Xabier P. DoCampo, escritor na súa terra

Xabier P. Docampo, descubrindo a placa da avenida que agora leva o seu nome © Prolingua

Xabier P. DoCampo, coruñés de adopción, naceu "chairego e fillo de chairegos" o 5 de abril de 1946 en Rábade, pero aos poucos meses foi vivir a Castro de Ribeiras de Lea, onde residiu até a adolescencia. Mais Docampo nunca perdeu a relación coa Terra Cha, e alí, en Castro de Ribeiras de Lea, recibiu este sábado a homenaxe que lle tributou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). De feito, o propio Docampo ten escrito que "Os meus primeiros recordos, aquelas lembranzas que se escribiron no meu corazón coma as gozosas cicatrices dun ferro quente, son dun pai muiñeiro, coa pucha enfariñada. Aquel muíño na beira do Lea que daba voltas mentres meu pai ía baleirando sacos de trigo subido ao alto".

A homenaxe de O Escritor na súa Terra, aprobada por unanimidade pola asemblea da AELG, quere ser unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado cobra un protagonismo fundamental. Os actos comezaron co descubrimento dun Monólito conmemorativo e a plantación dunha árbore escollida polo autor (unha cerdeira), nun acto no que interviron Cesáreo Sánchez (presidente da AELG), Mercedes Queixas (secretaria da Asociación), Mario Outeiro (en representación da Deputación de Lugo) e os alcaldes de Rábade e Castro de Rei. A seguir, procedeuse ao descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado a unha avenida (dende agora Avenida Xabier P. DoCampo).

Finalmente, fíxoselle entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), acompañada dunha laudatio a cargo de Agustín Fernández Paz, que foi respondida polo homenaxeado. Os actos pecháronse cun Xantar de confraternidade.

 

Xabier P. DoCampo

Traballou como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa, sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica e Nova Escola Galega. Pertenceu tamén ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación e participou na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), pertencendo cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente. Ten recibido numerosos galardóns, coma o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 1995 ou o White Ravens 1997. Entre as súas obras destacan Cando petan na porta pola noiteBolboretasO libro das viaxes imaxinarias ou A illa de todas as illas.

Xabier P. Docampo, descubrindo a placa da avenida que agora leva o seu nome © Prolingua
Momento de plantación da cerdeira © Irene Pernas Murias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.