0 Gardados para despois

Un Díaz Castro 'de cine'

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"A idea é ben sinxela: propoñémosvos a diversos cineastas que fagades unha peza curta, entre 1 e 5 minutos, asociada a un poema do libro. Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema. Cada autor que participe elixirá o(s) poema(s) sobre o(s) que quere traballar e a partir de aí, (case) total liberdade. Hai unha única condición, ademais do tempo: desbotamos expresamente o uso íntegro e literal dos poemas do autor, e recomendamos limitar o uso dos textos, se for preciso, a algúns versos soltos". O verán pasado Martin Pawley, dende Acto de primavera, enviáballes esta mensaxe a un grupo de cineastas galego, propoñéndolles a elaboración de curtametraxes a partir dos textos de Nimbos, único poemario de Xosé María Díaz Castro publicado en vida.

O sábado 16 de maio o CGAI acollerá unha sesión especial dedicada á proxección e debate destas pezas, e ao redor da obra de Díaz Castro

"Para poñer en marcha algunhas cousas abonda un correo electrónico" dicía xa hai uns meses o propio Martin Pawley, destacando a boa acollida da proposta, que non só foi aceptada pola meirande parte dos e das realizadoras ás que lla expuxo, senón que mesmo recibiu a incorporación de novos e novas autoras. Proxecto Nimbos, o chamamento lanzado por Acto de primavera, suma xa 13 obras publicadas, que se poden ver a través de youtube, e nas vindeiras semanas e meses chegarán máis. Xa se poden ver as creacións de Xurxo Chirro, Margarita Ledo, Carlos Álvarez-Ossorio, David Castro, Otto Roca, Xacio Baño ou José Antonio Cascudo. E moi pronto estarán tamén dispoñibles as de Manuel Fernández-Valdés, Eloy Domínguez Serén ou Diana Toucedo. De feito, o sábado 16 de maio o CGAI acollerá unha sesión especial dedicada á proxección e debate destas pezas, e ao redor da obra de Díaz Castro. Falamos co crítico Martin Pawley, promotor da iniciativa.

Creo que é un proxecto que, máis ou menos, xa tiñas na cabeza, mesmo antes de que se lle dedicasen as Letras 2014. Como xorde a idea?

Pensei máis dunha vez en facer algo sobre Díaz Castro, por exemplo vídeos inspirados nalgúns dos poemas de Nimbos ou lecturas dos textos en escenarios naturais. Era un proxecto que ía deixando aparcado, até que no momento en que o ano pasado se decidiu que as Letras de 2014 estarían dedicadas a el, puxemos en marcha a iniciativa dende Acto de Primavera. Foi bastante fácil implicar a xente, case todas aquelas ás que llo propuxemos, aceptaron participar, e mesmo se uniron outras, ás que non convidáramos inicialmente, pero que querían elaborar pezas sobre Díaz Castro.

"Atopamos que Díaz Castro era máis coñecido do que pensabamos. En realidade é un autor máis de culto que popular, en boa medida porque Nimbos non era tan fácil de atopar"

Sorprendeuvos a boa recepción da proposta?

Foi unha sorpresa, en parte, porque atopamos que Díaz Castro era máis coñecido do que pensabamos. En realidade é un autor máis de culto que popular, en boa medida porque o seu único libro publicado até este ano, Nimbos, non era tan fácil de atopar. Despois da súa primeira edición en 1961, a segunda edición non chega até a década dos oitenta, e tampouco esta ou a que sacara Galaxia en 2006 eran tan doadas de ver nas librarías. Un lector galego que o verán pasado quixera ler algo de Díaz Castro, para saber quen era ese home ao que lle dedicaban as Letras, podía non atopar Nimbos.

"É difícil facer unha aproximación a Nimbos dende unha linguaxe cinematográfica narrativa, polo que o cinema experimental se cadra é a mellor ferramenta para levar esas imaxes poéticas a unha pantalla"

A única condición que lles puxestes aos autores foi que non se limitasen a empregar os textos (lidos ou impresionados) sobre unha sucesión de imaxes, para que se aproveitasen todos os recursos da linguaxe cinematográfica, non si?

As únicas condicións eran a duración, que debía estar ao redor dos cinco minutos, e ademais fomos flexibles nisto, e a única condición estética foi que non se empregasen os poemas íntegros. Queríamos evitar que se caesen en solucións un pouco obvias, como o recitado do poema sobre un conxunto de imaxe.

