Filgueira Valverde será homenaxeado no Día das Letras en 2015

Xosé Filgueira Valverde © http://www.ahlm.es/

Xosé Filgueira Valverde será o protagonista das Letras Galegas en 2015, segundo vén de anunciar a Real Academia Galega, que esta mañá celebrou xuntanza ordinaria do seu Pleno. Xela Arias, Ricardo Carvalho Calero, Celestino Fernández de la Vega e Manuel María eran os outros catro candidatos, como adiantou Praza o pasado xoves.

Historiador, divulgador e escritor, Filgueira Valverde (Pontevedra 1906-1996) vinculouse dende novo a proxectos culturais e do país. Dese xeito, formou parte xunto con Lois Tobío e Fermín Bouza Brey do nacemento do Seminario de Estudos Galegos. Tamén se involucrou na creación en 1927 do Museo Provincial de Pontevedra, do que foi secretario até 1942, ano no que se converteu no seu director, mantendo a colaboración co Museo ata a fin dos seus días. Tamén dirixiu o Instituto Padre Sarmiento e a casa Museo de Rosalía de Castro. A Real Academia Galega, da que comezou a formar parte o 27 de xullo de 1941, destaca o seu carácter "prolífico e dotado dunha grande erudición" e tamén as súas achegas á historia e á etnografía, así como ao estudo da literatura galega medieval.

A Real Academia Galega, da que comezou a formar parte o 27 de xullo de 1941, destaca o seu carácter "prolífico e dotado dunha grande erudición"

Na década de trinta foi colaborador habitual de El Pueblo Gallego e Logos, onde mantiña unha sección de comentarios bibliográficos asinados co pseudónimo J. A. A súa obra literaria atinxe a narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro. Así, na súa producción figuran o libro de relatos Os nenos (1925) e a semblanza O vigairo (1927); o texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces (1936), de novo asinada por J. Acuña; as antoloxías Cancioneiriño de Compostela (1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969), en que recolle composicións do medioevo e etapas posteriores que fan referencia á capital galega, ou o volume de prosas literarias Quintana viva (1971).

Tras o alzamento militar de xullo de 1936, apoiou os golpistas con proclamas na radio e chegou a ser alcalde de Pontevedra entre 1959 e 1968

Militou no Partido Galeguista e participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia, na Asemblea de Municipios celebrada en Santiago en decembro de 1932. Porén, acabaría por abandonar o PG en maio de 1935, cando encabezou un grupo de militantes deste partido en Pontevedra que deixaron o partido como protesta pola política de pactos coa esquerda, organizando a Dereita Galeguista. Tras o alzamento militar de xullo de 1936, apoiou os golpistas con proclamas na radio e nas décadas seguintes ocupou numerosos cargos públicos durante o franquismo. Chegou a ser alcalde de Pontevedra entre 1959 e 1968, ademais de procurador en Cortes polo terzo de representación familiar e membro do Consello Económico Sindical Provincial de Pontevedra. 

Como alcalde, estimulou a acción cultural e promoveu numerosas medidas dirixidas á conservación do conxunto histórico e monumental de Pontevedra. Tamén foi durante ese período cando se permitiu a instalación da empresa ENCE. Xa en democracia, foi conselleiro de Cultura con Fernández Albor e presidente do Consello da Cultura Galega entre 1991 e 1996.

A figura de Filgueira Valverde foi sempre polémica

A figura de Filgueira Valverde foi sempre polémica. Fronte ao seu traballo a prol da cultura e da lingua, que lle valeu unha habitual definición como "preservador da cultura galega", criticouse a actitude mantida durante a guerra civil e a súa participación institucional na ditadura franquista. Dende a relación de Filgueira Valverde con Alexandre Bóveda, con quen cruzou cartas moi críticas motivadas pola adscrición do Partido Galeguista á esquerda, até o seu papel nas depuracións de mestres nos anos inmediatamente posteriores ao golpe. Xosé Manoel Núñez Seixas ten establecido diferenzas entre as actitudes mantidas ante o franquismo por algúns representantes do galeguismo católico ou conservador, contrastando a posición de Filgueira Valverde coa de Otero Pedrayo, "quen aínda estando de acordo con algunhas das medidas recatolizadoras do novo réxime, non se aveu a colaborar activamente con el, desenvolvendo un calado e discreto labor de proselitismo e oposición, situándose como referente para a nova xeración de galeguistas" e mesmo coa de Risco que "se refuxiou na erudición etnográfico-literaria e no silencio político".

Xosé Filgueira Valverde © http://www.ahlm.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.