0 Gardados para despois

“Temos que recuperar a insubmisión activa, dicir que non, e que iso transcenda en feitos”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A Quenlla cumpre 30 anos. E celébrao cun disco que recolle 26 cancións inéditas, creadas en distintas fases do grupo. Algunhas, mesmo de antes da etapa de Mini e Mero en Fuxan os Ventos. Porque non só hai problemas que continúan desde aquela. É que dereitos e liberdades que foran conseguidos con moito esforzo están a ser esmagados. Por iso, os cantores e cantoras de A Quenlla convocan a insubmisión. Falamos con Mero.

Nun momento en que o que se leva é sacar vídeos no canto de discos, A Quenlla publica un dobre CD con 26 temas.

É que nós sempre fomos uns espécimes raros que andamos a contracorrente. Estamos nun tempo complicado. Sufrimos ese desacougo de ver como están a roubarnos os dereitos acadados: o ensino, a sanidade; como están a maltratar a lingua, como está morrendo o rural… E, como cantores, como relatores dun tempo, cómpre que digamos as cousas. Porque debe prevalecer máis o amor que esas formas de traizón que nos están a impoñer e que agora ademais toman a forma de decretos e leis. Este é un disco no que falamos de moitas cosas e mesmo recuperamos temas antigos, de antes de Fuxan os Ventos, como Emigración, con letra de Curros Enríquez.

"Debe prevalecer máis o amor que esas formas de traizón que nos están a impoñer e que agora ademais toman a forma de decretos e leis"

Eu nunca pensei que os nosos fillos ían ter que emigrar e isto está pasando. Son temas que seguen a ter vixencia porque estamos a vivir unha involución total que non nos cabe nos ollos nin no corazón. E temos que dicirlles aos que están a provocala que son uns terroristas dos afectos. Hai que avergoñalos publicamente. Por todo isto temos que recuperar a insubmisión activa, dicir que non, e que iso transcenda en feitos e votos, non podemos seguir co suicidio colectivo que nos propoñen. Por iso fixemos esta gravación, para achegarnos o que poidamos a ese proceso que ten que ser colectivo. Para dicir a verdade. Que será a nosa verdade, certo, mais desde logo estará máis cerca da realidade que a que eles din.

"Eu nunca pensei que os nosos fillos ían ter que emigrar e isto está pasando. Son temas que seguen a ter vixencia porque estamos a vivir unha involución total que non nos cabe nos ollos nin no corazón"

Musicades moitos poemas, que non é nada raro en A Quenlla. Cunqueiro, Curros, Lois Diéguez, Lorenzo Varela, Salvador García-Bodaño, Anisia Miranda, Rábade Paredes, Manuel María, Darío Xohán Cabana….

Musicamos poetas que non se deixaron perverter. Que hai moitos intelectuais que se venderon, que van a estes Xacobeos de morte… E a min dáme moita pena. Hai intelectuais galeguistas, algúns deles que foron obxecto de veneración, que están calados e con medo, paralizados e atados por catro mequetrefes que lles poden dar unha subvención.

O outro piar de A Quenlla era a música tradicional. Mais este é máis un disco de “canto de intervención”, como din en Portugal.

A música tradicional é o que nos gusta, é a nosa referencia e volvemos e volveremos a ela. É a música da dignidade colectiva, ademais do faro no que se miran moitos outros países. É a envexa de moitas outras culturas, que admiran o xeito no que perdura en nós. Mais esta vez pareceunos que había unha urxencia de dicir as cousas destoutra maneira, de reivindicar a nosa dignidade como pobo. De dicir que non pode someternos ninguén.

"A música tradicional é o que nos gusta, é a nosa referencia e volvemos e volveremos a ela. É a música da dignidade colectiva, ademais do faro no que se miran moitos outros países"

Amor, dor e loita son os conceptos que salienta o título. Amor ao país, dor pola regresión actual e loita para impedir que continúe. “Queremos ser donos de nós” é unha frase moi presente

Son 26 temas que tocan moitas cousas. Consecuencia do amor ao país é a dor polo que lle pasa, e a dor é o que fai que debamos espabilar e que loitemos. Non vale cunha insubmisión pasiva, con deixarnos ir. Temos que saír, facernos protagonistas e dicir que non. Ningún político debería poder durmir mentres haxa xente buscando comida nos caldeiros do lixo. Por iso a nosa é unha chamada á loita efectiva, a romper o silencio. Eu sempre dixen que a nosa lingua non é de dereitas nin de esquerdas. É de dentro, e os que non teñen dentro son as que a combaten. O Estado español leva moito tempo repartindo ventoeiros, desprezos á nosa lingua. Xa desde o momento que a lei lle dá un tratamento predilecto a unha lingua en prexuízo das outras.

