Do 4 ao 8 de xuño celebrarase na Coruña o S8. Mostra de Cinema Periférico, que coma nas edicións anteriores presenta unha programación moi selecta, na que o cinema xaponés será o gran protagonista, pero que tamén amosará algunhas das obras máis recentes do novo cinema galego. Sobre todo, centrarase en obras e en olladas galegas que, como emigrantes ou viaxeiras, exploran outras paisaxes e xentes, e tamén os camiños de ida e volta. Poderase ver, por exemplo, a última longametraxe de Xurxo Chirro, Une histoire seule (2013), que parte dunha viaxe persoal na que se perde en medio da néboa na procura da localidade francesa de Rolle, onde vive Godard. E, na sección Sinais en Curto, proxectarase O proceso de Artaud, de Ramiro Ledo, e o proxecto Galicia 1936-2011. Estudos sobre o filme de Carlos Velo, un traballo de recuperación da obra do cineasta ourensán levado a cabo por Margarita Ledo, Ramiro Ledo e Pablo Cayuela.
Pola súa banda, Eloy Domínguez Serén participará en dúas sesións, unha primeira na que se proxectarán varias pezas, que teñen o nome xenérico de Anacos, filmadas en Suecia, Noruega, Sahara e Galicia, e unha segunda sesión, de debate e encontro entre director e público. Domínguez Serén leva anos vivindo en Suecia, onde rexistrou o seu día a día nunha caste de diario filmado, Pettring. O autor, que anteriormente realizara Hijos de Sansón, marchou vivir a Suecia, por amor, en 2012, e estableceuse por completo no país escandinavo, traballando primeiro na construción, e desenvolvendo alí a maior parte do seu traballo cinematográfico. Pero tamén en Noruega ou no Sahara e noutros países. Viaxeiro, visitante, emigrante, Domínguez Serén presentará na Coruña algúns deses anacos que rexistrou coa súa cámara.
Que son eses Anacos?
Eses Anacos son fragmentos de proxectos máis longos nos que aínda estou a traballar. Porque nestes últimos dous anos fun bastante prolífico na filmación, gravei moitas horas de material, pero non tanto no traballo de edición e montaxe. Vou amosar algunhas pezas que xa están pechadas e que son autoconclusivas, pero a maior parte son fragmentos de proxectos máis ambiciosos. Estou moi ilusionado por esa sesión, porque aínda que traballos meus xa se amosaron en Galicia, no Play-Doc, no S8 ou en Cineuropa, eu nunca puidera estar presente neses pases, porque sempre andaba fóra, en Barcelona ou Suecia.
Gústache a proposta do S8?
Si, é fascinante. Precisamente por estar fóra, até o ano pasado non puidera asistir nunca como espectador, e quedei marabillado. E ao mesmo tempo tiña unha sensación agridoce, pensando nas cousas que nós, os fillos do dixital, perdemos, ao non estar en contacto con eses soportes antigos, físicos, esa relación táctil co cinema.
"Teño unha sensación agridoce, pensando nas cousas que nós, os fillos do dixital, perdemos, ao non estar en contacto con eses soportes antigos, físicos, esa relación táctil co cinema"
Sempre é interesante, ademais, asistir a ese traballo en progreso...
Si, eu comecei traballando cun formato de diarios filmados, como en Pettring, e é un formato no que me sentín moi cómodo, porque me daba a oportunidade de reinventar o filme todo o tempo. Eu gravaba pezas que aos dous meses me parecían xa caducas, xa non se axustaban ao momento vital no que me atopaba. Polo tanto, sentía a necesidade de amplialas, até se converter nun proxecto moito máis amplo, chamado Norte Adiante, que teño a sensación de que o vou vivindo, vai quedando tamén desfasado. Eu vexo as películas en constante transformación, algo cambiante. Non sei se é algo positivo ou negativo. Seguramente para os produtores e distribuidores non é tan alentador, pero para min é fascinante.
"Vexo as películas en constante transformación, algo cambiante. Non sei se é algo positivo ou negativo. Seguramente para os produtores e distribuidores non é tan alentador, pero para min é fascinante"
A pesar de ser pezas moi distintas, atopas algún fío condutor entre todos eses anacos, e entre as experiencias que viviches en Suecia, Sáhara ou Galicia?