Escribiuse que na obra de Díaz Castro as imaxes son fundamentais, dende a paisaxe até a xeración de imaxes visuais. En certa medida, este conxunto de curtas achegan un imaxinario visual da poética de Díaz Castro?

Díxose de Díaz Castro moitas veces que era un poeta puro, un poeta que durante anos vai pulindo e peneirando o seu libro, e que non está en contacto co mundo literario e está afastado das modas. Nun momento, ademais, na que as tendencias van máis encamiñadas cara a temas sociais, a súa obra ten máis compoñentes filosóficos e mesmo relixiosos, cunha espiritualidade panteísta, digamos. E este estilo creativo lígao a tradicións poéticas doutro tempo e doutros lugares, coma a poesía americana do XIX, até mesmo Walt Whitman, nese espírito de contacto coa natureza, que no fondo é un contacto coa infancia e a mocidade, que é a paisaxe na que creceu. E todos eses elementos ademais son puramente cinematográficos, uns elementos que ademais deberían facilitar a achega a Díaz Castro dende as artes plásticas ou a música. Nese senso, é difícil facer unha aproximación a Nimbos dende unha linguaxe cinematográfica narrativa, polo que o cinema experimental se cadra é a mellor ferramenta para levar esas imaxes poéticas a unha pantalla. A imaxe poética  non ten relato, e polo tanto a mellor forma de tratala é co mesmo espírito de xogo coa linguaxe, neste caso da linguaxe do cinema.

"Case non hai celebración sen peza audiovisual biográfica que conte a vida do autor. Pero o que non houbo foron outro tipo de pezas que fosen máis aló de intentos explicativos da figura homenaxeada"

Nos últimos anos houbo un esforzo porque na celebración das Letras e nas creacións a partir dos autores homenaxeados tivese unha presenza máis importante o audiovisual. Nalgúns casos, cunha relación máis directa, coma no caso de Pereiro ou de Vidal Bolaño, e neste ano, dunha maneira máis mediada...

Pois non sei se estou moi de acordo con iso, non sei se realmente hai un esforzo maior. No caso de Vidal Bolaño, si, porque a relación era moi evidente e estaba moi próxima, e ademais tiñamos a adaptación de Doentes para o cine. Pero mesmo no caso de Pereiro, o único que tivemos foi o documental interrompido de Iago Martínez e Alex Cancelo. Neste caso o documental estaba mellor feito que outros, pero non deixaba de ser o que un pode esperar das achegas a un homenaxeado dende o audiovisual. Na actualidade, polo peso do audiovisual na vida da xente, igual que non hai praza sen pelouriño, case non hai celebración sen peza audiovisual biográfica que conte a vida do autor. Pero o que non houbo foron outro tipo de pezas que fosen máis aló de intentos explicativos da figura homenaxeada. Neste senso, posiblemente o Proxecto Nimbos non sexa fácil de manexar nas escolas, ou fácil de programar nas televisións, pero tampouco era esa a nosa intención. Vai máis aló do habitual, dos bustos parlantes falando sobre un autor, tratábase de facer unha celebración sobre un poeta que nos gusta.

Iniciativas como esta poderían formar parte das actividades escolares?

Creo que precisamente a figura de Díaz Castro permitía isto, non se trata de facer o mesmo con todos os autores, porque autores distintos merecen achegas distintas. O importante é que se asuma que a creación audiovisual pode facerse de maneiras moi diferentes, que non ten por que limitarse ao modelo de documental da TVG da década dos oitenta. E mesmo que se promovan iniciativas máis amateurs, que mesmo os escolares creen as súas obras de maneira libre, sen reproducir modelos que creo que son moi pouco estimulantes. Os documentais máis informativos xa os farán quen os teña que facer, pero os adolescentes de hoxe levan todos cámaras de alta definición nos seus petos, e poden elaborar todo tipo de contidos audiovisuais. Ás veces as celebracións das Letras parece que se converten en algo rutineiro, no que se fan os mesmos murais ou os mesmos documentais, nos que semella que dá igual de quen se fale. Estaría ben facer apostas distintas, e con cada autor realizarlle homenaxes específicas, atendendo á súa singularidade.

 

Lista de curtametraxes publicadas

ALFA - OMEGA

© Xosé Antón Cascudo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.