Non hai xustiza sen igualdade… E todo isto produce desespero. Miras aos ollos da xente e ves que está triste, que non chega a fin de mes… porque nos roubaron e seguen a facelo. E non é certo que gastaramos demais. O que pasa é que aos que roubaban parecíalles pouco, o que roubaban, e roubaron aínda máis para leváreno lonxe. Nós, como cantores, temos que dicilo. Están a afogarnos e non é a primeira vez. Tamén tentaron afogar aos Irmandiños, ou ás xentes do monte Medulio, aos mártires de Carral. E sempre houbo quen dixo que non e non esqueceu.

"Non hai xustiza sen igualdade… E todo isto produce desespero. Miras aos ollos da xente e ves que está triste, que non chega a fin de mes… porque nos roubaron e seguen a facelo"

Aínda que non é musica tradicional, si está moi presente no disco a cultura popular. Cántase aos emigrantes, aos mariñeiros que morren no mar, aos labregos aos que lles dixeron que sobraban…

Porque aínda que queiramos escapar da música tradicional os nosos ollos sempre miran para ela. É como no poema de Carlos dos Santos, con letra de Xosé Lois García. Carlos dos Santos era un portugués que amou o noso país, que tiña saudades do Porto e de Lisboa, mais que amou a nosa xente e que quedou entre nós, que asumiu como propia a nosa cultura… A cultura tradicional témola presente sempre, é a nosa xoia e está nas estruturas musicais do disco. Por exemplo, Na romaría do medo, leva unha muiñeira tradicional.

Na romaría do medo leva zanfona e, como, Os cegos andantes, lembra os cantares de cego, que xa tiñades en Silencios na memoria. É outra das vosas moitas liñas de traballo…

Si. Na romaría do medo fora asinada con seudónimo porque fala de dous homes asasinados por loitar pola súa dignidade. Eses cantares son parte da nosa memoria, que non podemos ignorar. Temos que coñecela e emendala e se cadra despois virá o perdón, pero non hai futuro sen memoria. Levamos xa 30 anos con A Quenlla e fomos abrindo moitas liñas de traballo. Temos xa máis de dez discos, ademais do traballo que facemos para vídeos ou obras de teatro e outros proxectos. Agora imos sacar un disco no que musicamos quince poemas de Díaz Castro, que leva tamén unha fotobiografía de Alfonso Blanco e unha película (de Xulio Xiz) na que sae Díaz Castro recitando, paseando… A poesía de Díaz Castro é dunha sensibilidade incrible, e ademais ten unha visión de país moi considerable. No disco poñemos música ademais a algúns textos que estaban inéditos e que agora vai publicar Armando Requeixo.

"A poesía de Díaz Castro é dunha sensibilidade incrible, e ademais ten unha visión de país moi considerable"

E segues a facer recollas de música tradicional polo país?

Recollín durante moito tempo e sabía que chegaría un momento en que habería que recoller menos e transcribir máis. Agora estou máis nesa fase de recuperar o escrito, de organizar os arquivos… Debo levar unhas 12.000 coplas pasadas e transcritas. Fixemos xa dous discos de coplas, cantos e romances de cego e estamos pensando en facer outros dous, ou un máis grande.

Hai poetas cos que tedes unha relación especial. O disco anterior, Unha vez foi o trebón, sobre as revoltas irmandiñas, foi feito sobre textos de Manuel María. E xa había poemas del no voso primeiro traballo, Os tempos inda non, non son chegados.

Non só porque era un poeta especial, é que era un gran amigo noso. Encargabámoslle textos, el propoñíanos cancións, escribía na súa máquina para nós… O disco anterior era como unha débeda que tiñamos con el, co noso gran amigo que marchou antes de tempo. Coma outros poetas da nosa terra chairega, é un dos autores que atopaba os termos precisos e necesarios para dicir as cousas, que nos descubrían coas súas palabras mundos inimaxinables, como antes fixera Cunqueiro, Fole… Autores que, sen querer adoutrinar, abríannos os ollos ao mundo…

E como se escolle entre tantos poetas queridos?