É algo que eu mesmo me pregunto moito. Cando me convidaron a presentar no Festival Punto de Vista, en Navarra, fragmentos da miña obra, coma os que vou presentar tamén aquí, eu tiña a sensación de que as pezas eran tan distintas entre si, que non parecían feitas pola mesma persoa. Porén, un dos espectadores díxome que aínda que o rexistro dos filmes era moi distinto, el si que notaba a mesma ollada en todos os filmes. Creo que a conexión que se establece entre todos estes traballos é a curiosidade, a obsesión por comprender o que está a acontecer, mirándoo dende fóra. Sempre teño a ollada, para ben ou para mal, do visitante, esa ollada inocente, nova, fresca. De feito, nos diarios de Suecia, parei de filmar o día que xa non sentía esa curiosidade. E, en cambio, á hora de filmar en Galicia, despois de tanto tempo fóra, estou empezando a ter tamén esa sensación de visitante, estou recuperando esa ollada novidosa. Tamén teño a sensación de que sempre filmo adaptándome á cultura que estou filmando. Por exemplo, as pezas gravadas en Noruega son moi contemplativas, moi serenas, mantendo as distancias, que é a forma que teñen eles de relacionarse. E en cambio no Sahara, son todo o contrario, son moi próximas ás persoas que filmo, cunha gran curiosidade mutua.
"Creo que a conexión que se establece entre todos estes traballos é a curiosidade, a obsesión por comprender o que está a acontecer, mirándoo dende fóra"
Supoño que o que filmas está tamén determinado pola forma en que te relacionas coas persoas que filmas...
Para min era fundamental aprender o sueco, aínda que alí podía vivir perfectamente en inglés, pois todo o mundo é bilingüe. E quero pensar que o tipo de relación que agora establezo con alguén en Suecia é moi distinta polo feito de falar en sueco. E no Sahara tamén quixen aprender a súa lingua; por suposto non podo falala, pero si aprendín palabras, expresións, saúdos. E quero pensar que, aínda que eles son moi afables con todos os visitantes, comigo foron especialmente receptivos porque eu achegábame a eles no seu idioma. E o mesmo en Noruega, onde me esforzaba en falarlles en sueco, que é moi semellante ao noruegués, e creo que por esta razón a relación foi máis próxima.
Como é Suecia? Temos unha serie de imaxes preconcibidas do país, positivas na súa meirande parte, que non sei se rompiches despois de vivir alí...
Eu creo que de entrada é un país que pode resultar hostil, a nivel social e climatolóxico, sobre todo para alguén do sur de Europa, Latinoamérica, Oriente Medio ou o Corno de África, que son as comunidades de inmigrantes máis numerosas. Hostil, no sentido de que aínda que non se sente un rexeitamento, tampouco se sente unha benvida cálida, unha vontade de integración. É certo que o Estado sempre amosou unha vontade por integrar a todos os que chegaban alí, hai cursos gratuítos de sueco, pero creo que hai unha certa tendencia á segregación, propiciada polo desinterese mutuo entre os nativos e os inmigrantes. No día a día non hai esa integración, hai barrios para brancos e barrios para os demais. Suecia xa non é a Suecia de Olof Palme; aínda que é certo que hai un gran nivel de benestar e de democracia, sobre todo comparado cos países do sur de Europa, é un país extremadamente consumista. E eles mesmos son conscientes de que se ese consumismo se detivese, o país se paralizaría. Con todo, o certo é que malia e as dificultades iniciais, cada vez me sinto máis cómodo e integrado en Suecia e o feito de ter aprendido o idioma foi un factor determinante nese sentido.
"En Suecia hai unha certa tendencia á segregación, propiciada polo desinterese mutuo entre os nativos e os inmigrantes"
Que proxectos tes entre mans ou pendentes?
Como che comentaba antes, estou traballando no proxecto de Norte Adiante, que chegará a ser unha longametraxe. Despois teño outro traballo, que fixen aquí en Galicia, Jet-Lag, que xa está montad e pendente de conversas coa produtora. Teño outro proxecto, Midwinter, que quero construír coas pezas que gravei en Noruega, e outra peza que gravei en Suecia, No novo ceo. E finalmente teño que pensar que fago con todo o material que gravei no Sahara.