'Ultranoite no país dos ananos', "a paradinha" de Chévere

Os ananos, retratados por Chévere © Matteo Bertolino
Publicidade
Publicidade

Vinte anos de Ultranoites son vinte anos da historia de Galicia nas que pasaron unha chea de cousas, e todas elas foron analizadas con sátira, con cancións e humor a través destes espectáculos de Chévere, primeiro na Sala Nasa e dende hai dous anos na Ramallosa, en Teo. Agora, chega o momento de botar a vista atrás. “En lugar de facer unha Ultranoite que mira á actualidade máis inmediata para facer escarnio do que está pasando ao noso redor, e tirar partido da complicidade que se xera cando os acontecementos están frescos, o que decidimos foi facer unha paradinha" -di Xesús Ron- "Facer unha panorámica dos sucesos sociais e políticos de todo tipo a través do teatro”. Ron explica que a obra é "unha homenaxe aos vinte anos de Ultranoite, dende o ano 93 até hoxe, pero cun sentido un pouco distinto. As Ultranoites naceron na Sala Nasa, despois trasladáronse aquí a Teo, e agora con esta obra queremos facelas chegar a novos públicos e a novos escenarios”.

"As Ultranoites naceron na Sala Nasa, despois trasladáronse aquí a Teo, e agora con esta obra queremos facelas chegar a novos públicos e a novos escenarios”

Esta Ultranoite no País dos Ananos, en clara referencia á amarga obra de Celso Emilio Ferreiro, chega este venres a Teo, que é tanto como dicir que chega a Compostela, despois do seu breve paso por Pontevedra, hai unhas semanas. Aquí, no Centro Sociocultural da Ramallosa permanecerá tres semanas, con funcións os venres e sábados (agás a semana que vén, que aproveitando a ponte festiva haberá representacións, tamén, o mércores e o xoves). Chévere, ao igual que noutras ocasións, ofrece un servizo de Ultrabús dende o centro de Santiago para poder desprazarse á Ramallosa sen necesidade de coche particular. A obra foi presentada este xoves aos medios, coa presenza de todo o elenco, e tamén do alcalde Martiño Noriega e da concelleira de Cultura, Carme Hermida.

"Temos ese mesmo sentimento de amargura, de certa raiba e de certo sentimento de derrota, porque atopamos un país que non era o que estabamos imaxinando”

A obra hai humor cun certo pouso de amargura, de sentimento de derrota, resultando un cóctel de humor negro e de cancións, moitas cancións, entre a rabia e a ironía. Xesús Ron explica que “ao igual que Celso Emilio Ferreiro escribiu ese libro tan amargo lembrando a experiencia frustrante que tivera ao marchar para Venezuela, esperando atopar, con toda a esperanza do mundo, esa Galicia da emigración. Así, nós tamén, botando a vista cara atrás, a hai 25 anos, cando comezabamos a traballar, temos ese mesmo sentimento de amargura, de certa raiba e de certo sentimento de derrota, porque atopamos un país que non era o que estabamos imaxinando”. Un retrato sobre as táboas dun país dos ananos que "non é toda Galicia, pero si a Galicia oficial”.

Tanto Carme Hermida coma Martiño Noriega salientaron a importancia que ten para Teo contar con Chévere como compañía residente no concello, "un valor engadido" para este lugar, dixo Noriega, "onde o mundo se chama Teo, por seguir citando a Celso Emilio", sinalou Hermida. O alcade de Teo salientou que “co paso dos anos imos ver con máis perspectiva todo o traballo de Chévere, que aínda se vai valorar máis do que xa se valora”. Tamén Xesús Ron reivindicou “o traballo que unha compañía de teatro pode levar a cabo na contorna local" destacando que "aparelladas ao espectáculo estamos facendo distintos encontros co público, en distintas parroquias do concello”.

“O teatro é un dos elementos máis importantes para conformarnos como sociedade, como nación e como persoas”

Carme Hermida tamén saientou que “o teatro é un dos elementos máis importantes para conformarnos como sociedade, como nación e como persoas” e destacou que “é moi importante botar a vista atrás, á nosa historia, como unha forma de aprendizaxe. E hai unha parte da historia recente que o teatro pode explorar e analizar, mesmo mellor que os investigadores, que aínda a teñen preto de máis para poder valorarala convenientemente”.

"Vivimos momentos vintage, pero porque nos están obrigando a vivilos”

Pola súa banda, Martiño Noriega tamén falou desta ollada retrospectiva, subliñando que “a realidade está a golpearnos moi duro, e tamén está a resituarnos, obrigándonos a facer un axuste de contas do pasado, a seguir reivindicando as cousas que se reivindicaban hai vinte anos e mesmo algunhas que xa deixaran de reivindicarse". "Vivimos momentos vintage, pero porque nos están obrigando a vivilos”, concluíu.

 

As cancións dos ananos

"Queremos reivindicar que para superar a crise hai que apostar pola unidade e por seguir facendo apostas por espectáculos ambiciosos e grandes”

Esta Ultranoite do País dos Ananos é unha produción cun tamaño importante para os estándares (sobre todo na actualidade) do teatro galego. O elenco está formado por nove persoas, unha máis que na súa anterior obra, Eurozone, algo que este xoves destacou Xesús Ron: “Seguimos reivindicando o poder traballar cun equipo amplo. Queremos reivindicar que para superar a crise hai que apostar pola unidade e por seguir facendo apostas por espectáculos ambiciosos e grandes”.

Na obra xoga un papel moi importante, ademais, a música, con dous músicos sobre o escenario e un feixe de cancións compostas expresamente para a obra por Xacobe Martínez Antelo. As letras das cancións pódense ler na web do espectáculo, onde tamén se irán pendurando, para a súa escoita, algunhas delas. Os que acudan ao espectáculo poderán escoitar, por exemplo, "O País dos Ananos/ limita ao norte coa OTAN/ ao sur con Bruxelas/ e cun banco de Frankfurt", "E será que entón aínda non teñen/ un país moi ben normalizado" ou "Digo Luar e queda dito/ todo só nunha palabra/ sen apenas dicir nada/ digo Luar e digo basta".

Presentación do espectáculo, este xoves en Teo Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.