Pois estamos a preparar monografías de autores e iso axuda. Neste disco vai Penélope de Díaz Castro, aínda que como che dixen fixemos un monográfico del para o Día das Letras. Porque é urxente tamén facer monografías sobre máis poetas, como Rosalía de Castro, para que non a falseen chamándolle chorona e mansa. Porque era, tamén, combativa e rebelde. Necesitamos tamén facer un disco de Cunqueiro, porque rompeu moldes na poesía e non se lle recoñece o que debera desde os territorios da música galega. Tamén temos un proxecto con textos de Neira Vilas sobre a emigración, ese drama que está no noso ADN, porque sufrimos continuos gobernos que non souberon conseguir o pan para todos…

"Necesitamos tamén facer un disco de Cunqueiro, porque rompeu moldes na poesía e non se lle recoñece o que debera desde os territorios da música galega. Tamén temos un proxecto con textos de Neira Vilas sobre a emigración"

Hai un tema dedicado a Prolingua, Cando amar é pecado.

É un tema de agradecemento. Eu estiven na primeira reunión e tiven esa sensación que se ten ás veces de que é unha película que eu xa se vivira. Porque vía que había dous postulados. Un limpo, honrado e digno e outro de peros e problemas. Collín o micro e así o dixen. Porque este tipo de proxectos moitas veces acaban en nada porque hai catro que se venden. Alí prometeuse que ninguén se vendería, e non pasaron nin quince días para que algúns se venderan ás actividades dos que decretaron en contra do galego. Este tema é para os que non se venderon e seguen loitando pola nosa lingua.

A peza que leva a letra de Rábade Paredes reivindica os proletarios. Que cada vez se nomean menos, aínda que cada vez hai máis.

Si, cada vez hai máis, somos máis. Ese é un dos nosos primeiros temas, xa desde antes de Fuxan os Ventos. Estaba sen gravar e falamos con Xesús e con Helena porque, claro, había que gravalo xa. Xesús era daquela o proletario e solteiro, agora é casado e proletario loitador. Vimos desa caste e non podemos renunciar nin dedicarnos á vida contemplativa, temos que loitar polo que é noso.

Loitan, por exemplo, os guerrilleiros de Guerrilleiro ou o Che, na Elexía ó Che.

O do Che é porque parece que se puxo de moda deostar o Che e traizoalo. E A Quenlla está polas persoas que loitan pola liberación dos pobos. O Che é un símbolo, unha luz fronte a opresión, o medo, a escuridade, a sombra que nos asombra… Guerrilleiro é un poema de Manuel María, e nel a voz de muller aclara que non eran bandoleiros nin ladróns, senón loitadores pola liberdade. Nós non propoñemos unha loita violenta, mais si chamar ao poder á orde e poñelo no seu sitio, porque temos dereito a ser tratados con dignidade e que se reparta o que algúns queren só para eles, reparando os danos feitos.

"Nós non propoñemos unha loita violenta, mais si chamar ao poder á orde e poñelo no seu sitio, porque temos dereito a ser tratados con dignidade"

Mais tamén tedes cancións de amor. Como Saberte ou Mai, con letra túa.

E máis, porque como che dicía antes, ás veces non sabemos se o disco vai do amor á loita ou da loita ao amor. Suso Vaamonde era moi amigo noso e temos falado con el disto: non teriamos un país normalizado ata que puideramos cantarlle ao amor na nosa lingua. Por iso había que facer cancións de amor en galego. Ademais, o amor é, sen dúbida, o sentimento que move o mundo. Mai é un poema do libro que saquei hai pouco. Mini musicouno e converteu en canción ese sentimento tan fondo de ausencia da nai…

Moita xente foi pasando polo grupo nestes 30 anos.

E algúns xa non están entre nós. Como Chus a violinista, que era unha namorada do grupo e non faltaba nin a un ensaio. Ela fixera un testamento no que dicía que se morría quería que lle cantasen Foi de amor. Case non fomos capaces de facelo no enterro. E nunca volvemos cantala. Houbo outros membros do grupo que non están con nós: Malula, César Morais e Fiz Otero… e que sempre temos moi presentes. Despois, claro, en tantos anos houbo xente que decidiu deixar o grupo porque non daba aguantado o ritmo dos ensaios, os concertos…, polo traballo, pola familia… Porque hai moito traballo silandeiro, que non se ve. Dos fundadores seguimos Chus e Teresa, Mini e eu, desde o 84.

"Agora Mini e eu vivimos só a 14 quilómetros un do outro e podemos compartir moitos anceios relacionados coa música"

E como vos coñecestes ti e Mini?

Hai moitos anos, no instituto. Ao principio nin soñabamos coa música. Cadramos en actividades, tiñamos amigos comúns… e fomos xuntándonos. Os dous vimos de familias humildes e nunca fomos a clases de música, daquelas un privilexio. Comezamos tocando de oído, aprendendo de forma autodidacta, tocando con guitarras vellas, indo polos teleclubs… Eu comprei a miña guitarra polos 15 anos… Foi moi importante tamén o noso encontro co cura Xesús Mato, o que nos ensinou da música tradicional… Agora Mini e eu vivimos só a 14 quilómetros un do outro e podemos compartir moitos anceios relacionados coa música.

