Eisner, os Óscar do cómic

Emma Ríos © comicvine.com

A banda deseñada galega vén de recibir un novo recoñecemento, un dos máis importantes nos últimos anos, e ademais por partida dobre. Os Premios Eisner, os máis prestixiosos da industria norteamericana do cómic, anunciaron este martes os seus nomeados para a edición deste ano, e entre eles figuran dous ilustradores galegos, como destaca o blog Qadrinhos. Por unha banda, Emma Ríos, que aspira a gañar o premio nas categorías de mellor debuxante e mellor portadista. 

Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976). Despois de participar en publicacións como Dos veces breve ou H2Oil, colectivos como Polaqia, exposicións colectivas en Viñetas desde o Atlántico e de publicar obras como A prueba de balas (2003) e Hexed (2006), traballou durante varios anos para Marvel Cómics, a editorial gráfica máis importante do mundo. O pasado ano comezou un proxecto de autoría propia dentro do selo editorial Image Comics xunto coa escritora Kelly Sue DeConnick (nomeada como mellor guionista), e aí naceu Pretty deadly, "un western sobrenatural que está a recibir boas críticas así coma un considerable respaldo do público", destaca Eduardo Maroño en Quadrinhos.

"Unha parte significativa do éxito da cabeceira débese sen dúbida ao labor dunha Ríos máis implicada autorialmente e que gozou de maior liberdade creativa, podendo levar o seu debuxo a extremos que probablemente lle estarían vedados traballando con franquicias alleas. Á forza dos seus deseños e o dinamismo das súas pranchas hai que engadir unhas cubertas minuciosamente deseñadas", engade Maroño.

Na categoría de mellor debuxante, Emma Ríos terá que competir con Nate Bellegarde (Nowhere Men), Nick Dragotta (East of West), Sean Murphy (The Wake), Nate Powell (March) e Thomas Yeates (Law of the Desert Born: A Graphic Novel). Na de mellor portadista, faino con David Aja (Hawkeye), Mike Del Mundo (X-Men Legacy), Sean Murphy/Jordie Belaire (The Wake), Chris Samnee (Daredevil) e Fiona Staples (Saga).

 

O oficinista xaponés segue dando que falar

Tamén será candidato José Domingo, na categoría de mellor obra extranxeira, por Aventuras dun oficinista xaponés. A obra publicouse en 2011 e obtivo un unánime recoñecemento da crítica, e tamén o premio á mellor obra no Saló de Barcelona de 2012. No outono dese ano foi traducida ao inglés, e editada no selo Nobrow. Nunha entrevista publicada en Praza, Domingo sinalaba que "esta é unha oportunidade de ouro, xa que é abrir unha porta cara a un mercado moi importante e fundamental no mundo do cómic”. José Domingo comparte na Coruña o estudio LaPelu con Roque Romero e Alberto Guitián. “O traballo de ilustrador é solitario, pasas moitas horas diante do papel, só. Aquí confluímos e enriquécese o noso traballo e gañamos influencias”, explicaba Domingo noutra reportaxe publicada por Alberto Ramos en Praza.

O oficinista xaponés competirá con Goddam This War! (Jacques Tardi and Jean-Pierre Verney), Incidents in the Night, Book One (David B.), Today Is the Last Day of the Rest of Your Life (Ulli Lust) e When David Lost His Voice (Judith Vanistendael).

Os galardóns entregaranse o vindeiro 25 de xullo no marco da ComicCon de San Diego e, como lembra Eduardo Maroño en Qadrinhos, "como adoita dicirse, a nominación é xa de seu un éxito".

José Domingo no estudio LaPelu © http://www.vinetasdesdeoatlantico.com/
Emma Ríos © comicvine.com
Portada de 'Pretty deadly' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.