O escritor Alberto Ramos conta as súas novelas por premios. Dor pantasma (2006) foi merecedora do premio Biblos Clube de Lectores, Con acuse de recibo (2009) foi distinguida no certame de novela por entregas de La Voz de Galicia e Todos os días (2012) foi galardoada no Vicente Risco de creación literaria. O tamén xornalista e colaborador de Praza Pública segue a tendencia co seu último traballo, Máscaras rotas para Sebastian Nell, que este xoves recibiu o premio García Barros que convoca o Concello da Estrada por, en opinión do xurado, a "grande orixinalidade estrutural da obra" e a "poderosa historia" que contén e que será publicada por Galaxia.
O propio autor compostelán admite que o seu novo libro é o premio que vén de recibir supoñen un "salto" na súa carreira literaria. Ramos realiza un "cambio de rexistro por completo" para debullar a vida de Sebastian Nell, un veterano actor inglés curtido no Hollywood dos anos 70 e 80 do século XX que, ante o avance da súa enfermidade de Alzheimer, decide retirarse interpretando O rei Lear no Teatro Nacional de Inglaterra. Pero en plena representación Nell esquece o texto e acto seguido desaparece para a opinión pública. Non reaparecerá ata que lle concede unha entrevista a xornal The Guardian, cerna da novela de Ramos.
O xurado valora a "orixinalidade estrutural" desta "poderosa historia"
Ese cóctel de cinema e xornalismo constrúe "un diálogo narrativo" entre Sebastian Nell e a xornalista que o entrevista, unha "narración dialogada" que constrúe os personaxes e a súa vida e tamén realiza "un percorrido pola historia das últimas décadas", explica o autor. Os bombardeos de Londres na II Guerra Mundial, a beatlemania dos anos 60 ou a vida de Hollywood salfiren un libro no que tamén sobresae o thatcherismo do seu protagonista. Sebastian Nell, "ademais dun elitista é un homófobo, un machista" e un tipo "soberbio, petulante e desagradable en xeral". Pero asume a praxe política da primeira ministra británica "dun xeito pragmático, aínda que lle quede moi á esquerda porque el é moito máis ultraliberal", detalla Ramos.
A obra narra a vida dun actor inglés do Hollywood dos 70 e 80 e, ao tempo, realiza un percorrido polo século XX
Para o escritor a "importancia" de abordar esa época recae en que "moito do que hoxe vivimos" vén dese "laboratorio inglés". "Foise coando por Europa durante as últimas décadas" e iso, precisamente, "é o que pensa Sebastian Nell", que ve a Thatcher como a muller que "marca a política de Europa para varias décadas". O protagonista "pode ser moi odiable" pero tamén acabar, dalgún xeito, por "caerlle ben" a uns lectores que, afirma o escritor, "superan calquera desafío" e por iso non cre que presentar unha novela con este formato "sexa un risco". "É un libro máis que poderá gustar máis ou menos", subliña ante un público que "supera os riscos mellor que calquera escritor". O resultado, este outono nas librarías.