Tamén botastes ben anos en Fuxan os Ventos… Este disco voso pode lembrar nalgunhas cousas aqueles primeiros anos de Fuxan.

Estivemos máis de 10 anos en Fuxan, si. E o que nunca deixamos foi a idea que tiñamos da música, como elemento clarificador, aínda que deixaramos o nome de Fuxan. A proba de que non mudamos de idea son os 30 anos que levamos con A Quenlla, que é unha forma de cantar metendo tamén o dedo na ferida. Porque o folclore pode mostrar unha cara elegante pero muda ou neutra que non nos interesa. Non queremos ser neutrais, hai que mollarse. O folclore tamén pode denunciar, dicir as cousas, ademais de reconfortar. E nós nunca abandonaremos a crítica nin a nosa independencia.

"Non queremos ser neutrais, hai que mollarse. O folclore tamén pode denunciar, dicir as cousas, ademais de reconfortar"

Lembro unha vez, no Pichel, que diciades iso. Que na música tradicional galega había letras combativas, críticas, que moitas veces eran agochadas. Que non todo era a saia da Carolina.

A saia da Carolina era, ademais de un canto inclusivo, un canto que exerceron os republicanos, conciliador, que reivindicaba a comunidade, a igualdade das mulleres… e iso tamén hai que explicalo. O que pasa é que sacadas de contexto e segundo como se traten estas cancións non se entenden ou non teñen máis matiz que o dato neutro da súa letra… É como os cantares de cego. Houbo cegos adictos ao poder mais tamén os houbo que eran críticos e que foron perseguidos por iso. E nós sabemos que se fósemos neutros e mansos sairiamos na tele, nas radios, teriamos máis promoción… Pero non estamos dispostos a deixarnos manipular.

"A saia da Carolina era, ademais de un canto inclusivo, un canto que exerceron os republicanos, conciliador, que reivindicaba a comunidade, a igualdade das mulleres… e iso tamén hai que explicalo"

Hai tempo preparabades unha ópera cun ucraíno, que debe de ser Saxa. Tamén tedes con vós a Omeljan…

E senten verdadeira veneración pola nosa música tradicional. Son os dous moi sabios na música, e quedan pasmados diante do que temos como pobo. A min prodúceme vergoña allea que non sexa recoñecido aquí o que sexa admirado por fóra. E dígoo polas persoas, e non polas institucións, que xa non espero nada delas e porque están mandadas por parvos. Parece que temos asumido que temos unha terra, uns viños, unha gastronomía…, mais non que temos unha música tradicional, unha literatura tradicional moi viva, a verdadeira cultura está viva e é nosa… En Varsovia estabamos falando nunha mesa redonda e tivemos que apartar as mesas e ensinarlles a bailar a muiñeira, porque aquela xente non quería saír de alí ata aprender os puntos básicos e embeberse un pouco máis no noso. Demos unha charla en galego, que nos traducían ao castelán, e desde este ao polaco, e non houbo problema ningún. Se fose nalgún sitio da Coruña xa mesmo nos chamarían a atención por falarmos en galego… É incrible que en vez de estar orgullosos nos avergoñemos do noso. Terías que ver as caras de Saxa e Omeljan cando vían os cambios que faciamos nas cancións… Son dous grandes músicos, e ás veces tocan na rúa pasa sacar algún carto. En A Quenlla, ademais, ninguén cobra. Só se pagan os gastos e cando se pode.

E aquel proxecto que había para que as túas recollas fosen dixitalizadas e gardadas no Museo do Pobo Galego?

Están alí as cintas xa dixitalizadas. Faltan transcricións e contextualizacións de información. Son recollas feitas no tempo, miñas e dos meus alumnos. Eu fun profesor de galego e os meus alumnos gravaban poemas, contos… nas súas casas, que despois analizabamos nas aulas. As miñas cintas e as deles, cos seus nomes, están no arquivo do patrimonio oral. Pero aínda non están todas dispoñibles para consultar, hai moito que transcribir e ademais o proceso atrasouse porque, cando xa tiñan parte do traballos feitos, entraron uns hackers e estragárono vilmente. Agora aínda non hai cartos para seguir, pero o proxecto segue en pé. O arquivo de Mini está tamén dixitalizado e o de Mato tamén. Hai outros moitos compiladores cos seus traballos no mesmo proxecto. Non é só música. Son relatos, contos, lendas, puntos de danza, fotos…

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.